A ovella na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ovella en Oroso.
Pequeno grupo de ovellas.

A seguir recóllese a pegada da ovella na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Inclúese tamén a información recollida sobre o carneiro ou o año, así como sobre os produtos obtidos da ovella e, finalmente, a referida ó pastor.

A ovella, en Galicia, recibe tamén as denominacións de almella, beche e perica (esta, a ovella nova). O carneiro: bidente, perico ou, en Feás, ovello. E o año: andosco, añagoto[1], cordeiro, curcio ou roxelo (coas variantes recelo e rixelo) [2].

Unha ovella ruín, fraca, que vai perdendo a la, recibe os nomes de carriona, pandorca, rancaña e ranquela.

O rabaño de ovellas recibe os nomes de ovellume ou de res (res da aldea cando se aplicaba ó rabaño comunal, formado polas reses dos diferentes veciños), e o pastor que as coida recibe, ademais, os nomes de pegureiro e ovelleiro. Non era infrecuente que se pastoreasen vacas e ovellas mesturadas, recibindo estas o nome de ovella das vacas.

A ovella que dirixe o rabaño, que actúa como guía ou capitá recibe os nomes de ovella mestra ou ovella guía, así como andoriña.

Antigamente, os labregos que pastoreaban ovellas pagábanlles ós cazadores unha avinza anual, chamada carneiro do lobo, que consistía nun carneiro ó ano ou o seu valor en diñeiro en contraprestación polos lobos que aqueles mataban. Esta especie de imposto está documentado xa desde 1631, cando se describe "como de tiempo inmemorial", e semella máis un resto dos décimos que pagaban os campesiños ós seus señores [3].

Crenzas e supersticións[editar | editar a fonte]

Para desencantar un tesouro, hai que entregar un año branco ó mouro que o garda.

Dise que a ovella delatou ao neno Xesús cando o buscaban os xudeus cando a matanza dos inocentes, ó contestarlles ¡belén!, ¡belén!. Por iso Deus castigouna con esta maldición: ¡Lobos te coman e que non te oia ninguén!, e por iso non berra cando a sacrifican ou a ataca o lobo [4].

Nalgúns puntos de Galicia crese que a Santa Compaña ía acompañada ou dirixida por un carneiro negro [5]. Noutros casos é un can.

Outra crenza popular é a posibilidade de desencanta-los tesouros que os mouros enterraron nalgúns castros e castelos entregando ós gardiáns, sexan mouros ou xigantes, un año branco, sen mancha ningunha; nalgúns casos cítase a particularidade de que o año ten que te-los dentes negros.

En Mos (Pontevedra), curan a decipla (erisipela) untando a zona enferma cun hisopo feito cunha póla de uz e la de carneiro, que previamente mollaran en aceite da lámpada do Santísimo; no Porriño fan o hisopo con la ludrosa (sucia, coa graxa propia da ovella). Mesmo hai quen puntualiza que ten que ser de la de ovella viva.

En Río Barba (parroquia do concello do Vicedo, Lugo) exconxuran as lombrigas dos meniños con unto de porco, ferruxe e la cortada dos testículos dun carneiro [6].

Cornos en roda dun carneiro adulto.

Na noite de San Xoán existe o costume de afuma-lo gando para protexelo do meigallo. Para iso fan anda-las ovellas ou as vacas entre as fogueiras para que lles dea ben o fume, despois de botar sobre as brasas herba verde ou terróns de terra para que boten máis fume.

Os cornos de carneiro son amuletos eficaces para protexe-lo gando do mal de ollo[7]. Colócanse na parte interior da porta das cortes ou fumíganse estas queimando nunha tixola un corno de carneiro xunto a loureiro bendito e xofre.

Léxico derivado[editar | editar a fonte]

Lingua de ovella (Plantago lanceolata)
Carneiro ou berberecho rabioso (Venus verrucosa).
Rabo de carneiro (Heliotropium europaeum).

A palabra ovella designa tamén outras realidades por translación metafórica do seu aspecto ou do seu carácter:

  • Nome que reciben os fieis respecto dos párrocos. Nalgunhas zonas de Ourense chaman ovellán ó bispo, segundo di Eladio Rodríguez.
  • Persoa submisa, apoucada, pobre de espírito ou hipócrita, que se comporta cunha dozura e humildade excesivas. Año, nome da cría da ovella, designa tamén un home manso, dócil e humilde [8].

E forma parte destoutras expresións:

  • Esteada da ovella: aberta breve que nunca falta aínda que chova durante todo o día.
  • Gromos de ovella: os abrochos tenros da silveira.
  • Lingua de ovella: planta ventureira, de follas anchas e veludas, máis coñecida como correola ou chantaxe (Plantago lanceolata).
  • Ovellado: dise do ceo cuberto con pequenas nubes agrupadas, a modo dun rabaño de ovellas. Disque anuncia chuvia ó día seguinte. Tamén se lle chama ceo de la, ceo de ovella, ceo a rocadas de la, ceo coma sebo de carneiro ou ceo de lombo de ovella.
  • Rabo de ovella: variedade de uva branca. Eladio Rodríguez e Marcial Valladares din que resulta de pouco aprecio pero Cuveiro asegura que é de boa calidade.

