Teo (enfermidade)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tenia
Estado de conservación
[[Ficheiro:Status_iucn3.1_{{{ESTADO}}}_gl.svg|250px|]]
{{{ESTADO_NOME}}}
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Platyhelminthes
Clase: Cestoda
Orde: Cyclophyllidea
Familia: Taeniidae
Xénero: Taenia
Nome científico
Taenia multiceps
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

A cenurose ou, comunmente, teo é unha enfermidade parasitaria do gando ovino, producida polo Coenurus cerebralis, fase larvaria dunha tenia propia do can: Taenia multiceps.

Trátase dunha enfermidade propia do gando ovino, preferentemente dos animais máis novos; rara vez enferman as ovellas adultas. Ocasionalmente, cabras, vacas e outros ruminantes silvestres tamén poden sufri-la enfermidade.

  • castelán: torneo, modorra; tecnicamente, cenurosis.
  • alemán: Drehsucht, Kopfdrehe.
  • francés: Tournis.
  • inglés: Gid, Staggers, Turnisk, Waterbrain.
  • italiano: Vertigine idiatigena, Storno.

Etioloxía[editar | editar a fonte]

Cenurose: lesión no cerebro, cenuro e verme adulto

A causa da enfermidade é a presenza da larva da tenia no encéfalo do animal. A larva ten forma máis ou menos ovoide, cheo dun líquido desde incoloro a amarelo pálido. Cando se localiza na canal medular, adopta unha forma tubular.

A tenia, Taenia multiceps, Leske 1780, (antes T. coenurus), é un cestodo da familia Taeniidae, cun ciclo biolóxico mixto: o hospedador definitivo é o can mentres que o hospedador intermediario é a ovella. A sintomatoloxía que produce é distinta nun caso ou noutro, ata o punto de que se consideraron enfermidades diferentes durante séculos, provocadas por parasitos diferentes.

A tenia adulta é un parasito intestinal do can, gato e outros carnívoros silvestres, coma o raposo, que se infestan ó comer as cabezas das ovellas enfermas que o pastor desbotaba, xunto coas outras vísceras, despois de sacrificalas para aproveita-la súa carne e que comía o seu can. Os ovos da tenia expúlsanse coas feces do can e quedan sobre a herba ou a auga, para ser inxeridos polas ovellas ó pastaren ou beber.

O ciclo vital do parasito pode verse en www.fao.org [1]

Patoxenia[editar | editar a fonte]

Unha vez inxeridos os ovos do parasito, eclosionan no intestino da ovella e libérase a larva I. Esta perfora a parede intestinal e, a través da corrente sanguínea, chega ós diferentes órganos. No caso de invadi-lo cranio, evoluciona e muda a larva II; excepcionalmente tamén pode aloxarse na canal raquídea.

Segundo vai medrando a larva, que chega a te-lo tamaño dun ovo de galiña ó cabo de 2-3 meses (ou dunha laranxa de tamaño medio nos becerros), vai presionando a masa encefálica, con atrofia do tecido cerebral inmediato á larva, e provoca un aumento da presión intracranial. Todo isto causa os síntomas nerviosos característicos da enfermidade.

Na seguinte páxina web pode verse a típica lesión no cerebro provocada polo parasito [1].

Cadro clínico[editar | editar a fonte]

Os primeiros síntomas aparecen coa chegada das larvas ó cranio, ós 10-14 días da infestación, pero son pouco significativos e adoitan pasar desapercibidos.

Os síntomas característicos aparecen ós 3-6 meses da infestación. Os animais enfermos afástanse do rabaño e avanzan torpemente, coa cabeza baixa, a rentes do chan, e torta. Ás veces pode vérselles apoiando a cabeza no chan ou contra as pedras ou paredes, como facendo forza. Deixan de comer e poden mostrar espasmos musculares e a modo de ataques epilépticos, caendo e tropezando con frecuencia. O andar irregular, a tombos, con rumbo variable, é común. Ás veces presentan marcha lateral, con caída cara un lado.

