Xacoba de Cisneros de Castro e de Puga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xacoba Cisneros de Puga
III Condesa de Ximonde (ou Gimonde)[1]
Pazo de Ximonde.jpg
Pazo de Ximonde

Nome completoXacoba de Cisneros de Castro e de Puga
Outros títulosIII Vizcondesa de Soar
Nacemento7 de xaneiro de 1813
San Miguel de Sarandón, Vedra
Falecemento9 de abril de 1860
Santiago de Compostela
PredecesorPedro Cisneros de Castro, II Conde de Ximonde
Sucesorá súa morte extinguiuse o título
ConsorteXosé María Bermúdez Acevedo
Descendencianon tivo fillos supérstites
ProxenitoresPedro Cisneros de Castro
Agostiña de Puga e Araúxo

Escudo de Xacoba de Cisneros de Castro e de Puga

Xacoba de Cisneros de Castro e de Puga, tamén coñecida como Xacoba Cisneros de Puga e Condesa de Ximonde, nada en San Miguel de Sarandón (Vedra) o 7 de xaneiro de 1813 e finada en Santiago de Compostela o 9 de abril de 1860, foi unha aristócrata galega do século XIX.

Foi moi coñecida na época por apoiar fervorosamente a causa carlista, e por ser, como o seu pai, mecenas das artes e as letras en Santiago.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Xacoba Cisneros de Puga naceu no Pazo de Ximonde, filla do II Conde de Ximonde, Pedro Cisneros de Castro e de Agostiña de Puga e Araúxo. Casou con Xosé María Bermúdez Acevedo e, aínda que tivo fillos, ningún deles sobreviviuna. A Condesa de Ximonde e o seu esposo, que era o Señor de Ramiráns e Vilardefrancos, así como rexedor perpetuo de Ferrol, foron fervorosos partidarios do carlismo galego.

Xosé María tratou de organizar as milicias galegas para proclamar o infante Carlos María Isidro de Borbón, o irmán de Fernando VII, como rei de España, en detrimento da súa sobriña a raíña Isabel II. Amais, foi o presidente da Xunta Superior que constituíron os carlistas na Coruña ao comezo da primeira guerra carlista, para dirixir as milicias galegas.

Pola súa parte, a Condesa de Ximonde financiaba a causa. E, segundo algúns autores, escondía armas nos colchóns que lles enviaba aos milicianos carlistas e confeccionaba pezas de roupa para os facciosos, até o punto de que se di que foi a inventora da boina vermella que, segundo a tradición, procede de Galicia.[3][4]

Xacoba Cisneros de Puga viviu en Santiago de Compostela no seu pazo da rúa do Preguntoiro, coñecido como Pazo de Ramirás (e que desde 2011 alberga o Auditorio de Novacaixagalicia),[5] onde faleceu o 9 de abril de 1860, aos 47 anos de idade, sen deixar descendentes vivos.

Herdanza[editar | editar a fonte]

Ao falecer a condesa sen descendencia, os seus títulos nobiliarios extinguíronse. Os seus bens mobiliarios e inmobiliarios deixounos, en gran parte, ao seu curmán segundo o coronel Manuel María Puga Feijoo.[6] Este feito tivo grande influencia nas relacións de poder na Galicia da época, dado o peso que a familia Cisneros tiña na política da rexión.

Os membros da rama principal dos Cisneros, que era a que ostentaba o título real de condes de Ximonde, exerceron durante varias xeracións o cargo de rexedor perpetuo da cidade de Santiago de Compostela. Pero esta rama familiar extinguiuse coa morte da Condesa, polo que o seu herdeiro, Puga Feixóo, recibiu canda as súas propiedades gran parte do poder político que os Condes ostentaban.

O seu fillo Luciano Puga Blanco foi alcalde de Santiago de Compostela, deputado en tres ocasións e senador en dúas, apoiando ao Partido Conservador de Antonio Cánovas del Castillo durante a Restauración Borbónica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na grafía histórica.
  2. Manuel Blanco Rey (1999): "D. Luciano Mª Puga Blanco (1842–1899): un personaje rescatado del olvido". Betanzos: Anuario Brigantino.
  3. Xosé Ramón Barreiro (2008): O carlismo galego. Santiago: Editorial Laiovento. ISBN 978-84-8487-143-9.
  4. Sinopse[Ligazón morta] polo autor.
  5. "Auditorio Novacaixagalicia.". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2014. Consultado o 30 de abril de 2014. 
  6. Héitor Picallo Fuentes (2004): Casa de Maíndo (A Estrada, Pontevedra): Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do Condado de Ximonde. Documento 7. Testamento de D. Xacoba Cisneros de Puga, III condesa de Ximonde e Vizcondesa de Soar, pp. 219-225.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]