Pola súa banda, a palabra carneiro tamén designa:

  • Distintos tipos de moluscos mariños [9]: o berberecho (Cardium edule) pero, máis comunmentre, o denominado propiamente carneiro (Venus verrucosa), de cuncha grosa e costelas ben marcadas; tamén recibe os nomes de carneiro de altura, carneiro mariño, carneirolo ou cascarneiro. Aínda hai outro molusco semellante, aínda que máis escaso, o carneiro espiñudo ou berberecho bravo (Acanthocardia echinata, antes Cardium echinatum)
  • Distintas especies de peixes [10]: a pastinaca (Dasyatis pastinaca), a aguia mariña (Myliobatis aquila) ou o cabracho (Scorpaena scrofa). Ríos Panisse aventura que nos dous primeiros a denominación obedeza a que a forma deses peixes lembre á dun vélaro dun carneiro negro; no terceiro caso, supón un cambio caprichoso entre a orixe do seu nome común, cabracho (de cabra) a carneiro.
  • Unha persoa groseira, bruta, un paifoco.
  • Larva que se cría nas sementes dos legumes, especialmente nos chícharos e nas fabas [8].
  • Onda que rompe no mar formando escuma por efecto do vento, en Cangas do Morrazo [8]. Tamén recibe o nome de ovella.

Carneiro tamén forma parte na construción destas expresións:

  • Pinchacarneiro, pinchacarneira, princhucarneiro, cucho carneiro: volta que se dá no aire impulsándose coas mans no chan.
  • Rabo de carneiro: unha planta tamén coñecida como herba verrugueira, herba da disentería ou heliotropo maior (Heliotropium europaeum) [11].

Locucións[editar | editar a fonte]

