Cornelio, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Cornelio, Papa")
Cornelio cara à 1530/1540.

Cornelio, (nado en Roma e falecido en Civitavecchia en xuño de 253, foi o Papa nº 21 da Igrexa católica, entre 251 e 253.

Logo do martirio do seu predecesor Fabiano, cobrou forza a persecución do emperador Decio, o que provocou unha espera de dezaoito meses ata que, falecido este, fose elixido Cornelio como novo pontífice.

As persecucións de Decio provocaran entre os cristiáns un elevado número de apostasías ao renunciar á súa fe. Estes cristiáns apóstatas foron coñecidos como lapsi (do latín "caidos") e provocaron un novo cisma durante o pontificado de Cornelio.

En efecto, mentres o papa Cornelio, apoiado polo bispo de Cartago San Cibrán, era partidario da readmisión no seo da Igrexa dos apóstatas, o presbítero romano Novaciano que foi o primeiro teólogo en escribir os seus tratados en latín, era totalmente oposto a dito perdón, xa que opinaba que a Igrexa debía estar composta por santos, e por tanto aqueles que pecaran mortalmente debían ser excluídos.

O enfrontamento das dúas posturas provocou que Novaciano se fixese nomear por tres bispos como papa e fundase a Igrexa dos puros (katharoi), que perdurou ata o século VII. Isto provocou a convocatoria dun sínodo en outono de 251, onde se condenou e excomungou a Novaciano.

En 252 retomáronse as persecucións contra os cristiáns, e Cornelio foi desterrado a Civitavecchia polo emperador Treboniano Galo, ao parecer baixo a acusación de ofender aos deuses romanos e provocar así unha epidemia en Roma. Así, o Papa foi posteriormente encarcerado, falecendo tras sufrir martirio en xuño de 253.