Periodización

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como periodización ao eido das ciencias sociais que trata de dividir a historia ou outro eido do coñecemento (a ciencia, a literatura, o arte) en distintos períodos que posúan uns trazos comúns entre si, o suficientemente importantes como para facelos cualitativamente distintos a outros períodos.

En historia a periodización máis ampla dá períodos denominados idades, mentres que os denominados época designan divisións máis curtas ou locais. No eido da historia natural ou xeoloxía emprégase a expresión eras (eras xeolóxicas), aínda que tamén se fala de era como período histórico no campo da cronoloxía, dando cada unha delas orixe a distintos calendarios; termo que se aplica tamén a períodos dominados por un personaxe histórico, un feito ou un proceso que se considera fundamental. Época xeolóxica é unha subdivisión da era xeolóxica. A escala do tempo xeolóxico divídese en orde descendente de xerarquía da seguinte maneira: Eón, era, sistemas ou períodos, series ou épocas e pisos.