  • ¡Aí vai a ovella!: exclamación de desafío: non podedes connosco. Vén das chanzas que se cruzaban os malladores.
  • Botar [algo] ó carneiro: renunciar a un obxectivo por crelo imposible, dar por fracasado un proxecto [12].
  • Coma a ovella na boca do lobo: plenamente derrotado, vencido de vez; tamén, que dura pouco.
  • Esa é a nai do año: destaca que un feito, unha idea é a verdadeira razón de ser, real e positiva, do que acontece [13].
    • Non é esa a nai do año: pola contra, esta fórmula destaca que un feito ou argumento non é a causa para facer ou deixar de facer algo. Utilízase para negar a veracidade das razóns que dá o interlocutor [13].
  • Habe-lo demo có carneiro
  • Inocente como un cordeiro: inocente.
  • Ir por la e saír trasquiado
  • Leva-la aña ou Leva-la ovella: ser o último nun traballo colectivo, quedar atrás, non esforzarse no traballo.
  • Leva-la ovella ou Leva-la ovella ó río: dise de quen se sae coa súa.
  • Levar carneiro ou Dar carneiro: suspender nun exame, fracasar nun proxecto. O dito procede da amoestación do cura na coresma ó fregués quen non sabe ben a doutrina [12][14].
  • Mete-las ovellas na horta: malmeter uns con outros, meter os cans na bouza [15].
  • ¡Non é esa a nai do año!: expresión de negación das razóns que dá o interlocutor.
  • ¡Non hai tales carneiros!: expresión que nega radicalmente o que se afirma ou se cre como certo.
  • Non será como un boi, será como un año: forma de rexeitar, por esaxerado, o que alguén está a contar, rebaixando a magnitude do que di.
  • Sangrar coma un carneiro: sangrar abundantemente. Tamén Sangrar coma carneiros [16].
  • Ser coma unha ovella atada a unha silva: mostrar pouca disposición [17].
  • Ser dócil como a la: ser bo de máis, acomodaticio.
  • Ser máis manso que unha ovella: ser submiso e obediente, sen opinión propia.
  • Ser un bo pé de roxelo: dise dun mozo atordoado ou mesmo mullereiro. Noriega Varela recolle andosco (año ata os dous anos de idade) co significado de pícaro, tunante, esmorgante.
  • Ser un carneiro: obedece-las instrucións e ordes alleas sen apoñer ningunha obxección nin opinión propia [12].
  • Teimoso como un carneiro: ser un testán.
  • Ter ollos de carneiro mal morto: poñer unha expresión lastimeira, como para dar pena.
  • Xiringoume con airiños de boa ovella: dise cando alguén nos engana con moi boas palabras e suavemente.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A abella i a ovella, en abril deixan a pelexa [18].
  • A carneiro estrano nono agasalles no teu rabaño [3].
  • A escapada da ovella mal será que non veña [19].
  • A muller e a ovella, antes da noite na cortella.
  • A muller e a ovella, con día á cortella.
  • A muller e a ovella, con día na cortella [20].
  • A muller e a ovella, de día na cortella.
  • A ovella? con noite pra a cortella.
  • A ovella do probe no maio morre [19].
  • A ovella e a abella no maio deixan a pelexa.
  • A ovella e a abella polo abril deixan a pelexa.
  • A ovella en Pascua Florida está lustrosa e parida.
  • A ovella farta do rabo fai manta [19].
  • Á ovella fraca non lle faltan carrachas [19].
  • Á ovella fraca nunca lle falta sarna [19].
  • A ovella i a abella, polo abril deixan a pelexa [19].
  • A ovella louzana pídelle lan á cabra [19].
  • Á ovella mansa, moitos años a maman [19].
  • A pescada en xaneiro val por carneiro [21].
  • A raia en xaneiro sabe a carneiro.
  • Á ruín ovella, a lan parece que lle pesa [19].
  • A verdura en xaneiro sabe a carneiro [22].
  • Abella e ovella, e pedra que trebella [18].
  • Abril, a lan carda, e maio leva a fama [23].
  • Aínda que vista de la, non coides que son carneiro.
  • Ano de abellas, ano de ovellas.
  • Ano de ovellas, ano de abellas [24][25].
  • Ano seco tras do mollado, garda a lan e vende ó fiado [24].
  • Anque visto de la non son ovella.
  • As verzas por xaneiro saben a carneiro.
  • Barbas que son parellas, non gardan ben as ovellas.
  • Bebe do río por avolto que vaia; come carneiro, por caro que che saia; casa con doncela por anos que ela faga [26].
  • Ben parva é a ovella que co lobo se confesa [19].
  • Ben vai a ovella coxa, coma o lobo non a colla [19].
  • Cabras crían trampas e carneiros crían diñeiros.
  • Cada carneiro, do seu pé colga [3].
  • Cada ovella co seu fato [19].
  • Cada ovella coa súa parella [19].
  • Cada ovella quer a súa parella [19].
  • Cando a ovella mea, non come herba [27]
