Diplomática

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre unha disciplina, para as mulleres que exercen a diplomacia véxase: diplomático, diplomática
Arquivo do Reino de Galicia. Os arquivos son os lugares de actuación dos profesionais da diplomática e da arquivística

A diplomática é unha disciplina que trata do estudo das estruturas formais dos documentos solemnes, isto é, oriúndos das actividades gobernamentais ou notariais. A diplomática é parente da arquivística, designada como tipoloxía documental; arquivística é sinônimo de arquivoloxía. Á diplomática cómpre a tarefa da análise e da autenticidade documental, con base nos elementos formais, como o fondo paleográfico e a estrutura ou fórmula xurídica do documento.

A orixe da diplomática remóntase ao século XVII, mais actualmente contribúe noutros puntos esenciais da análise documental, tendo por fito principal a normativización das prácticas de catalogación de especies documentais.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

De re diplomatica..., Mabillon

Os estadistas foron os primeiros que deron a coñecer documentos de interese histórico, e foron os que lograron penetrar nos arquivos señoriais e nos das antigas abadías. A partir do século XVII comezaron a darse a coñecer documentos públicos e privados que pertenceron á idade media, útiles á historia para suplir a ausencia de crónicas e historiadores da época. Era imprescindible verificar a veracidade dos documentos reveladores.[2] Nos arquivos había gran número de documentos falsos.

A primeira aplicación salientable da diplomática realizárona Nicolao de Cusa, en 1433, e Lorenzo Valla, en 1440, que determinaron de xeito independente, que a doazón de Constantino, que se empregara durante séculos para lexitimizar a autoridade temporal do papa, era unha fraude. As técnicas diplomáticas desenvolvéronse como parte dunha serie de habilidades dos anticuarios durante a época da reforma e a contrarreforma.[3] A urxencia da diplomática como subdisciplina distintiva e recoñecible adoita datarse coa publicación de De re diplomatica de Jean Mabillon en 1681. Mabillon comezara a estudar documentos antigos coa vista posta no establecemento da súa autenticidade como resultado das dúbidas que dera o xesuíta Daniel van Papenbroek sobre supostos documentos merovinxio da abadía de Saint-Denis. Durante a idade media, a produción de cartas e outros documentos espurios fora común, tanto para achegar documentación sobre dereitos existentes ou para apoiar reclamacións de dereitos.

Aínda que Mabillon adoita considerarse o "pai" da diplomática, un fito máis importante na formación das técnicas da materia que crearon a disciplina moderna foi a publicación de René-Prosper Tassin e Charles-François Toustain Nouveau traité de diplomatique, que apareceu en seis volumes en 1750–65.

Principios fundamentais da arquivística[editar | editar a fonte]

Os principios fundamentais da arquivística son catro, asociados aos estudos diplomáticos e tipolóxicos:[4]

  • Principio de unicidade: cada documento é único, a pesar de que poida ser seriado.
  • Principio de organicidade: os elementos internos do documento revelan a súa natureza en relación á institución que os creou, a súa función e as súas actividades.
  • Principio de proveniencia: a orixe dos documentos fainos diferentes entre eles.
  • Principio de indivisibilidade: non debe haber perda nin engádegas indebidas ao documento que é enteiro en si mesmo.

Diplomática e tipoloxía documental[editar | editar a fonte]

A diplomática é responsable da análise da especie documental. Case todo acto administrativo xera un documento de natureza xurídica, que condiciona os seus aspectos formais, tamén por razóns de autenticidade. É importante lembrar que un acto administrativo non se encerra aí: acostuma xerar un feito administrativo, que é a realización do que demanda o seu contido. Os aspectos formais do documento son analizados pola diplomática, de xeito que poida ser avaliado en relación coa súa verdadeira natureza. O seu campo normalmente limítase á cuestión da autenticidade, da contextualización (a partir da data tópica e cronolóxica, da institución de orixe) e da estrutura formal.

A tipoloxía documental ocúpase de series documentais, analizando o que se chama de “lóxica orgánica dos conxuntos documentais”. Establece unha relación entre a especie documental e o seu tipo, en último instancia unha especificación realizada a partir do contido.

Elementos internos, externos e intermediarios[editar | editar a fonte]

Unha categorización máis especializada dos elementos no documento pode axudar a comprender o traballo da diplomática e/ou da arquivística. Un documento posúe características internas, ou sexa, o seu contido, que lle atribúe sifnificación (noutras palabras, o que "di" o documento); e características externas, como o soporte material (papiro, papel etc.), o seu espazo, a súa forma (disposición dos seus elementos internos), o seu xénero (audiovisual, textual, sonoro, informático etc), a escrita. Os elementos intermediarios son a especie e o tipo, o primeiro actuando como factor de credibilidade e modelo, axeitado de acordo co que se quere dicir. O segundo, servindo en longa medida como unha especificación do primeiro, dentro da actividade da súa produción.

Categorías documentais[editar | editar a fonte]

As categorías documentais son as categorías en que se organizan os documentos de acordo co contido de representatividade xurídica nel. Poden ser clasificados en dispositivos, testemuñais ou probatorios e informativos. Os documentos dispositivos divídense en tres subgrupos: os documentos dispositivos normativos, que son aqueles que manifestan a vontade de autoridades eminentes que debe obedecerse inmediatamente; os documentos dispositivos de axuste, que envolven pactos entre partes distintas; e os documentos dispositivos de correspondencia, que determinan o cumprimento do dispositivo normativo. Os documentos testemuñais son responsables de informar sobre o cumprimento dos documentos dispositivos. Os documentos informativos amplían a información sobre outros documentos, sendo opinativos ou enunciativos.

Práctica da diplomática[editar | editar a fonte]

A Constitución dos Estados Unidos de América pode ser analizada con base nas categorías da diplomática. Na primeira páxina hai un título ("Nós, o pobo dos Estados Unidos") e unha notificación. O corpo do texto establece os dipositivos e as sancións. Ao final, na cuarta páxina, atópanse as datas (por exemplo, o 17 de setembro de 1789) e as sinaturas.

A práctica da diplomática consiste na análise diplomática e na tipoloxía. O profesional debe descodificar o documento nas súas diferentes partes constitutivas: protocolo inicial, texto e protocolo final. O protocolo inicial contén, normalmente, a invocatio (invocación; por exemplo: “En nome de Deus”), a intitulatio (título; por exemplo: "O Presidente da República") e a inscriptio (inscrición). O texto ten un preámbulo, unha notificatio (notificación), a narratio (narrativa), a dispositio (dispositivo) e a sanctio (sanción). O protocolo final, última parte do documento, ten a data, o lugar e a sinatura do responsable.

A partir das diferenzas na disposición destes elementos e no contido do documento pode concluírse a especie documental, por exemplo, albará, carta, acta, constitución, factura etc. A constitución, por exemplo, é específica por conter no seu corpo normas que falan do respecto á organización e á constitución dos poderes do estado, e os deberes e dereitos dos cidadáns.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Escola Superior Diplomática" (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2020. Consultado o 13 de novembro de 2020. 
  2. Duranti, Luciana (1989). "Diplomatics: New uses for an Old Science". Archivaria 28: 7–27 (12). 
  3. Duranti 1989, p. 13.
  4. "Princípios da Descrição Arquivística" (en portugués). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]