Saltar ao contido

Expedición de Burke e Wills

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa da expedición de Burke e Wills

A expedición de Burke e Wills foi unha expedición de exploración organizada en Australia pola Royal Society of Victoria en 1860-1861. Estaba formada por 19 homes dirixidos por Robert O'Hara Burke e William John Wills, e tiña como obxectivo cruzar por terra o continente australiano desde Melbourne, no sur, até o golfo de Carpentaria, no norte, a unha distancia de ao redor de 3 250 km.[1]

Nese momento, a maior parte do interior de Australia non fora explorado por persoas non indíxenas e era descoñecido para os colonos europeos.

A expedición partiu de Melbourne en inverno. O mal tempo, os camiños en mal estado e os carromatos avariados causaron que ao principio progresaran lentamente. Despois de dividir o grupo en Menindee, ás beiras do río Darling, Burke fixo un bo progreso, chegando ao río Cooper (Cooper Creek) a principios do verán.

A expedición estableceu un campamento cun almacén e un agocho de víveres no río Cooper, e Burke, Wills e outros dous homes avanzaron cara a costa norte (aínda que os pantanos próximos a ela lles impediron chegar á mesma liña costeira setentrional).

A viaxe de regreso estivo chea de demoras, moi afectada polas chuvias monzónicas e, cando chegaron ao depósito no río Cooper, descubriron que fora abandonado só unhas horas antes. Burke e Wills morreron aproximadamente o 30 de xuño de 1861, a causa dunha deficiencia de tiamina provocada polo consumo dun nardoo mal preparado (o nardoo, ou ngardu era o esporocarpo do fento Marsilea drummondii, que era comido polos aborixes).[2][3][4]

Enviáronse varias expedicións de socorro, todas elas realizando novos achados xeográficos. En total, sete homes perderon a vida, e só un home, o soldado irlandés John King, cruzou o continente coa expedición e regresou vivo a Melbourne.

  1. "Burke & Wills Web – online digital archive". burkeandwills.net.au. 3 de agosto de 2010. Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2011. Consultado o 26 de febreiro de 2021. 
  2. Watt, Bruce (2009): Managing the land – Toxic Plants, Pro Grazier, Winter, MLA.
  3. Chaffey, Calder (June 2002). "A Fern which Changed Australian History". Australian Plants Online. Association of Societies for Growing Australian Plants. Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 26 de febreiro de 2021. 
  4. Phoenix, Dave (2011). "Did Burke and Wills die because they ate nardoo?". State Library of Victoria: The Burke & Wills research gateway. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Phoenix, Dave (2015): Following Burke and Wills across Australia. Clayton, Victoria, Australia: CSIRO Publishing. ISBN 978-1-4863-0158-4.
  • Van der Kiste, John (2011): William John Wills: Pioneer of the Australian outback. Stroud: History Press. ISBN 978-0-7524-5855-7.