Maio na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de maio na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros, etc.

Tralo inverno e as chuvias de abril, o tempo permite empezar cos traballos no campo, que cómpre realizar con premura para a sementeira. De aí as expresións estar amaiado ou andar co maio ó lombo cando un está canso e baldado. Do mesmo xeito maiola significa "preguiza", como maiolán ou maioleiro é un preguiceiro, e maiolarse ou esmaliolarse é caer rendido polo cansazo. Pero maiola tamén significa "castaña seca", tamén chamada castaña maiola ou, simplemente, maia; o dia das maiolas era o nome co que se designaba o 1º de maio, data na que se adoitaba regalar castañas ós veciños e ós pobres do lugar.

Para protexe-los campos e comezar maio libres de calquera mal, na noite do 29 de abril realizábase o ritual de alumea-las leiras.

Tamén é un costume moi común poñer na noite do último día de abril unha rama de xesta ou flor do maio nas portas das casas, nos barcos, nos coches e mais nas cortes para que non poida entra-lo maio nin collan o meigallo (LEIRO).

Os Maios[editar | editar a fonte]

Maios de Allariz (Ourense)
Artigo principal: Maios.

Nos primeiros días de maio (nalgúns lugares o día 1, noutros o 3) celébranse as festas dos Maios, festas lúdicas coas que se recibía o comezo da floración e o fin do inverno.

Na zona de Laza, os mozos cortaban unha árbore, a máis grande que podían, e plantábana no medio da praza, adornándoa con faroliños. A esta árbore chamábana maio.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A landra que non se ve en maio, non se ve en todo o ano.
  • A ovella do pobre no maio morre.
  • Abril chove para as xentes, e maio para as bestas.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
En abril, espigas mil, en maio, todo espigado
  • Abril e maio son as chaves do ano.
  • Abril esfola, pero maio amola.
  • Abril pare os froitos e maio lévaos ó lombo.
  • Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
  • Agosto fáiselle maio ó que non ten pan sementado.
  • ¡Ai, maio, maiolo! Peor aínda é o mes que vén logo.
  • Are quen arou que xa maio entrou.
  • Are quen arou, que maio xa pasou.
  • As sandías nin semeadas en maio nin nadas en abril.
  • Ata o corenta de maio non quíte-lo saio.
  • Ata o corenta de maio non quíte-lo saio; e se volve a chover, vólveo a poñer.
  • En abril, espigas mil, en maio, todo espigado.

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Andar co maio ó lombo: aplícase a quen está canso, desmaiado, agotado, en referencia ós traballos do campo que hai que facer neste mes.
  • Carpaza de maio: unha variedade de Erica.
  • Folla de maio: tipo de alga (recollido en Oia, Pontevedra; RIVAS QUINTAS)
  • Porca de maio: días de mal tempo que disque hai sempre a mediados de maio. Aínda non veu a porca de maio.
  • Ser [vir] como auga de maio: aplícase a algo que é ben recibido e chega no momento oportuno.
  • Ser [longo] coma o mes de maio: ser algo de moita dura, inacabable.
  • Ter maiola: ser preguizoso, ser un nugallán.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

Bótesme tarde,/ bótesme cedo,/ ata o maio/ non me ve-lo pelo
  • Din que a reina esta sentada/ que ten a barriga dura:/ ¡vai traer para Maio/ un corvo e mais unha rula!
  • Eu pedinlle o Maio/ a un capitán,/ non me tuvo que dar/ máis qu’a cabeza dun can.
  • Eu pedinlle o Maio/ a un coronel,/ non me tuvo que dar/ máis qu’un pucheiro de mel.
  • Eu pedinlle o Maio/ a un señorito,/ non me tuvo que dar/ senón a cabeza dun pito.
  • Nosa Señora da Adina/ ten oliveiras no adro,/ botan piñas no outono,/ cereixas no mes de maio.

Adiviñas[editar | editar a fonte]

Bótesme tarde,/ bótesme cedo,/ ata o maio/ non me ve-lo pelo. [1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Solución: a pataca.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico gallego. Pontevedra 1904.
  • FERRO RUIBAL, Xesús, Refraneiro galego básico, Galaxia, Vigo, 1987.
  • FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ed. do Castro, Sada 1990.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña. 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • RIVAS QUINTAS, E.: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Galaxia, Vigo 1972.