A castaña na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castañas.

A seguir recóllese a pegada da castaña e do castiñeiro na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Tamén, por similitude, se recollerá algunha información sobre o castiñeiro de Indias (Aesculus hippocastanum).

O castiñeiro recibe en Galicia os nomes de castañeira, castañeiro, castiñeira, castiro e restre; existen castiñeiros bravos, que se denominan rebolos, bravádegos ou castiñeiróns. A denominación abundancial máis común é a de souto, pero tamén temos castañal, castañar, castañeira, castañeiro, castiñeiral, soutelo e tropezal.

A castaña ten tamén os nomes de cagoxa e croca; cando caen de seu ó chan xa maduras, denomínanse degaros, restelas ou restrelos (tamén castañas degaradas, degraídas, de restelo ou de restrelo). Algunhas castañas quedan abortadas ou malogradas dentro do ourizo: son as bolercas, castañas bolercas ou croucos; estas destínanse á ceba do porco.

Recóllense vareando os castiñeiros cuns paus longos ou lanzando contra as pólas uns paus pequenos (rebolos), de forma que os ourizos caen ó chan, de onde se recollen e se amorean ou se poñen a secar nas ouriceiras. Cando os ourizos secan e abren, extráense as castañas (operación que se chama a bulla ou petela).

As castañas cocidas con casca denomínanse mamotas ou zonchos.

Outra forma de come-las castañas é deixándoas secar no caínzo ou fumeiro, ó fume da lareira. Son as castañas maias, maiolas ou castañas do canizo [1], que se comen logo, secas e peladas, en forma de caldo de castañas

Índice

[editar] Crenzas e supersticións

Castiñeiro

Disque a sombra do castiñeiro, por ser húmida e fría, fai dano a quen se deite baixo ela; tamén son malas a da nogueira ou a da figueira [2]. Pola contra, a do carballo, do eucalipto e doutras árbores é boa. Así mesmo, pódese coller unha catarreira por comer castañas.

Crese (por Ourense e algunhas zonas de Pontevedra) que se os rapaces comen castañas frescas, sen quitarles o embrión, naceranlles piollos. Noutros lugares din que se se comen as primeiras castañas que dea un castiñeiro novo, xa non dará nunca máis, polo que as deixan secar na árbore; en Marín concretan esta prohibición nas mulleres: se estas comen esas primeiras castañas, no futuro dará froito un ano si e outro non, pero se as come un home non haberá problema.

A lúa de marzo é a mellor para poda-las árbores, os castiñeiros en minguante e os carballos en crecente.

Contra as queimuras de estómago aconséllase roer en cru unha castaña virxe ou que estivera soa no ourizo (Eladio RODRÍGUEZ, LIS QUIBÉN).

[editar] O Magosto

Artigo principal: Magosto.
Un magosto.

Directamente relacionado coas castañas temos en Galicia a celebración do magosto, nos primeiros días de novembro. O concepto de magosto designa tanto a preparación e comida colectiva das castañas nestas festas como o conxunto de castañas recollidas e preparadas para tal ocasión e mesmo a propia fogueira que se fai para asalas. Durante o magosto aprovéitase tamén para probar o primeiro viño novo.

Tan identificado está novembro coas castañas que no Incio e en Quiroga chaman Castañal ó propio mes.