  • Cando che dean a ovella, lévaa [19].
  • Cando che diren a ovella, colle a corda e vai por ela [19].
  • Cando dan a ovella, colle a corda e vai por ela [28].
  • Cando dan a ovella, collela, porque si o que a dá recorda, non dá ovella nin dá corda [19].
  • Cando dan a ovella, coller a corda e ir por ela.
  • Cando marzo retorce o rabo, non deixa ovella nin pastor sano [29].
  • Cando no ceo hai ovellas logo pingan as tellas.
  • Cando o crego dá a ovella, collela, pois, se o crego recorda, non dá a ovella nin dará a corda.
  • Cando ó crego lle dan a ovella, colle-la corda e ir por ela.
  • Cando se morre a ovella, paga o pastor coa pelexa [19].
  • Cando víre-la candea no castiñeiro, leva a ovella ó carneiro.
  • Canto máis se desvía o año dá máis gran topeñazo [19].
  • Carneiro, fillo de ovella, non erra o que ós seus se asomella [3].
  • Casamento do carneiro, casado e solteiro.
  • Ceo de lan, se non chove hoxe choverá mañán.
Ceo ovellado, chan mollado.
  • Ceo ovellado, chan mollado.
  • Comer carneiro é de cabaleiro [3].
  • Da ovella branca nace un año negro [19].
  • Da ovella negra nace un año branco [19].
  • Das carnes o carneiro, dos peixes o mero, das aves a perdiz e mellor a 'codorniz' e se o porco voara a todos lle ganara.
  • Das carnes o carneiro, e dos peixes o mero [3].
  • De hoxe a mañán, o carneiro cría lan [28].
  • De hoxe pra mañá perde o carneiro a lan [3].
  • De mañán a mañán perde o carneiriño a la.
  • De mañán a mañán, perde o carneiro a la.
  • De milleiro a milleiro, o salto dun carneiro [30]
  • De ovella negra, nace un año branco.
  • De xaneiro a xaneiro, come carneiro [3].
  • Deste carneiro non rapo máis la.
  • Destes carneiros non se rapa outra la.
  • Dios che dea fillos e ovellas pra ir con elas.
  • Dios che dea ovellas e fillos pra ir con elas [19].
  • Dixo o pastor a marzo: "Mal trataches o meu gando; alá irás onde non volvas máis". E marzo respondeu: "Con tres días que me quedan e tres que me empreste meu irmán abril, poreiche as túas ovellas a parir" [29].
  • Do carneiro a carne, mais non o coiro [3].
  • Do mar o mero, e da terra o carneiro.
  • Dos peixes, o mero; e das carnes, o carneiro [31].
  • Dúas barbas parellas mal gardan ovellas.
  • En abellas e en ovellas nunca metas o que teñas.
  • En abril, augas mil, e en xaneiro come carneiro.
  • En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo gallo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
  • En Buxán, nin bo carneiro nin boa la [32].
  • En Petán, nin bo carneiro nin boa la [33][34].
  • En xaneiro a faneca sabe a carneiro [35].
  • En xaneiro a raia val carneiro [35].
  • En xaneiro, a verza é carneiro.
  • En xaneiro sabe o polbo a carneiro [35][36].
  • En xaneiro, verza vella val carneiro [37].
  • En xaneiro xiadeiro non ha faguer a ovella máis pisada ca no rigueiro [38].
  • Estás pensando na morte da ovella, e non sabes de que mal morreu ela.
  • Facenda miúda, ó seu dono axuda [39].
  • Faite ovella e comerate o lobo [19].
  • Farto está o carneiro que anda a topeñadas co seu compañeiro [3].
  • Febreiriño corto, cos seus días vinteoito; se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor pra ir co ela, nin cornos no carneiro, nin orellas ó pregoeiro.
  • Gando fraco, todo é carrachas.
  • Gato do mes de xaneiro vale un carneiro.
  • Ir por lan, e volver rapado [40].
Liño e la non queren ventán.
  • Liño e la non queren ventán.
  • Mal lle vai á ovella que co lobo se aconsella [19].
  • Marzo marzado, cada ovella co seu año [29].
  • Marzo marzado, cada ovella co seu año.
  • No gado fraco todo se voltan carrachas [28].
  • Non penses que son carneiro, aínda que vista de lan [3].
  • O año de abril enche o mandil [41].
  • O año manso mama a súa nai e a calquera; e o bravo, nin a súa nai nin á allea [41].
  • O año manso mama a súa nai e a tódalas do rabaño [41].
  • O año de xaneiro é o millor carneiro.
  • O cabrito cómeo dun mes, i o año de tres.
  • O carneiro arrufado, foi por lan e saiu rapado [42].
  • Ó carneiro capado non lle ténte-lo rabo [3].
  • O carneiro é fillo da ovella [3].
  • Ó carneiro estraño non lle agasalles no teu rabaño.
  • Ó carneiro rapado non lle ténte-lo rabo.
  • O circo da lúa, ó pastor enxuga, ós tres días non hai chuvia.
  • O circo do sol molla ó pastor, o da lúa, ou o molla ou o enxuga.
  • O polo de xaneiro vale carneiro.
