Cronista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cronista é o escritor que compila e redacta feitos históricos ou de actualidade. Ata a época da Ilustración era un equivalente de historiador, e ocupaba un cargo oficial para desempeñar estas funcións.

Cronistas nas idades media e moderna[editar | editar a fonte]

Sinatura de Xoán de Betanzos.

Antes da aparición do xornalismo moderno e a sistematización da crónica como un xénero xornalístico, tíñase por cronista ao escritor que narraba acontecementos de interese histórico; o termo era case equivalente a historiador. A diferenza dos escritores anónimos ou coñecidos de cantos épicos, os historiadores e cronistas distinguíronse pola vontade de veracidade nos seus relatos desde a Antigüidade. Na Idade Moderna, entendíase que o cronista documentaba feitos e costumes, polo que na práctica diferenciábao dos autores de historias xerais (por exemplo, o Pai Juan de Mariana, autor da famosa Historia de España (1591-1601), aínda que ás veces identificábanse con eles. Os reinos cristiáns medievais de Asturias, León e Castela mantiveron unha tradición de crónicas desde as que xustificaban a Reconquista e reforzaban o poder do rei (Mozárabe, Albeldense, Silense, Emilianense, Crónica Xeral de España?), a Estoria de España e a Grande e Xeral Estoria de Afonso X o Sabio (século XIII), ou as Crónicas de Pero López de Ayala (Crónica do rei don Pedro, de Henrique II, de Xoán II e de Henrique III, que serven sobre todo para xustificar a propios feitos do autor, Chanceler de Castela a finais do século XIV).

Véxase tamén: Crónicas reais.

Cronistas de Indias[editar | editar a fonte]

Despois do descubrimento de América polos europeos, coñecéronse os relatos dos chamados cronistas de Indias, que informaban sobre a xeografía e o modo de vida dos indíxenas americanos, desde as relacións do mesmo Cristovo Colón, o seu fillo Fernando, a famosa carta de Américo Vespucio e moitos outros descubridores e conquistadores como Hernán Cortés. O carácter xustificativo desa produción é claro. A achega en sentido contrario de Bartolomé de las Casas (Brevísima relación da destrución das Indias) foi tan transcendental que deu orixe á Xunta de Valladolid, en que lle deu réplica Juan Ginés de Sepúlveda; e ata á chamada Lenda negra ao divulgarse por toda Europa como propaganda antiespañola. A visión dos indíxenas, que viron os seus documentos e cultura material saqueados e destruídos, foi posible por algúns casos excepcionais, como o do inca Felipe Guamán Poma de Ayala.

Oficialmente o cargo de cronista de Indias iníciase coa documentación reunida por Pedro Mártir de Anglería que se pasa en 1526 a Frei Antonio de Guevara, cronista de Castela; e con Juan López de Velasco que fai o propio cos papeis do cosmógrafo maior Alonso de Santa Cruz, aos que suma o cargo de cronista. Antonio de Herrera é nomeado cronista maior de Indias en 1596, e publica entre 1601 e 1615 a Historia xeral dos feitos dos casteláns nas illas e Terra Firme do mar Océano, coñecida como Décadas. Antonio de León Pinelo (nacido en Lima, que recompilara as leis de Indias), Antonio de Solís e Pedro Fernández del Pulgar cubriron o cargo durante o século XVII. No século XVIII a institución conflúe coa creación da Real Academia da Historia e o Arquivo Xeral de Indias, destacando a figura de Juan Bautista Muñoz (Historia do Novo Mundo, que non completou).

Moitos cronistas de Indias centráronse en zonas xeográficas específicas, facendo crónicas rexionais de reinos de América.

Algúns cronistas destacados son: Bernal Díaz del Castillo, Fernando de Alva Ixtlilxóchitl, Inca Garcilaso de la Vega, Pedro Cieza de León, Hernán Cortés, López de Gómara, Diego Durán, Francisco Ximénez, Frei Toribio de Benavente, Frei Bernardino de Sahagún, Frei Francisco Vásquez, entre outros.

Uso posterior do termo[editar | editar a fonte]

O termo cronista comezou a utilizase máis a miúdo para designar ao autor de relatos contemporáneos. Á vez que se desenvolveu a historia como ciencia, e cun obxectivo que é á vez narrar e explicar o pasado, o cronista pasou a ser o simple relator de feitos espidos, recopilador de fontes ou escritor costumista, sobre todo cando se utiliza a súa función de cronista local (para o Madrid do Romanticismo, Ramón de Mesonero Romanos).

A finais do século XIX, co desenvolvemento do xornalismo popular, o de cronista converteuse nun oficio con pautas cada vez máis claras e específicas. Nos diarios modernos, é o que vai en busca das noticias e redáctaas sen aditamentos como puidesen ser as opinións, análises, parágrafos valorativos, que deben estar ausentes das crónicas. Os diarios estadounidenses, especialmente, fixaron normas para a súa redacción. A concisión e precisión do relato foron desde entón requirimentos básicos para a tarefa do cronista. De acordo cos manuais de redacción dos primeiros grandes diarios americanos e europeos, o cronista debe expor no primeiro parágrafo que ocorreu, cando ocorreu, onde ocorreu, como ocorreu, e, se é posible facelo de forma inmediata e sen incluír reflexión ou opinión, por que ocorreu. O resto da crónica será unha ampliación do breve relato inicial, en orde decreciente de importancia. Os cronistas achegan o material básico dos xornais, pero non son por iso son os xornalistas menos cualificados. O traballo do cronista é altamente valorado pola capacidade de captación en grao sumo importante ou novo nun suceso e dos detalles que resulten significativos ou emocionalmente impactantes (o interese humano).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]