Sima Qian

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sima Qian
司馬遷 / 司马迁
Nacemento-145
 Longmen, China
Falecemento-90/-85
NacionalidadeWestern Han
EtniaPobo han
Ocupaciónhistoriador, poeta, escritor, astrólogo, filósofo, matemático e astrónomo
PaiSima Tan
FillosSima Qian's daughter (Yang Bis wife)
XénerosHistoria
Coñecido/a porRegistos do Historiador
editar datos en Wikidata ]

Sima Qian (chinés tradicional: 司馬遷; chinés simplificado: 司马迁; pinyin: Sīmǎ Qiān; Wade-Giles: Ssu1-ma3 Ch'ien1), nado no ano 145 a.C. en Longmen e finado en torno ao ano 90 a.C., ademais de escritor e astrónomo, foi o primeiro que tentou escribir a historia da China desde a súa creación. Todos os historiadores imperiais chineses inspiráronse na súa obra.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sima Qian naceu en Xiayang en Zuopingyi (arredor da actual Hancheng, provincia de Shaanxi) e viviu no reinado do Emperador Wudi (141-87 a.C.), un dos máis grandes soberanos chineses. Probablemente naceu cara ao 145 a.C., aínda que algunhas fontes dan o seu nacemento ao redor do 135 a.C.[1] Arredor do 136 a.C., o seu pai, Sima Tan (司馬談 / 司马谈, Sīmǎ Tán), recibiu un nomeamento para o posto relativamente baixo de "grande historiador" (tàishǐ 太史, "Grande escriba" ou "grande astrólogo").[2][3] O deber principal do grande historiador era formular o calendario anual, identificar que días eran ritualmente propicios ou pouco propicios e presentalo ao emperador antes do día de aninovo.[3] Ademais destes deberes, o grande historiador tamén viaxaba co emperador para realizar importantes rituais e rexistrar os acontecementos diarios tanto na corte como no país.[4] A familia de Sima Qian instalouse en Maoling, nos arredores da capital Chang'an.

Segundo o seu relato, á idade de dez anos, Sima foi capaz de "ler os escritos antigos" e foi considerado un estudoso prometedor.[4] Sima creceu nun ambiente confucianista e sempre considerou a súa obra histórica como un acto de piedade filial confucianista cara ao seu pai.[4]

No 126 a.C., cara aos vinte anos, Sima Qian iniciou unha extensa xira pola China tal e como existía na dinastía Han.[3] Comezou a súa viaxe dende a capital imperial, Chang'an (preto da moderna Xi'an), despois dirixiuse cara ao sur atravesando o río Yangtzé ata o Reino de Changsha (moderna provincia de Hunan), onde visitou o xacemento do río Miluo onde tradicionalmente se dicía que o poeta da era dos Estados Guerreros Qu Yuan se afogra a si mesmo.[3] Despois foi buscar o lugar de enterramento dos lendarios gobernantes Yu no monte Kuaiji e Shun nas montañas Jiuyi.[3][5] Posteriormente dirixiuse cara ao norte cara a Huai'an para ver a tumba do xeneral da dinastía Han Han Xin, e continuou cara ao norte ata Qufu, a cidade natal de Confucio, onde estudou rituais e outros temas tradicionais.[3] Máis tarde, traballou para o goberno, efectuando, notabelmente, unha misión de inspección na rexión da actual cidade de Kunming (provincia de Yunnan), aínda acabada de ser conquistada polas forzas imperiais. As súas funcións permitíronlle efectuar novas viaxes polos catro ángulos do Imperio, salvo algunhas zonas consideradas de bárbaros entón, como a provincias de Fujian e de Guangdong. Sima casou novo e tivo unha filla.[6]

En -107, logo dun dó de tres anos, Sima Qian sucedeu ao seu defunto pai no posto de cronista, tendo ao mesmo tempo acceso aos arquivos reais. Puido así continuar a obra ambiciosa emprendida xa polo pai: un libro que relatase toda a historia da China.

Sima Qian comezou a escribir en -104. No 99 a.C., Sima involucrouse no asunto Li Ling, en que Li Ling e Li Guangli, dous oficiais militares que dirixiron unha campaña contra os Xiongnu no norte, foron derrotados e levados cativos. O emperador Wu atribuíu a derrota a Li Ling, e todos os funcionarios do goberno posteriormente condenárono por iso. Sima foi a única persoa que defendeu a Li Ling, que nunca fora o seu amigo mais a quen respectaba. O emperador Wu interpretou a defensa de Li por Sima como un ataque ao seu cuñado, Li Guangli, que tamén loitou contra os Xiongnu sen moito éxito e condenou a Sima á morte. Nese momento, a execución podía conmutarse por cartos ou por castración. Nesa época ser emasculado significaba a infamia e moitos chineses preferían morrer antes de vivir semellante deshonra. Dado que Sima non tiña cartos suficientes para expiar o seu "crime", escolleu este último e foi lanzado a prisión, onde aguantou tres anos. Describiu así a súa dor: "Cando ves o carcereiro tocas abxectamente o chan coa testa. Á simple vista dos seus subalternos apodérase de ti o terror ... Esa ignominia nunca pode borrarse". Sima cualificou a súa castración de "o peor de todos os castigos".[4]