  • O que na casa come morriña, na allea quer carneiro ou galiña [43].
  • O que na súa casa come morriña, na casa allea quer carneiro e galiña.
  • O que perdeu as ovellas, leva a choca nas orellas.
  • O que queira comer morriña, coma carneiro en xaneiro e en maio galiña.
  • O que queira comer morriña, coma en xaneiro carneiro i en maio galiña.
  • O que rapa antes de san Isidro, rapa á nai e mais ao fillo.
  • O que rico quer ser, catro cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.
  • O que rico quer ser, istas cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.
Ó que se fai ovella, cómeno os lobos.
  • Ó que se fai ovella, cómeno os lobos [19].
  • O que ten ovellas, ten pelexas [19].
  • Ó raposo dormente, non lle rincha o año no dente.
  • Ollomol de xaneiro vale un carneiro [44].
  • Ovella, abella, pedra que trebella e péndola tras da orella, cobizaba para o seu fillo a vella.
  • Ovella, abella, pedra que trebella, partes na igrexa e péndola tras da orella, deseaba para o seu fillo a vella.
  • Ovella coidada, dá gran ganancia.
  • Ovella cornuda e cabra con landras, en poucos cortellos paran [19][45].
  • Ovella cornuda e vaca barriguda non a troques por ningunha [19].
  • Ovella de moitos, cómena os lobos [19].
  • Ovella e abella, e pedra que trebella, e péndola tras da orella, cobizaba pró seu fillo a vella [19].
  • Ovella farta, do seu rabo se espanta [19].
  • Ovella melinde, o demo a trasquila.
  • Ovella menga, mama a súa nai e mais á allea [19].
  • Ovella menga, o demo a trasquía [19].
  • Ovella que anda entre toxos, algunha la deixa neles.
  • Ovella que bala, bocado que perde.
  • Ovella que berra, bocado perde [19].
  • Ovella que berra bocado perde, se o que cala consente.
  • Ovella que berra, bocado que perde.
  • Ovella vella e enxamio pobre, no maio morre.
  • Ovellas, abellas e lentellas, todas son consellas [19].
  • Ovellas e abellas nas túas devesas e non nas alleas [19].
  • Ovellas loucas, ovellas poucas.
  • Ovellas poucas, ovellas loucas [19].
  • Ovellas sen pastor, discípulos sen mestre e soldados sen capitán, andan mal.
  • Ovellas tolas, detrás dunha van todas [19].
  • Ovellas tolas? tras dunha van todas.
  • Para a ovella non hai coma o carneiro.
  • Pecoreiro, ás túas ovellas.
  • Picoreiro súbete ó picouto, e se no mes de xaneiro veres verdegar, bótate a chorar, e se os ves queimados, ponte a bailar.
  • Polo san Xoán rapa o carneiro a la.
  • Por Nadal, cada ovella ó seu curral [46].
  • Pouca lá e polas silveiras [47].
  • ¿Pra qué queres a ovella se non tes cortella? [19].
  • Pro liño, sete voltas de rella e a caghalla de ovella.
  • Queixo de ovella, leite de cabra e manteca de vaca.
  • ¡Quen o collera onde o lobo mata á ovella!
  • Quen queira facer da vaca carneiro, que a poña a cocer en auga fervendo.
  • Quen rico ser queira, estas cousas ha de ter: ovella e abella e a pedra que terbella, egua parideira e muller goberneira.
  • Raia en xaneiro sabe como o carneiro [48].
  • Raia pescada en xaneiro sabe a carneiro.
  • Roibéns ó sol nado, picoreiro, andarás mollado.
  • San Antonio garde o gando e san Xoan as ovellas e máis as costureiriñas que andan polas casas alleas.
  • Santa Vivián, mociñas no liño e vellas na lan [49].
  • Se che dan a ouvella, axeita a cortella.
  • Se che dan a ovella, colle axiña a corda e vai por ela [19].
  • Se marzo marcea non queda can nin ovella, nin pastor coa súa pelexa, nin o can coa súa carranca, nin o lobo coa súa zanca.
  • Se marzo recacha o rabo, non queda ovella nin año [29].
  • Se marzo requicha o rabo, non queda ovella nin pastor azamarrado.
  • Se marzo retorce o rabo, non queda ovella no monte nin no campo [29].
  • Sementa cedo e cría carneiros, que, para virche un ano malo, terás bos un cento [3].
  • Tan axiña se vai o año como axiña se vai o ano [19].
  • Tan contento está o pastor coma o rei ou gran señor.
  • Un año manso mama a súa nai e outras catro.
  • Un carda a lana e outro leva a fama.
  • Unha mestra pra moitas abellas e un pastor pra moitas ovellas [18].
  • Uns levan a fama e outros cardan a lan.
  • Uns teñen a fama e outras cardan a la.
  • Vaca e carneiro, comida de cabaleiro.
  • Verzas en xaneiro saben coma carneiro.
  • Vive en cidade, por pequena que sexa, casa con moza, por pobre que pareza, e come carneiro, por caro que se venda.
  • Xa está vello Pedro pra pegureiro [50].
  • Xaneiro añeiro, e febreiro cabriteiro [51].

