Condado de Ximonde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Condado de Ximonde
Primeiro titularXoán Antonio de Cisneros de Castro e da Barrera
ConcesiónCarlos III
1776
Actual titularExtinguido

O Condado de Ximonde, tamén escrito Condado de Gimonde, foi creado por Carlos III en 1776, para favorecer a Xoán Antonio de Cisneros de Castro e da Barrera (1721-1798), rexedor perpetuo da cidade de Santiago e Señor do Couto de Ximonde (ou Gimonde, na grafía da época), da Torre de Couso, do Pazo de Anzobre e do Castelo de Mirón, entre outras propiedades.

O condado recibe o seu nome da aldea de Ximonde (San Miguel de Sarandón, Vedra).

Historia[editar | editar a fonte]

O Pazo de Ximonde.

Carlos III, que xa premiara a Cisneros de Castro co Vizcondado de Soar, por Decreto dado no Palacio Real de El Pardo o 14 de xaneiro de 1766, concedeulle o título de Conde de Ximonde.

Cisneros de Castro casou con Manuela de Ulloa e Cadórniga, falecendo o 20 de decembro de 1798, aos 77 anos.

O segundo titular foi seu fillo Pedro María de Cisneros de Castro e Ulloa, nacido o 2 de decembro de 1770, e que foi membro da Xunta Suprema do Reino de Galicia que se formou na Coruña en 1808, na Guerra da Independencia, como Rexedor de Santiago, e que representou ao Reino de Galicia na Xunta Suprema Central que se reuniu en Aranjuez e Sevilla (23 de setembro de 1808 a 30 de xaneiro de 1810) para gobernar España durante o cativerio de Fernando VII, e participando nas Cortes de Cádiz en representación de Galicia.

Pedro de Cisneros foi un importante mecenas que protexeu ao arquitecto Melchor de Prado e ao seu irmán o escultor Manuel de Prado, ao pintor Plácido Fernández e a outros artistas galegos da súa época. Apoiou a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, que fora fundada en 1774, e creou en 1805 unha Escola Gratuíta de Debuxo para promocionar a pintura galega.

Casou con Agostiña de Puga e Araúxo, coa que tivo unha única filla, Xacoba de Castro e Puga.

Faeceu en Santiago o 12 de xullo de 1824, aos 53 anos de idade.

A irmá de Pedro, María do Carme Cisneros de Castro e Ulloa, estivo casada con Pedro Martín Cermeño y García de Paredes (1722-1790), enxeñeiro militar, Gobernador de Orán, Capitán Xeneral de Galicia e Presidente da súa Real Audiencia (1778-1784), que foi o autor do proxecto das Casas de Paredes, que configuran parte da fachada marítima da Coruña. O matrimonio Cermeño tivo un fillo, Xacobe Cermeño Cisneros, primo de Xacoba Cisneros de Puga.[1] pero que morreu antes de que Xacoba, a quen deixou herdeira de todos os seus bens (e que foi a terceira e última titular do condado de Ximonde).

Xacoba Cisneros de Puga, a famosa Condesa de Ximonde, viviu en Santiago, no seu Pazo da rúa do Preguntoiro e continuou o labor do seu pai como mecenas, e tamén apoiando fervorosamente a causa carlista. Efectivamente, a Condesa e o seu marido Xosé María Bermúdez Acevedo, señor de Ramiráns e Vilardefrancos, así como rexedor perpetuo de Ferrol, foron dos máis fervorosos partidarios galegos do carlismo. En 1836 Xosé María tratou de organizar as milicias galegas para proclamar ao Duque de Molina, o infante Carlos María Isidro de Borbón (o irmán de Fernando VII, como rei de España, en prexuízo da súa sobriña, a raína Isabel II. O marido da Condesa foi o Presidente da Xunta Superior que, en 1836, constituíron os carlistas na Coruña, ao comezo da primeira guerra carlista, para dirixir as milicias galegas, e a propia Condesa financiaba a causa. Segundo algúns autores,[2][3] a Condesa escondía armas nos colchóns que enviaba aos milicianos carlistas e confeccionaba pezas para os facciosos, até o punto de que se di que foi a inventora da boina vermella, que segundo a tradición procede de Galicia.