No 96 a.C., ao saír da prisión, Sima optou por vivir como eunuco de palacio para completar as súas historias, no canto de suicidarse como se esperaba dun cabaleiro erudito que fora desgraciado por ser castrado.[6]

A súa obra principal é o Shiji (史記 / 史记, Shǐjì), que comprende tamén numerosas biografías, entre as cales a de Confucio, e remontando ata os lendarios Sanhuangwudi, que Sima Qian parece considerar como verídicos.

A súa obra pode compararse, en parámetros occidentais, á Biblia ou ás Historiai de Heródoto.

Historiador[editar | editar a fonte]

Primeira páxina de Shiji

Aínda que o estilo e a forma dos escritos históricos da China variou a través do tempo, o Shiji ("Rexistros do grande historiador") definidor a calidade e o estilo a partir del. Antes de Sima as historias escribíanse como certos sucesos ou certos períodos da historia dos estados. A súa idea de historia xeral influíu aos historiadores posteriores como Zheng Qiao (郑樵) na escritura de Tongshi (通史) e Sima Guang en Zizhi Tongjian. A forma histórica chinesa da historia dinástica (historia jizhuanti das dinastías) codificouse na historia da segunda dinastía por Ban Gu en Han Shu, pero os historiadores recoñecen a obra de Sima como o seu modelo, que se converteu no "formato oficial" da historia da China. O Shiji comprende 130 capítulos formados por medio millón de caracteres.[6]

Figura literaria[editar | editar a fonte]

O Shiji está recoñecido como modelo de literatura biográfica cun alto valor literario e mantense como libro de texto para o estudo do chinés clásico. As obras de Sima influíron na escritura chinesa, servindo de modelo para varios tipos de prosa no movemento neoclásico ("renacemento" 复古) do período das dinastías dinastía Tang e Song. Tamén influíu na escritura de ficción, como nos relatos clásicos do período medieval (dinastías Tang-Ming) así como na novela vernácula do período imperial posterior. Sima tivo unha inmensa influencia na historiografía non só na China, senón tamén no Xapón e en Corea.[7] Durante os séculos seguintes, o Shiji foi recoñecido como o maior libro de historia escrito en Asia.[7]

A súa influencia deriva principalmente dos seguintes elementos da súa escritura: a súa habilidosa descrición das personaxes históricas empregando detalles do seu discurso, das súas conversas e das súas accións; o seu innovador uso da linguaxe informal, humorística e variada; e a simplicidade e a concisión do seu estilo. Mesmo no século XX o crítico literario Lu Xun describiu o Shiji como "a canción máis perfecta dos historiadores, un "Li Sao" sen rima" (史家之绝唱,无韵之离骚) en "Hanwenxueshi Gangyao" (汉文学史纲要).

Outras obras literarias[editar | editar a fonte]

A célebre carta de Sima ao seu amigo Ren An sobre o seu sufrimento durante o caso Li Ling e a súa perseveranza na escritura de Shiji está admirada como exemplo de estilo literario en prosa e amplamente estudado na China.

Sima Qian escribiu oito rapsodias (fu 赋), listadas no tratado bibliográfico do Libro de Han. Porén, todas agás unha, "Rapsodia en lamento polos cabaleiros que non coñeceron o seu tempo" (士不遇赋) están perdidas, e mesmo a sobrevivente posiblemente non estea completa.

[editar | editar a fonte]

Sima e o seu pai foron astrólogos (taishi) 太史 na corte da dinastía Han. Nese tempo, os astrólogos tiñan un importante papel, sendo responsables de interpretar e predicir o curso do goberno segundo a influencia do Sol, a Lúa e as estrelas, así como outros fenómenos, como eclipses solares e terremotos.

Antes de recompilar o Shiji, en 104 a.C., Sima Qian creou Taichuli (太初历) que pode ser traducido como "O primeiro calendario" sobre a base do calendario da dinastía Qin. Taichuli foi un dos máis avanzados calendarios do seu tempo. A creación de Taichuli foi recoñecido como unha revolución na tradición chinesa do calendario, xa que estableceu 365,25 días no ano e 29,53 días no mes.