[editar] Refraneiro

A castaña e o besugo, en febreiro están en zugo.
  • A castaña e o besugo, en febreiro están en zugo.
  • A castaña e o besugo, no febreiro non ten zugo.
  • A castaña no agosto quer beber e no setembro comer.
  • A castaña no agosto quere arder, e no setembro beber.
  • A castaña no agosto quere beber e no setembro comer.
  • A castaña no nadal, sabe ben e parte mal.
  • A castaña que está no camiño é do veciño.
  • A castaña quere en agosto arder e en setembro beber.
  • Ano de moitos ourizos desfai os canizos.
  • As castañas do castiñeiro hai que asalas no asadeiro.
  • As castañas están caendo e estanse facendo.
  • Candea aberta, seitura certa [3].
  • Cando vire-la candea no castiñeiro, leva a ovella ó carneiro.
  • Castañas no Nadal, saben ben e pártense mal.
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai ruín viño.
  • En agosto, as castañas arder e en setembro beber.
  • En ano de ourizo non fagas canizo.
  • En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
  • Furtando unha castaña e outra castaña, faise mala maña.
  • Habendo neboeira o día de San Pedro Fiel, castañas furadas e nabos ruís.
  • Néboa no san Pedro Cid, castañas furadas e nabos ruíns.
  • Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas.
  • Non quero pereira, quero castiñeiros para ter castañas o ano enteiro.
  • O castiñeiro, na man no burato, e o carballo no carro.
  • O que non sabe a maña, non come castaña.
  • O que non sabe de mañas, non come castañas.
  • O que non ten mañas, non come castañas.
  • Para o ruín porco sempre hai unha boa castaña.
  • Por Pascuas de Resurrección tres cousas teñen sazón: sardiñas salgadas, castañas asadas e predicación.
Temperá é a castaña que por setembro regaña.
  • Por san Quintín castañas ó rolín. [4]
  • ¿Quen vos trouxo os meus odres? Castañas asadas e sardiñas podres.
  • Se chove o día de San Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruís. [5]
  • Se chove o día de San Pedro Fiz, castañas malas e bolecos ruís. [6]
  • Se hai neboeiro día de San Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruíns.
  • Se o mes de agosto vén claro, bo magosto e bo nabo e se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados.
  • Sempre o porco ruín ha topar cunha boa castaña.
  • Sempre un porco ruín ha topar cunha boa castaña.
  • Tan honrado é o caldo coma as castañas.
  • Temperá é a castaña que por setembro regaña.

[editar] Cantigueiro

  • A castaña no ourizo/ eu ben che sei o que fai,/ si é que está verde, madura,/ e si está madura, cai.
  • A castaña no ourizo/ quixo rir e rebentou,/ caieu do castiro abaixo/ mira que tombo levou.
  • A castaña no ourizo,/ quixo rir e regañou,/ caeu do castiñeiro abaixo,/ vaia tombo que levou.
  • Acabáronse as vendimas,/ aí veñen as esfolladas/ para comer coas nenas/ catro castañas asadas.
  • Acabáronse as vendimas,/ e veñen as esfolladas,/ para comer coas mozas/ catro castañas asadas.
  • As castañas son castañas,/ os orizos son orizos,/ os ollos da túa cara/ para min son dous feitizos.
  • Bota castañas abaixo;/ qu'o demo do meu amor/ hastra no mirar é falso.
Candeas ou galiñas dun castiñeiro.
  • Castiñeiro sen galiñas/ castañas non pode dar;/ rapaza que non ten gracia,/ qué amores pode tomar? [7]
  • Castiñeiro, dás castañas/ que eu ben che vexo as candeas;/ ao te ver falar con outro/ sáltame o sangue nas veas.
  • Está San Xuán de Poio/ no medeo dos castiñeiros,/ pola súa porta pasa/ a danza dos mariñeiros.
  • Eu ben vin esta-lo cuco/ na cima dun castiñeiro,/ cunha subela na mau,/ aprendendo a zapateiro.
  • Eu ben vin estar o cuco/ enriba dun castiñeiro/ cunha subela na man/ deprendendo a zapateiro.
  • Eu non quero uvas,/ figos nin castañas,/ pero pra as ameixas/ teño boas mañas.
  • Eu quero un mozo que sea/ forte coma un castiñeiro,/ que sea bo baillador,/ saiba tocalo pandeiro.
  • Has de cantar – que che hei de dar zonchos/ has de cantar – que che hei de dar moitos/ has de cantar - e has de cantar/ has de cantar – que chos hei de dar.
  • Miña Virxe da Lanzada/ bota castañas abaixo,/ anque non teño mantelo/ collereinas no refaixo.
  • Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ bota castañas no Outono/ uvas no mes de xaneiro.
  • Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ dá castañas en agosto,/ uvas brancas no xaneiro.
  • Non chas quero, non chas quero,/ castañas do teu magosto;/ non chas quero, non chas quero,/ que me cheiran a chamosco.
  • Nosa Señora de Abades/ ¿qué lle dás ós teus romeiros?/ Agoiña da miña fonte,/ sombra dos meus castiñeiros.
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ as mociñas, as de agora,/ todas andan ó castizo.
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ as mociñas de Gaiás/ todas ten o tortorizo.
  • Ó carballo caille a folla/ i ó castiñeiro o ourizo;/ as mociñas que hai agora/ todas lle dá o tortorizo.
  • Ó carballo caille a folla/ i o ourizo nona ten;/ as mociñas que hai agora/ moi pouca vergoña ten.
  • Santo que estás no caínzo/ bota castañas abaixo,/ bótamas das máis grandiñas/ que ás pequenas non me baixo.
  • Santo que estás no cainzo/ bota castañas embaixo,/ bota de esas maduriñas/ polas verdes non me baixo.
  • Santo que estás no canizo,/ bota castañas abaixo;/ bótame das milloriñas/ que polas ruís non me abaixo.
  • Señora María,/ Señor Manoel,/ castañas asadas/ e viño con mel.
  • Teño un castiñeiro alto,/ na cima ten mil enredos;/ tampouco os enamorados/ poden telos ollos quedos.
  • Teño un castaño moi alto,/ no tronco ten mil enredos,/ tampouco os anamorados/ poden te-los ollos quedos.
  • Volve, Xuana, volve, Xuana,/ que has de atopar unha boa castaña;/ volve, miniña, vólvete a vir/ moito no souto habemos de rir.