Lista de condes de Ximonde[editar | editar a fonte]

Pazos dos condes de Ximonde[editar | editar a fonte]

Os condes de Ximonde eran propietarios de numerosos Pazos e casas solariegas en diferentes poboacións de Galicia debido á concentración de patrimonios que se produciu ao longo de varias xeracións na familia Cisneros. Isto ten provocado certa confusión, dado que en diversos lugares de Galicia coñécense distintos pazos como residencia dos condes de Ximonde. Os máis relevantes son:

  • O Pazo dos Condes de Ximonde, o seu lugar principal de residencia urbana, situado no número 23 da rúa do Preguntorio de Santiago de Compostela, tamén coñecido como Pazo de Ramirás (polo título do esposo da Condesa de Ximonde), en cuxa fachada se conserva o escudo nobiliario dos antigos propietarios. Neste Palacio residiron durante un século os dous condes, Antonio e Pedro Cisneros, e a condesa Xacoba Cisneros. Despois do faleceiento da condesa, en 1860, foi residencia de Perfecto Conde Fernández, Catedrático de Histoloxía da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago e esposo de Elisa Puga Blanco, filla do herdeiro da condesa, Manuel María Puga Feixóo. Hoxe é sede do Auditorio de Afundación.
  • O Pazo de Ximonde, na parroquia de San Miguel de Sarandón (hoxe no concello de Vedra), situado nunha fermosa paraxe xunto ao río Ulla, cuxa xurisdición incluía un couto salmoneiro. O Pazo é un edificio notábel cuxa planta orixinal debe corresponder ao último terzo do século XVI, pero foi obxecto dunha importante remodelación barroca no século XVIII. No patio, ao que se accede por unha escalinata, hai dúas fontes, unha delas integrada no edificio. Destaca na fachada o escudo cos brasóns dos Cisneros. Foi neste Pazo onde naceron os tres condes de Ximonde, e era a principal residencia campestre destes.
  • O Pazo de Anzobre, na parroquia de San Pedro de Armentón, Arteixo, de grande antigüidade, que procedía da familia Figueroa, e que á morte da Condesa de Ximonde foi residencia do seu herdeiro Manuel María Puga Feixóo, e os seus descendentes, Luciano Puga Blanco e Manuel María Puga e Parga, alcalde da Coruña, coñecido como Picadillo.
  • O Pazo de Meréns, na parroquia de San Cibrán de Meréns, concello de Cortegada (Ourense). En Meréns está tamén outra casa dos condes de Ximonde, chamada Casa Grande, cun escudo de pedra moi notábel; en realidade era a casa solariega de Agostiña de Puga e Araúxo, Señora de Meréns, a esposa do II conde de Ximonde Pedro María de Cisneros.
  • A Torre de Couso, tamén chamada Casa Grande de Maíndo,[4] na parroquia de Santa María de Couso, na Estrada. Está cerca do Pazo de Ximonde, á beira do Ulla e tiña xurisdición sobre o coto salmoeiro de Couso, pero na beira pontevedresa. Despois da morte da Condesa de Ximonde foi residencia de Gumersinda Puga Blanco, outra das fillas de Puga Feixóo, casada con outro Catedrático da Universidade de Santiago, Xesús Novoa.
  • O Pazo do Conde de Ximonde en Cuntis, en Cuntis (Pontevedra). É un edificio barroco de planta rectangular do século XVIII con dous brasóns na súa fachada principal. Era a residencia do Conde de Ximonde, Pedro de Cisneros, cando acodía ao Balneario de Cuntis polas súas doenzas, balneario que contribuíu a mellorar e modernizar. Hoxe o edifico utilízase como Sala de Exposicións e Biblioteca.

Distinción entre os titulares do Condado[editar | editar a fonte]

Ordinariamente, cando as fontes historiográficas galegas citan ao Conde de Ximonde fano en sentido positivo e refírense ao II conde, Pedro María Cisneros de Castro e Ulloa. El foi o intelectual ilustrado que apoiou á Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, que creou unha Escola de Debuxo, que pensionou a pintores como Plácido Fernández de Arosa e seu irmán para que se formasen na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, que protexeu ao arquitecto Melchor de Prado, ao escultor Manuel de Prado e a outros artistas galegos da súa época. El foi quen creou e financiou unha Fundación Hospitalaria en Cuntis e reconstruíu os seus Baños, para que puidesen beneficiarse das súas propiedades medicinais os que carecesen de medios suficientes. Foi así o mesmo segundo conde, Pedro Cisneros de Castro, quen reconstruíu ás súas expensas a igrexa parroquial de Cuntis, que fora queimada polos franceses durante a guerra da independencia como represalia polo ataque dos veciños da vila ás tropas francesas cando avanzaban cara á Estrada desde Santiago.

