Decadencia do Imperio Romano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A decadencia e caída do Imperio Romano é un concepto historiográfico que fai referencia ás transformacións operadas durante a Anarquía Militar e o Baixo Imperio Romano, que a partir de 395 conduciron a un rápido deterioro do poder romano, e ao afundimento do Imperio de Occidente, cuxo derradeiro emperador efectivo, Rómulo Augústulo, foi deposto polo caudillo hérulo Odoacro, empregado ao servizo de Roma.

A decadencia e caída do Imperio Romano é unha das cuestións máis debatidas e estudadas da Historia. É considerada por algúns como "o maior enigma de todos", e foi un dos eixos do discurso histórico clásico dende Santo Agostiño de Hipona. A ruína da -Roma eterna- perdurou como o paradigma por excelencia do esgotamento e morte das civilizacións, unha caducidade mundana interpretada como o precedente e anuncio da fin do mundo ou, polo menos, da civilización occidental. Os ss. XX e XXI viron multiplicarse o interese por este problema histórico, debido probablemente ao feito de que a civilización contemporánea ten moitos trazos comúns coa da Antigüidade Tardía, e a que a cultura occidental está nun período de transición, como a Roma dos ss. III e IV.[1]

A historiografía oscilou entre unha interpretación minimalista (a interrupción da serie de emperadores na parte occidental do Imperio) e unha maximalista (o afundimento dunha civilización e a creba dunha historia do mundo dividida en dúas etapas: unha antiga-pagá e outra moderna-cristiá). De igual xeito, dun extremo ao outro do espectro de teorías propostas, considerouse o proceso como unha longa transformación debida a fenómenos endóxenos (a "decadencia") ou un derrumbamento de súpeto por causas fundamentalmente esóxenas (a "caída").

Na actualidade predominan as teorías esóxenas menos dramáticas, aínda que sen restaren importancia aos problemas internos e ás consecuencias que produciu a irrupción dos xermanos no Imperio. Esta concepción continuísta defende a pervivencia ata época carolinxia -malia as invasións e violencias- das estruturas político-económicas fundamentais e da concepción do poder do mundo tardorromano. Xa suxerida polo sobranceiro historiador belga Henri Pirenne, esta corrente continuísta tería o seu maior expoñente en Walter Goffart, da Universidade de Toronto, ata certo punto en autores como o británico Peter Heather, e no seu caso máis extremo na moi criticada corrente fiscalista do francés Jean Durliat. Un exemplo serían as palabras do profesor Gonzalo Fernández Hernández, da Universidade de Zaragoza:

O Imperio Romano de Occidente enfrontouse a uns problemas entre 454 e 476 que desembocan nunha reunificación do Imperio (...) 476 non supón a fin de Imperio ningún (...) os soberanos bárbaros federados ao Imperio Romano recoñecen a soberanía nominal dun único emperador con sede en Constantinopla (...) en teoría esta situación perdura ata a coroación imperial de Carlomagno...
[2]

Por outra banda, segue habendo quen defenden unha visión máis "catastrofista" e acorde á concepción tradicional deste problema histórico, tal é o caso do arqueólogo británico Bryan Ward-Perkins. De igual modo, hai diferenzas entre os que poñen o acento no carácter romanista endóxeno das transformacións (como Goffart), e quen pola contra apuntan cara ao carácter xermanista esóxeno (como o austríaco Walter Pohl).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. (Blázquez 1973: 113).
  2. La crisis del Imperio Romano de Occidente (454-476 d. C.). En: Revista de arqueología, ano 28, nº 344, pp. 55-63.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]