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Anda ti, pernas de cabra,/ pantorrillas de carneiro,/ para contestar conmigo/ busca fianza primeiro.
  • Anda tu, pernas de grilo,/ pantorrillas de carneiro;/ pra contestares conmigo/ busca fianza pirmeiro [52].
  • Ano novo aí nos vén,/ Dios nolo traia con ben,/ Dios nos dea tantas ovellas/ como no ceo hai estrellas [53].
  • Ano novo con ben veñas,/ como o sol entre as estrelas,/ os cabritos coas cabras/ e os años coas ovellas [54].
  • As miniñas de Parada/ ¡sin pendentes nas orellas!/ cando vén o dia santo/ poñen cagadas d'ovellas.
  • As mociñas, as de Entrimo,/ todas gastan polisón/ que llo figo un carneireiro/ da pelica dun leirón [55].
  • As mociñas, as de Maus,/ cando van ó fiadeiro/ collen ó pai polas barbas:/ curre pra aiquí, meu carneiro! [56].
  • As mociñas de Padroso/ cando rapan as ovellas/ meten a la nos buratos/ para merca-las sortellas [57].
  • Baila a modo, baila a modo,/ non me rómpa-los zapatos,/ anque son de cordobán/ a min custáronme os cartos.
  • Baila quedo, baila quedo,/ non me rómpa-los zapatos,/ que anque son de cordobán/ tamén me custan os cartos.
  • Cando o crego dá a ovella/ agarrala pola orella,/ nemantras se colle a corda/ pode marcha-la ovella.
  • Cando te queiras casar/ busca viño de Xeás,/ panciño de Vilanova/ e carneiro de Gaiás [58].
  • ¡Capitán calquera o é!/ pilotos, ¡son os carneiros!/ ¡quen sofre e fai os traballos/ son os probes mariñeiros!
  • Damo, miña prima, damo,/ eu non che pido diñeiro,/ déixame a túa ovelliña/ pra topar co meu carneiro [59].
  • De tanto apastar ovellas,/ mociño, váichese a man,/ as mociñas desta aldeia/ non deixan rapar a lan.
  • Doume unha ovelliña Dios,/ eu trateina con rigor,/ perdóname, miña ovella,/ que eu te tratarei mellor.
  • Este pandeiro que eu toco/ éche de carneiro branco,/ toca, pandeiriño, toca,/ que mañán é día santo.
  • Este pandeiro que toco/ é de pelexa de ovella,/ aínda onte comeu herba/ hoxe toca que rabea.
  • Este pandeiro que toco,/ é de pelica de ovella,/ inda comeu onte a noite;/ ¡hoxe toca que rabea!
  • Este pandeiro que toco/ era de coiro de ovella/ que morrera de morriña/ que de morriña morrera.
  • Fía, miña filla, fía,/ fía e non pares nunca/ que co diñeiro da la/ hemos mercar unha cunca [60].
  • Iste pandeiro que toco/ é de pelica de ovella;/ onte comía carpaza/ i hoxe toca que rabea [61].
  • Marraieiro, putañeiro,/ com’as tripas d'un carneiro,/ mal lavadas, mal cocidas,/ sáleche a m... pol-as enxivas.
  • Meu señor San Adrián/ é un santo moi milagreiro;/ pedinlle un home bonito,/ doume un cara de carneiro.
  • Meu siñor Santo Tomé,/ sodes un santo moi bo,/ pois sodes can polo to/ e carneiro polo 'me'.
  • Miña nai de pequeniña/ mandoume coas ovellas,/ o volpe comeume un año/ aquí lle traigo as orellas [62].
  • Miña nai, de pequeniña,/ mandóume polas ovellas,/ o golpa levóume un año/ acó lle traio as orellas [63].
  • Miña nai habilidosa/ mandoume dir coas ovellas,/ o lobo levoume catro,/ eiquí lle traio as orellas.
  • Miña nai por me casar/ pormeteume tres ovellas:/ unha cega i outra manca/ i á outra fáltanlle as orellas [64].
  • Miña nai por me casar/ pormeteume tres ovellas:/ unha cega, outra manca/ i outra cega e sin orellas [64].
  • Miña nai ten tres ovellas,/ todas tres mas ha de dar:/ unha cega, outra coxa,/ outra xa non pode andar.
  • Miña nai ten tres ovellas,/ todas tres mas ha de dar:/ unha coxa i outra cega/ i outra xa non pode andar [64].
  • Miña nai, tíreme o caldo/ que me quero ir a deitar./ Non che é esa a nai do año/ que queres ir pasear.
  • Miñas ovelliñas do Campo de Roca,/ que en cada bocado comés una rosa,/ pacede moi ben e enchede a barriga,/ e si o lobo vén, dádelle una figa.
  • Miña Virxe da Pastora,/ a das ovelliñas brancas,/ tírame esta espiña negra/ que me cravaron na alma.
  • Non me namoran aneles/ nin pendentes nas orellas;/ namóranme os teus olliños/ pigureira das ovellas [65].
  • Non queiras muller pequena/ que non a ves se non te agachas/ nin precures gado miúdo/ que todo il son carrachas [66].
  • Nos, dacó, e vos, daló,/ somos tantos como vós,/ nos comemos os carneiros/ e os cornos son para vós.
  • Nós de aquí e vós de alí/ somos tanto como vós./ Nós comemos o carneiro,/ os cornos son para vós [67].
  • Nós dunha banda e vós de outra/ contamos mellor que vós./ Nós comemos o carneiro,/ os cornos son para vós [68].
  • Os mozos de Bamio/ prendelos, prendelos;/ van polos camiños,/ parecen carneiros [69].
  • Pasei pola Olivada,/ dei volta polo Cebreiro;/ as mociñas de Padroso/ todas andan ao carneiro [70].
  • Pigureira das ovellas,/ con que peina-lo cabelo?/ Cunhas herbiñas do monte/ que lle chaman tormentelo [71].
  • Pra onde vas, Marica?/ -Vouche pra o lindeiro/ a alindar a ovella/ e mais o carneiro.
  • Rapaciño, bota un neto,/ colle todo o que che dan;/ destes carneiros, meu fillo,/ non se che rapa outra la.
  • Sai de eí, can narigudo,/ sai, penachos de carneiro,/ sai, que te quero ver ben,/ pois eu non che teño medo [72].
  • San Antoniño garda o gando,/San Xoan garda as ovellas,/Santa Lucía ás costureiriñas/que andan polas casas alleas [73].
  • Santiago de Galicia,/ ollos de cordeiro manso,/ cando dás ós teus galegos/ unha hora de descanso?
  • Se o cura dá a ovella/ deixa a corda e vai por ela,/ que mentras vas pola corda/ a ver se o cura recorda.
  • Se ti viras o que eu vin/ fuxiras como eu fuxín/ unha cabra cunha roca/ un castrón cun violín.
  • Sempre me andas perguntando/ onde vou e de onde veño,/ veño de vende-la craba/ e vou mercar un carneiro.
  • Vai de eí, pernas de grilo,/ pantorrillas de carneiro;/ se queres falar conmigo/ busca fianza pirmeiro [74].
  • Vinde a ver o dote/ que me dou meu sogro:/ unha cabra vella/ e un carneiro tolo.
  • Vós de alá e nós de acá,/ métese o río no medio;/ nós gardámo-lo carneiro/ e vós as tripas no seo [75].
  • Vós de alá e nós de acá,/ somos tanto coma vós;/ nós comémo-lo carneiro/ i os ósos son para vós [76].