Pronto aparecen movementos involuntarios sistematizados, entre os que destaca o andar en círculo: o animal enfermo non deixa de dar voltas e voltas sobre si mesmo, en círculos cada vez menores. Estes movementos diríxense sempre en sentido contrario ó hemiencéfalo lesionado.

Prognóstico[editar | editar a fonte]

En ocasións, o animal morre por encefalite, pero o normal é un curso crónico. O máis frecuente é que o pastor, ante a perda de comida e a deterioración do estado do animal, prefira sacrificalo. No faenado que realiza para aproveita-la carne, despreza a cabeza, que bota ós seus cans, pechándose así o ciclo.

Tratamento[editar | editar a fonte]

A enfermidade non ten tratamento na práctica. Algún pastor intenta rebaixa-la inflamación do cranio con compresas de auga fría na cabeza, que non serven para nada. A intervención cirúrxica, con trepanación e extirpación da vesícula parasitaria, é difícil, cara e adoita deixar secuelas, polo que nin se intenta.

Profilaxe[editar | editar a fonte]

As medidas preventivas contra a difusión da enfermidade consisten na destrución das cabezas dos animais enfermos, sen aproveitalas nunca para os cans, e na desparasitación dos cans dos pastores.

O teo na cultura popular[editar | editar a fonte]

O gando ovino ten unha reducida presenza en Galicia, e o censo cada ano é menor. Só representa unha gandería relativamente significativa en Ourense.

Segundo os datos do MAPA, referidos a decembro de 2005 [2], dos case 23 millóns de ovinos censados en España, só posuímos en Galicia 329.628 cabezas, un escaso 1,45%. Por tal razón esta enfermidade non formaba parte da realidade diaria do labrego e deixou pouca pegada na cultura popular galega, pero aínda así está presente, como podemos ver.

Coñecémo-los seguintes sinónimos do teo en Galicia: lolo, modorra, rebullón, tortón, tortullón, turtullón e verme canteiro. Dicionarios modernos recollen tamén cenurose, que é a denominación técnica.

O nome de verme canteiro que se lle dá nalgures á vesícula no cerebro dá nome con máis frecuencia ó vagalume. Aínda así, cabe sinalar que outro nome do vagalume que nos fai lembra-lo noso teo é o de verme carpinteiro. Franco Grande recolle o dito ter o verme carpinteiro co significado de haber perdido un tornillo.

Crenzas[editar | editar a fonte]

Crese que as ovellas contraen o teo por comer no mexacán, herba na que un can fora mexar antes.

Conta Sarmiento (Catálogo VF 1745-1755) que cara O Seixo (Conxo) saben que o teo non ten cura e, para librarse del e que non enfermen outras ovellas, cortan a cabeza da res enferma e vana botar fóra da parroquia. Noutras ocasións ceiban a ovella enferma nun monte lonxe da parroquia.

Aníbal Otero recolleu en Piquín estoutra práctica para librarse da enfermidade: córtanlle a cabeza á ovella enferma e bótana ó outro lado do río, sen mirar onde cae.

Locucións[editar | editar a fonte]

O comportamento das ovellas enfermas, ese seu deambular e andar sen rumbo trasladouse metaforicamente a expresións como:

  • andar ó lolo: andar tambaleándose (Xerais).
  • cavar ós tortullós: cavar cambiando de dirección continuamente, non en liña recta senón xirando (Cerdedelo, Laza; Rivas Quintas).
  • marchar ós tortullois: andar ás voltas unha persona ou animal, atordoado por un golpe ou ferida (Aníbal Otero).
  • parece-la cabra do teo: dise dalguén que non para quieto (Rivas Quintas).

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Cando co fato anda o dono, nin dá o teo nin vén o lobo.
    • Llópiz explica que teo e lobo son as dúas razóns que o pegureiro dá para explicar que regrese con menos gando do debido.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Meniña, ti te-lo teo: / dormes moitas noites fóra, / por causa do parrafeo (cant. pop. citada por Valladares, 1884).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • MARTÍNEZ MORENO e outros (1999): Patología de los pequeños rumiantes en imágenes (IV). Enfermedades de los adultos (enfermedades parasitarias), en Información Veterinaria, decembro 1999.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]