O planetoide 12620 Simaqian recibiu ese nome na súa honra.

Legado[editar | editar a fonte]

O innovador enfoque historiográfico de Sima Qian é que vai alén dunha historia "cortesá" dinástica. Esta forma existía antes del e, por suposto, aínda existe (o Tongshi). A historia oficial da dinastía Han, o Hanshu (汉书 / 漢書), foi escrita por Ban Gu (班固) no século I d.C. Enmárcase no principio dinástico e persegue un enfoque máis restrinxido.

As primeiras crónicas do período Han caracterízanse polo desexo dos seus autores de limitarse a gravar o suceso, sen darlle ningunha interpretación. A cuestión da dependencia dos padróns históricos aínda non xurdira. A causa disto é, en parte, o feito de que tal análise só se fai posible pola acumulación dunha certa cantidade de información. Sima Qian foi o primeiro historiador chinés e un dos primeiros (xunto con Polibio) no mundo en intentar sistematizar os datos históricos, resumilos e extraer algunhas conclusións a partir del. Non obstante, cómpre ter en conta que, aínda que as obras de Polibio e Sima Qian son semellantes, tamén hai características que os distinguen significativamente entre si.

Mentres que o traballo histórico de Polibio se centra na xeneralización dun curto período de existencia en varios países, o estudo de Sima Qian examina toda a historia da China dende épocas míticas ata o século II a.C., é dicir, un período total de non menos de dous mil anos. O libro ten un total de 130 volumes e máis de 500 000 caracteres chineses, unha cantidade de traballo extremadamente grande, que non ten comparación nin precedentes na ciencia contemporánea. De feito, o desenvolvemento da historiografía chinesa entrou nunha nova fase coa chegada das memorias históricas. O interese pola ciencia da historia viu reforzada a súa posición.

Sima adoptou un novo método de clasificación de datos históricos e un novo enfoque para escribir arquivos históricos. Analizou os rexistros e ordenounos para que se puidesen empregar na fabricación do Shiji. Pretendíase descubrir os patróns e principios do desenvolvemento da historia humana.

Sima subliñou o papel que a xente tivo na evolución histórica da China. Foi a primeira vez na historia da China en que o pobo se puxo no punto de mira da análise do desenvolvemento histórico. Tamén denunciou o emperador Han Wudi, que era moi supersticioso, e rezou aos deuses de forma extravagante. Tamén intentou comprender a lóxica do ascenso e descenso das dinastías e explicar o principio da existencia da China.

En canto á composición dunha obra complexa, o material dalgunhas seccións (benji, shijia) distribúese coa secuencia cronolóxica das outras (zhi), feito que suxire un esquema temático: seccións musicais, cerimonias, calendarios, crenzas, economía, así como biografías detalladas (Liezhuan). Entre estes, por exemplo, está a primeira biografía coñecida de Laozi, o lendario autor do Daodejing. Shiji foi unha investigación histórica privada (e non a crónica oficial) e, polo tanto, máis libre das presións do poder, o que permitiu ao autor empregar unha linguaxe máis suave e colorida. Aínda que Sima era o prefecto dos grandes escribas do goberno de Han, rexeitou escribir o Shiji como historiografía oficial que abranguía só personaxes de alto rango. O traballo céntrase tamén na xente da clase baixa e, polo tanto, considérase un "verdadeiro recordo" da parte máis escura da China da dinastía Han.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Knechtges (2014), p. 959.
  2. de Crespigny (2007), p. 1222.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Knechtges (2014), p. 960.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Hughes-Warrington (2000), p. 291.
  5. Watson (1958), p. 47.
  6. 6,0 6,1 6,2 Jay, Jennifer (1999). ""Sima Qian"". En Kelly Boyd. The Encyclopedia of Historians and Historical Writing Volume 2. FitzRoy Dearborn. pp. 1093–1094. 
  7. 7,0 7,1 Hughes-Warrington 2000, p. 296

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • de Crespigny, Rafe (2007). A Biographical Dictionary of Later Han to the Three Kingdoms (23–220 AD). Leiden: Brill. ISBN 978-90-04-15605-0. 
  • Hughes-Warrington, Marnie (2000). Fifty Key Thinkers on History. Londres: Routledge. 
  • Knechtges, David R. (2014). "Sima Qian 司馬遷". En Knechtges, David R.; Chang, Tai-ping. Ancient and Early Medieval Chinese Literature: A Reference Guide, Part Two. Leiden: Brill. pp. 959–965. ISBN 978-90-04-19240-9. 
  • Watson, Burton (1958). Ssu-ma Ch'ien: Grand Historian of China. Nova York: Columbia University Press. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]