Oracións[editar | editar a fonte]

  • San Antonio garda o gado/ e San Ramón as ovellas/ tamén garda as costureiras/ que andan por portas alleas.
  • San Antoniño garda o gando,/ San Xoán garda as ovellas,/ Santa Lucía ás costureiriñas/ que andan polas casas alleas
  • San Antoño garde as cabras/ e san Ramón as ovellas,/ tamén garde as costureiras/ que andan por portas alleas.
  • San Antoño garde os porcos,/ san Ramón garde as ovellas,/ san Roque os cás de palleiro, santa Rita as costureiras.[77]

Adiviñas[editar | editar a fonte]

  • Branca larada/ que vai pola estrada,/ nin fía, nin tece/ e ós seus fillos viste.[78]
  • Campo redondo,/ ovellas ó longo,/ pastor fermoso,/ cadelo rabioso.[79]
  • De alto me miras,/ comerme querías,/ de ti sairá/ quen me levará.[80]
  • De pau de buxo se fai/ roncón, soprete e punteiro:/ o fol faise de contado,/ coa pelexa dun carneiro.[81]
  • Nos roquedos baten as ondas do mar,/ os carneiros no monte fan: me!,/ os músicos, cando cantan, din: la;/ e o pobre, cando pide, di: dá.[82]
  • O pescador á pesca di: mar,/ o carneiro no monte di: mé!,/ o cazador á caza di: lá,/ e o pobre á porta di: dá.
  • Teño unha capa/ que parece un cobertor/ e dá moita calor.[78]
  • Ti que estás en alto coche,/ viche pasar por aquí/ a pés miúdos e andaroche?/ Tarde vas; o que vés buscar/ na vila che vai entrar.[83]
  • Unha corte chea/ de ovellas brancas,/ vén unha moura/ e bótaas fóra.[84]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sarmiento reserva este nome ó cabuxo.
  2. Andosco aplícase máis a un ovino de menos de dous anos, e roxelo cando é menor dun ano.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 Eladio Rodríguez González, s. v. carneiro.
  4. Lémbrese que esta mesma idea está como base na película O silencio dos cordeiros''.
  5. Eladio Rodríguez engade que "Algunos mitólogos creen que este carnero es el 'bode', y que este 'bode' era el Bodet o Wotan, de la cazata infernal".
  6. Xosé Ramón Mariño Ferro: La medicina popular interpretada I, 218. Realmente, Mariño Ferro localiza este procedemento en "Narba (Lugo)", pero o Nomenclátor non recolle ningún lugar nin parroquia con ese nome e o máis parecido é este Río Barba.
  7. Tamén o son os cornos da vaca, e outras pezas equivalentes doutras especies, como os cairos do xabaril ou as mandíbulas (cornos) da vacaloura.
  8. 8,0 8,1 8,2 Real Academia Galega 1913.
  9. Carmen Ríos Panisse (1977), Constantino García González, Real Academia Galega 1913.
  10. Carmen Ríos Panisse (1977).
  11. Losada, Castro e Niño (1992).
  12. 12,0 12,1 12,2 Eladio Rodríguez González.
  13. 13,0 13,1 Eladio Rodríguez González, s. v. nai.
  14. "Pero pagounas ben Mariquiña. Cando n'aquel ano fumos â doutrina, qu'ela ben a sabia e er'ademais arriscada, o Crego doulle o carneiro" (ROMERO BLANCO Mariquiña e eu (citado polo Diccionario Gallego Castellano da RAG 1913).
  15. En castelán, sembrar cizaña.
  16. Real Academia Galega 1913, Eladio Rodríguez González.
  17. Victoria Cerviño Ferrín 2013.
  18. 18,0 18,1 18,2 Eladio Rodríguez González, s. v. abella.
  19. 19,00 19,01 19,02 19,03 19,04 19,05 19,06 19,07 19,08 19,09 19,10 19,11 19,12 19,13 19,14 19,15 19,16 19,17 19,18 19,19 19,20 19,21 19,22 19,23 19,24 19,25 19,26 19,27 19,28 19,29 19,30 19,31 19,32 19,33 19,34 19,35 19,36 19,37 19,38 19,39 19,40 Eladio Rodríguez González, s. v. ovella.
  20. Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  21. Lino Lema Bouzas, 2.
  22. Rubinos Conde 2013.
  23. Eladio Rodríguez González, s. v. abril.
  24. 24,0 24,1 Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
  25. Real Academia Galega (1913-1928), s. v. ano.
  26. Eladio Rodríguez González, s. v. beber.
  27. Mear ou bear significa emiti-la ovella o seu berro (meo ou beo). Mear aplícase tamén a brada-la vaca ou a miaña-lo gato.
  28. 28,0 28,1 28,2 Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 Eladio Rodríguez González, s. v. marzo.
  30. Refírese á distancia que deben te-los regueiros nos que se sementa o millo.
  31. Lino Lema Bouzas, 4.
  32. López, Uxía (30-05.2003). "A parroquia de Buxán, en Rois, celebra mañá a segunda festa do carneiro". La Voz de Galicia. Consultado o 24-12-2023. 
  33. Álvarez Pérez, Xosé Afonso; Rodríguez, David; Suárez, Damián (2010). "Unha aproximación ós ditados tópicos pontevedreses nos materiais do "Diccionario geográfico popular de España"" (PDF). El Extramundi y los papeles de Iria Flavia (Fundación Camilo José Cela) (Ano nº 16; Nº 64): 139–162. ISSN 1134-9905. 
  34. Álvarez, Xosé A. (2014). "Paremioloxía xeográfica: refráns referidos a localidades galegas e os seus habitantes" (PDF). Studi linguistici in onore di Lorenzo Massobrio. Turín: Istituto dell'Atlante Linguistico Italiano. p. 17. ISBN 978-88-98051-09-0. 
  35. 35,0 35,1 35,2 Lino Lema Bouzas.
  36. Clodio González Pérez, 142.
  37. Esta preferencia polas verzas de xaneiro obedece a que os fríos deste mes, as xeadas das noites de xaneiro, curten as verzas e fannas máis saborosas. Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro. No texto: berza.
