Corte (do gando)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Corte moderna
Rabaño de vacas no exterior dunha moderna explotación vacúa, en Dumbría

A corte (tamén frecuentemente en plural) é un espazo cuberto e pechado onde se acolle o gando doméstico durante a noite ou, modernamente, de forma permanente. Pode estar constituída por un edificio propio ou formar parte doutra principal.

Adoita utilizarse esta denominación para o espazo onde se acolle o gando bovino ou equino, reservando para o caso do gando porcino o nome de cortello. Outros nomes populares da corte son boedo (propio de bois), cortaduría ou cortello (dedicado ós becerros). As súas (sub)divisións ou cubículos tamén se chaman (dependendo do uso ou estrutura) beirón (veirón no orixinal), ameixadoira, cambeleira, tapadeira (para becerros), pertegaz (de parede baixa, derivado de portagaza)[1]

A corte tradicional[editar | editar a fonte]

Na casa tradicional galega, a corte era un edificio anexo á casa principal, moitas veces na planta baixa da mesma, buscando unha comunicación fácil e cómoda para poder acomodar o gando sen necesidade de saír á intemperie. Nas pallozas, a corte constituía unha división máis da planta principal, a carón da cociña ou das habitacións da xente, e recibía o nome de estrevariza. Cando a corte se construía como planta baixa da casa familiar implicaba algunhas vantaxes engadidas, como illar a planta de vivenda do frío e a humidade do chan e proporcionar unha forma de calefacción non desprezable, así como unha cómoda vía de eliminación dos excrementos das persoas, en tempos nos que aínda non existía un sistema de sumidoiros que garantise esa función de forma hixiénica.

Xaquín Lorenzo describía así a corte tradicional:

As cortes representan en menor escada a feitura das casas antergas. Sempre estradas (de estrume, palla, fentos, asegún as necesidás), baixas, de piso fondo e alumeadas por bufardas. As millores cóbrense de barras pra herba, palla e leña. Dispoñense baixo da casa, arredor do curro ou fora d’il. As fiestras e bufardas franqueanse pol-o regolar ô aire norte pra refrescare o gando nas noites de vrán. Gárdase n’elas o carro cando non hai bó pendello; algunhas son as vellas porciós tarreas da casa. Pr’os porcos reservanse os cortellos mais escuros, baixos e abrigados; a millor acostuma a ser pr’a mula ou faco, caso pouco frecoente, e pra xugadas de bois. A abenza acougase misturada c’o burro e c’as vacas; as veces en cortellos feitos de palitrocadas nas mesmas coadras grandes.

A corte non só era o abeiro onde se recollía o gando de noite ou nos días máis crus do inverno. Tamén era onde parían e se munxían as vacas. E para o gandeiro, que simultaneamente era agricultor, era a fonte de produción de esterco, imprescindible para a agricultura tradicional como fertilizante da terra.

Tratábase dunha construción sinxela e funcional, de madeira ou pedra, cunha porta ampla que facilitase a entrada e saída do gando e con ventás pequenas (chamadas bufardas ou fachinelos), que se tapaban con atados de palla durante o inverno.

A zona de acceso á corte adoitaba ter un espazo pechado (curral, boieira, currada, quinteiro) que podía ter unha parte cuberta, ben por unha parra, ben por un tellado simple. Neste quinteiro andaban ceibes o porco e as galiñas e na parte cuberta gardábase o carro, o arado e os outros trebellos propios do traballo do gandeiro.

No quinteiro reservábase un aparte onde se ía acumulando o esterco xerado polo gando, máis palla, toxo e outro molime, antes de retiralo co carro para esparexelo nas leiras. Este lugar denominábase estromeira e o material de refugallo que acollía estrume, molime ou estrado.

A corte moderna[editar | editar a fonte]

Vaca frisoa asomada ó presebe, nunha corte moderna.

As cortes modernas son xa edificacións independentes e construídas pensando no benestar e na hixiene do gando. Consta de sistemas mecánicos para distribución do penso e da auga, retirada do esterco e o correcto manexo dos animais. A zona de almacenamento do alimento, sexa herba ou penso, está illada e protexida, así como a zona de muxidura, que permite facelo en condicións hixiénicas.

A corte na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A boa vaca de leite na corte se vende.
  • A vaca de boa teta véndese na estreveira.
  • A vaca de boa teta vese na estreveira.
  • A boi vello non lle mudes de corte.
  • A boi vello non lle mudes de cortello.
  • Antes de compra-lo becerro, face-lo cortello.
  • Antes de compra-lo becerro, facerlle o cortello.
  • Antes de merca-lo becerro, fai o cortello.
  • Ao cheiro da presa a vaca brúa/brada na estreveira.
  • Cando Galo chega, os bois na corte se estean.[2]
  • Cando marchan os bois, baléirase a corte.
  • Cando saen as vacas, baléirase a coadra.
  • Cando saen os bois, límpase a corte.
  • Cando saen os bois, péchase a corte.
  • Díate Dios corte e cortello e ovellas e bois pra enchelos.
  • Dios sea loubado, que temos o curral ben estrado.
  • Gando na corte, pouco leite e queixo forte.
  • Haiche máis avogados en Galicia que zapateiras nunha corte.[3]
  • Máis val na corte que arresponsado.
  • Mal lle vai á corte cando o boi vello non tose.
  • Mal lle vai á corte onde o boi teixo non tuse.
  • Mal lle vai á corte onde o boi vello non tose.
  • Mal vai á corte, onde o boi vello non tose.
  • Merenda na arca, vaca na corte.
  • Non penses na cortella antes de ter a vaca.
  • O boi na súa corte de seu se delambe.
  • Ó boi vello non lle mudes a corte.
  • Ó boi vello non lle búsque-la corte, que xa che dará el coela.
  • O gado vale máis na corte que arresponsado.
  • O monte montea, e a corte cortea.
  • Onde non hai bois, limpa estará a corte.
  • Polo san Servando repousa no cortello o gando.[4]
  • Sexa boi, sexa vaca, na casa naza.
  • Sexa boi, sexa vaca, na corte naza.
  • Se a fame entra pola cuadra, mal lle vai ós de arriba.[5]
  • Tarde ou cedo o gando vai prá corte ou pró cortello.
  • Tódolos santos, bois polos estabros.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Á túa porta, meniña,/ á túa porta hai lama,/ bótalle retraña verde,/ bótalle verde retraña.[6]
  • Moito tocas, moito cantas,/ moito tóca-lo pandeiro;/ ises son os becerriños/ que che curten o quinteiro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Busca no Dicionario de dicionarios
  2. San Galo celébrase o 15 de outubro.
  3. As zapateiras son uns coleópteros negros que crían nas cortes. Poden identificarse con cascudas do xénero Blaps.
  4. San Servando celébrase o 28 de outubro.
  5. Lémbrese que na corte tradicional, o gando ocupa a planta baixa e as persoas a planta alta.
  6. Retraña é unha denominación da xesta.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]