A rápida modernización do país atopou oposición, especialmente entre grupos tradicionalistas da antiga clase samurai, que se rebelaron contra o novo goberno durante a década de 1870. Neste sentido, destacou a figura de Saigō Takamori, quen liderou a rebelión de Satsuma. Porén, tamén houbo apoios ao emperador dende o bando samurai, como os políticos Itō Hirobumi e Itagaki Taisuke.
O 3 de febreiro de 1867, o príncipe Mutsuhito, de catorce anos, sucedeu ao seu pai, o emperador Kōmei, como 122.º emperador do Trono de Crisantemo, co título de emperador Meiji.
Este cambio coincidiu coa presión sobre o shogunato gobernante para modernizar o Xapón, combinando os avances modernos cos valores tradicionais nipóns. Mutsuhito compartía estes ideais, polo que decidiu esixir a devolución do poder gobernamental ao emperador. O 9 de novembro de 1867, o shōgun Tokugawa Yoshinobu presentou a súa dimisión perante o emperador, abandonando formalmente o seu posto dez días despois. A restauración imperial sucedeu ao ano seguinte, o 3 de xaneiro de 1868, coa conformación do novo goberno. A caída de Edo no verán dese mesmo ano sinalou o final do shogunato Tokugawa, polo que se proclamou a nova era Meiji.
A primeira reforma do novo goberno foi a promulgación do Xuramento dos Cinco Artigos en 1868, co obxectivo xeral de elevar a moral e obter financiamento. O Xuramento consta dos seguintes apartados:
Establecerase unha asemblea deliberativa que decidirá sobre todos os asuntos públicos.
Todas as clases, altas e baixas, uniranse para a xestión dos asuntos do estado.
A xente común, así como os oficiais civís e militares, poderán cumprir coa súa propia vocación para previr o descontento.
Os malos costumes do pasado serán eliminados en favor das xustas leis da natureza.
Procurarase o coñecemento en todo o mundo para fortalecer as bases do mandato imperial.