Banco de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Banco de Vigo foi unha institución bancaria galega, fundada en Vigo.

Orixes[editar | editar a fonte]

Banca Viñas Aranda[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Edificio Banca Viñas-Aranda.

O 27 de decembro de 1918 constituíuse en Vigo a Banca Viñas Aranda, fundada polo corredor de comercio Francisco Andrés Viñas Blanco (nado en Noia o 28 de novembro de 1878), o avogado Salvador Aranda Tapias e o comerciante Antonio Malvido Sanmartín. A Banca era unha sociedade comanditaria por accións, cun capital de 120 000 pesetas (100 000 en capital comanditario e 20 000 en capital colectivo).

Edificio Banca Viñas-Aranda, de Antonio Palacios, na Rúa Reconquista de Vigo.

A Banca Viñas (nome co que era coñecida) transformouse en sociedade anónima o 20 de outubro de 1920, establecendo o seu domicilio no número 23 da rúa Colón de Vigo. O 10 de novembro de 1930 inaugurouse unha nova sede social, nun edificio deseñado por Antonio Cominges Tapias na esquina da rúa Colón con Marqués de Valladares. En 1944 a sede trasladouse ao número 9 da Rúa da Reconquista, a un edificio encargado a Antonio Palacios.

A pesar da situación de crecemento económico, na década de 1950 tiveron lugar numerosos impagados e atrasos na cancelación de créditos. Amais, a Banca Viñas Aranda apenas tiña recursos propios, polo que tivo que ser intervida durante dous anos polo Banco de España.

Banco de Vigo-Viñas Aranda S.A.[editar | editar a fonte]

Contratouse a un asesor externo para estudar a viabilidade da entidade, que tiña unha actividade moi reducida. Tras levarse a cabo determinados cambios, decidiuse a súa continuidade co nome de Banco de Vigo-Viñas Aranda S.A. Fixouse un capital social de 10 000 000 de pesetas e renovouse o Consello de Administración, incorporando a importantes empresarios, designando un novo Director Xeral.

Banco de Vigo S.A.[editar | editar a fonte]

Até esa época existía outro banco chamado Banco de Vigo, que desapareceu por quebra. Por ese motivo, o 1 de xullo de 1957 o Banco de Vigo-Viñas Aranda reduciu a súa denominación, pasando a chamarse simplemente Banco de Vigo S.A.

Evolución[editar | editar a fonte]

Nesta nova etapa o Banco de Vigo rexistrou uns crecementos moi reducidos, polo que producía uns beneficios moi escasos. Amais, a demanda de créditos era superior ao que se podía ofertar. Os socios non tiñan vontade nin capacidade suficientes para achegar á entidade recursos necesarios para dinamizar a actividade, e os antecedentes do Banco tampouco axudaban na entrada de novo accionariado. A xestión do Banco limitábase practicamente a administrar o negocio existente, sen acadar crecementos suficientes. Entre algúns socios empezaron a aparecer desavinzas, o que precipitou a venda do Banco.

Venda[editar | editar a fonte]

Dada a situación anterior, en 1969 iniciáronse conversas co Banco Popular Español para estudar a adquisición do Banco de Vigo. A partir do 1 de xaneiro de 1970, xa baixo control do Banco Popular, abriuse unha nova etapa na xestión e na traxectoria do Banco de Vigo. Ao clausurarse nese mesmo ano a sucursal do Banco Popular en Vigo, traspasouse todo o seu negocio na cidade ao Banco de Vigo. En 1973 recibiu outro novo impulso ao fusionarse co Banco de Lugo o 31 de decembro, pasando a formar o Banco de Galicia, que se mantivo activo até a súa en 2008 por parte do Banco Popular Español.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]