Así mesmo, Pedro Cisneros de Castro e Ulloa foi o home patriota e responsábel que organizou en Galicia a resistencia contra as tropas francesas durante a guerra da independencia. O que se integrou na Xunta Suprema do Reino de Galicia que se formou en xuño de 1808 na Coruña e que participou na reorganización do exército para a insurrección contra os franceses e a toma de Vigo. Tamén foi Pedro Cisneros o político moderado elixido polas Xuntas Supremas de Galicia, Castela e León reunidas en Lugo para representar ao Reino de Galicia, xunto con Manuel Avalle, na Xunta Suprema Central de 34 membros que se constituíu formalmente en Aranjuez o 23 de setembro de 1808, presidida por Floridablanca, para gobernar España durante o cativerio de Fernando VII. El formou parte, con Jovellanos e Valdés, entre outros, da comisión da Xunta Central que se encargou de preparar o Regulamento das Cortes de Cádiz, e asinou na Illa de León o Decreto da Xunta Suprema Central de 29 de xaneiro de 1810 que convocaba as Cortes, así como o que ao día seguinte nomeou unha Nova Xunta de Rexencia, presidida polo bispo de Ourense, á que se lle trasladou o poder para que preparase e organizase ditas Cortes.

Por iso, chaman a atención outras citas históricas do Conde de Ximonde que non cadran con esta personalidade de intelectual ilustrado e que en realidade non se refiren a Pedro Cisneros. Así, cando en 1774 se crea en Santiago a Sociedade Económica de Amigos do País, dise que o Concello de Santiago, entón presidido polo Conde de Ximonde, plantea dificultades e inconvenientes, e impide reunirse na sede consistorial. Pero non se trata neste caso do segundo Conde, Pedro Cisneros, que só tiña catro anos en 1774, senón do seu pai, Xoán Antonio Cisneros de Castro e da Barrera, primeiro titular do Condado e de talante máis conservador.

Cando os estudos sobre o carlismo galego citan o apoio dos Condes de Ximonde ás partidas carlistas, tampouco se están refirindo ao II Conde, Pedro Cisneros de Castro e Ulloa, que faleceu en 1824,[2] antes do comezo das guerras carlistas, e cuxo perfil ilustrado non parece situalo neste campo. Refírense á súa filla, Xacoba Cisneros de Puga (1813-1860), III condesa de Ximonde, e ao seu esposo, Xosé María Bermúdez Acevedo, conde consorte que, en 1836, foi proposto como presidente da Xunta Superior Gobernativa que querían constituír os carlistas para dirixir as milicias galegas, e que segundo algunhas fontes foi xulgado e encarcerado por iso. A Xunta foi finalmente presidida polo clérigo Xoán Martínez Villaverde, coñecido como o Arcediago de Melide, pero a coordinación militar das partidas dirixíaa o conde. Por iso pode dicirse que os III condes de Ximonde foron, co marqués de Santa Cruz de Rivadulla, o III conde de Campomanes e o arcebispo de Santiago, Rafael Vélez, os principais apoios nobiliarios da causa carlista en Galicia. Cando o xeneral carlista Miguel Gómez Damas, Xefe do Estado Maior de Zumalacárregui, chegou a ocupar Santiago durante a súa famosa expedición de 1836, encontrouse cunha boa acollida dos condes e os seus apoios políticos, aínda que a ocupación de Santiago polos carlistas soamente conseguiu manterse durante un día.

Tamén foi Xosé María Bermúdez Acevedo, o conde consorte esposo de Xacoba Cisneros, quen se presentou ás eleccións a Cortes de febreiro de 1853, e resultou electo polo distrito de Allariz (Ourense), pero non chegou a tomar posesión do seu cargo, porque non se aprobou o Ditame da Comisión das Cortes que revisaba a regularidade dos comicios ao ser protestada a Acta por coacción atribuída ás autoridades da zona.[5] Este terceiro conde, que tanto se destacou durante a primeira guerra carlista, faleceu dous anos despois destas eleccións, en 1855, cinco anos antes que a condesa.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]