  38. Elixio Rivas Quintas (1978).
  39. O nome de facenda miúda aplícase ó gando ovino e caprino, para diferencialo do gando groso ou maior que se aplica ó gando vacún.
  40. Eladio Rodríguez González, s. v. ir.
  41. 41,0 41,1 41,2 Eladio Rodríguez González, s. v. año.
  42. Eladio Rodríguez González, s. v. carneiro. No orixinal: saléu.
  43. Morriña, variante de morralla, carne obtida dun animal enfermo ou mesmo morto de enfermidade ou accidente.
  44. Lino Lema Bouzas, 7.
  45. As landras son, neste caso, os ganglios linfáticos do pescozo avultados por algunha enfermidade crónica.
  46. Eladio Rodríguez González, s. v. Nadal.
  47. Equivale a eramos poucos e pariu a avoa.
  48. Lino Lema Bouzas, 8.
  49. Santa Vivián, 2 de decembro.
  50. Eladio Rodríguez González, s. v. Pedro.
  51. Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro.
  52. Xaquín Lorenzo Fernández, 39.
  53. Gran Enciclopedia Galega: s. v. Ano vello.
  54. Gran Enciclopedia Galega: s. v. año.
  55. Xaquín Lorenzo Fernández, 48. Os leiróns son pequenos roedores, comúns nas zonas boscosas.
  56. Xaquín Lorenzo Fernández, 47. Santa Baia das Maus de Salas, parroquia do concello de Muíños.
  57. Xaquín Lorenzo Fernández, 48. No orixinal: lá, mercalas. Padroso é lugar da parroquia de Rioseco no concello de Calvos de Randín.
  58. Xaquín Lorenzo Fernández, 56. Xeás é lugar de San Salvador de Torno, concello de Lobios; Gaiás é lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira; e San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
  59. Xaquín Lorenzo Fernández, 66.
  60. Xaquín Lorenzo Fernández, 85. No orixinal: .
  61. Xaquín Lorenzo Fernández, 90.
  62. Saudade, nº 4, xullo 1943, 29. No texto: comeum’un.
  63. No texto: mandóume.
  64. 64,0 64,1 64,2 Xaquín Lorenzo Fernández, 101.
  65. Xaquín Lorenzo Fernández, 110.
  66. Xaquín Lorenzo Fernández, 111. No orixinal: noa ves, muido [sic]).
  67. Fermín Bouza-Brey, 180. No texto: ô carneiro.
  68. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 180. No texto: de unha.
  69. Fermín Bouza-Brey, 170. No texto: pol-os.
  70. Xaquín Lorenzo Fernández, 129. No orixinal: paséi. Xaquín Lorenzo non inclúe o lugar da Olivada no seu índice toponímico, e tampouco aparece no Nomenclátor; Padroso é lugar da parroquia de Rioseco, no concello de Calvos de Randín.
  71. Xaquín Lorenzo Fernández, 133. No orixinal: peinalo, erbiñas.
  72. Xaquín Lorenzo Fernández, 140.
  73. Hai un refrán moi semellante: San Antonio garde o gando e san Xoán as ovellas, e mais as costureiriñas que andan polas casas alleas, quitado da Voz de Galicia. Sendo santa Lucía avogosa da vista, esta versión é a máis completa.
  74. Xaquín Lorenzo Fernández, 160. No orixinal: ehí.
  75. Xaquín Lorenzo Fernández, 163. No orixinal: gardamolo, vólas.
  76. Xaquín Lorenzo Fernández, 163. No orixinal: comémolo, vólas.
  77. Cotarelo fai lembrar que santa Rita é avogada dos imposibles.
  78. 78,0 78,1 Solución: a ovella.
  79. Solución: Ceo, estrelas, sol e vento, respectivamente.
  80. Solución: As uvas falando coa ovella, da que se saca o odre que levará o viño.
  81. Solución: a gaita.
  82. Solución: a marmelada.
  83. Solución: o lobo (ou o raposo) pregunta ó castiñeiro se viu pasa-las ovellas co seu pastor.
  84. Solución: o forno, os pans e a pá coa que se sacan estes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico [sic] gallego. Pontevedra 1904.
  • ALONSO PIMENTEL, Emilio, Xesús e Sara (EQUIPO A.P.): O clero na literatura popular galega. Cancioneiro e refraneiro. Akal, Madrid 1975.
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.
  • Mª Victoria Cerviño Ferrín: "Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 441-462.
  • ESMORÍS RECAMÁN, Federico: "Refranero fisterrán" en Cuaderno de Estudios Gallegos 14, 42, 1959.
  • FERRO RUIBAL, Xesús (Dir.) et al: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Universidade de Santiago (VERBA, anexo 27), Compostela 1985.
  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones, Madrid 1984.
  • GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio: “O refraneiro do mar”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 12. Museo do Pobo Galego 1988, 137-147.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia, Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: "Etnografía. Cultura Material", en Historia de Galiza (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), vol. II. Ed. Nós, Bos Aires 1962.
  • Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I. Xerais, Vigo 1985.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor. Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978
  • OTERO ÁLVAREZ, Aníbal: Vocabulario de San Jorge de Piquín. Verba, Anuario Gallego de Filología, Anejo 8. Universidad de Santiago de Compostela 1977.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano. La Coruña 1913-1928.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares gallegos. Galaxia, Vigo 1972.

Outros artigos[editar | editar a fonte]