Acontecemento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo acontecemento nomea a alteración azarosa, singular e continua cuxos efectos modifican o sentido do histórico, o social ou o político. Pódese dicir que acontecemento é un feito que sucede nun momento dado. Caracterízase por unha ruptura ou transición no curso dos sucesos, e polo seu carácter relativamente efémero, aínda que teña repercusións no futuro. Nun sentido xeral, acontecemento é todo o que sucede e posúe un carácter pouco común, ata excepcional.

Xornalismo[editar | editar a fonte]

En xornalismo refírese a unha cadea de eventos notables implicacións sociais que merece ser informar como noticia.

Historia[editar | editar a fonte]

En historia designa un feito notable de actualidade, do mesmo xeito que na historia tradicional acontecemento era un feito memorable, que merecía ser conservado na memoria e rexistrado por escrito, ou sexa, relatado polos historiadores. A renovación da metodoloxía histórica que iniciou a escola de Annales, devalúa ao acontecemento e á que chama historia dos acontecementos ou historia evenemencial (évènement, histoire évènementielle) como o nivel inferior do tempo histórico (tempo curto). Sería a espuma da historia (Fernand Braudel), é dicir, a parte máis visible pero menos significativa, que foi o obxecto tradicional da historiografía pero que debe ser superada ao considerar o nivel intermedio da conxuntura e o nivel superior da longa duración.

Filosofía[editar | editar a fonte]

En sentido filosófico todo acontecemento trata da perseveranza dunha alteración na que se conxuntan, articulan e funcionan, nun sentido continxente e pode que mesmo paradoxal, múltiples e heteroxéneos mecanismos azarosos, singulares e produtivos de experiencias e subxectividades. Pódese caracterizar igualmente como a articulación de corpos, forzas políticas e sociais, maneiras de vivir, colectividades, prácticas, formas de sensibilidade, especies animais, vexetais e minerais, ficcións, etcétera. O acontecemento non debe confundirse co termo milagre na relixión ou teoloxía. Tampouco debe confundirse co termo feito, circunstancia ou suceso que teoricamente implica algo que xa sucedeu e que non é posible alterar.[1] Outro debate central en filosofía é o seguinte: Como deben ser entendidos os acontecementos? A semellanza dos obxectos, como entidades individuais susceptibles de ser localizados no espazo e no tempo, e descritos de diferentes maneiras, ou deben ser encarados como proposicións ou feitos cunha identidade que depende esencialmente dos conceptos nos que se atopan encadrados? Así mesmo, como subliña o filósofo galego Abraham Rubín, a crenza en que poida chegar un acontecemento –salvador ou catastrófico– é algo común a toda época inestable, como o é a perspectiva dos movementos sociais que asegura que ese acontecemento pode ser provocado polas subxectividades. Non obstante, non está claro que un acontecemento poida reducirse, sen máis, a aquilo que acontece na realidade efectiva.[2] A continxencia, de feito, é algo marcado etimoloxicamente no termo "acontecemento", como subliña Rubín, xa que a alusión sempre é a dúas cousas que caen xuntas ou que se tocan, xa sexa por coincidencia ou por contigüidade, que están unha ao carón da outra. Iso é un acontecemento, o que nos toca, o que cae xunto a nós.[3]

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

  1. Gilles Deleuze: Lógica del sentido. Barcelona, Paidós, 2005.
  2. Abraham Rubín: Vivir el acontecimiento. Aproximaciones desde el pensamiento contemporáneo. Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, 2016.
  3. Abraham Rubín: Vivir el acontecimiento. Ops. cit.