[editar] Locucións

  • Darlle castaña a un: enganar a alguén, darlle gato por lebre.
  • Estralar como unha castaña: facer alguén algo totalmente inesperado.
  • Forte como un castiñeiro: de gran forza e resistencia no traballo. Tamén, en bo estado de saúde.
  • Parecerse como un ovo a unha castaña: semellar pouco ou nada unha cousa a outra que nos queren mostrar como equivalentes.
  • Sacarlle as castañas a alguén: solucionar unha situación apurada a outro, solucionarlle os seus problemas.
  • Ser tan honrado o caldo coma as castañas: tanto ten un coma outro, ser tal para cual dúas persoas ou dúas opcións. Úsase adoito con sentido pexorativo.
  • Xente das castañas: fato de xente á que se lle quere negar importancia.

[editar] Léxico derivado

  • Castaña: vulva.
  • Castaña: moño ou rodete que as mulleres se fan na parte posterior da cabeza.
  • Castaña: noz de Adán, prominencia que forman as cartilaxes da larinxe na cara anterior do pescozo dos homes.
  • Auga de castañas: aplícase á chuvia miúda que molla sen remedio, así como tamén a un café de mala calidade, pouco cargado.
  • Herba castaña (ou herba das castañas): certa herba medicinal.

Lémbrese que durante os primeiros tempos do cultivo das patacas, estas recibiron en Galicia os nomes de castañas da terra ou castañas mariñas. Así mesmo, castañal designaba un campo de patacas. Nun documento que recolle os dezmos do mosteiro de San Antolín de Toques, escrito polo Prior no 1752, pode lerse: "Llevamos los diezmos enteros de todo fruto sino de habas y castañas mariñas o patatas, que también ocupan la tierra".

[editar] A castaña de Indias na cultura popular galega

Levar no peto unha castaña de Indias serve para curar ou evita-las hemorroides. Tamén alivia as dores da reuma [8].

Para protexerse do mal de ollo cómpre levar á man unha castaña de Indias, ou mellor varias enfiadas nun cordel.

[editar] Notas

  1. A estas castañas refírese a cantiga popular Santo que estás no canizo, bota castañas abaixo; bótamas das milloriñas, que polas ruís non me abaixo.
  2. A sombra da figueira parece se-la peor de todas, tanto aquí como no resto de España: La sombra de la higuera mata a cualqueira.
  3. Quere dicir que cando abre a candea, a flor do castiñeiro, axiña vén a época da sega.
  4. San Quintín, 31 de outubro.
  5. Este é San Pedro ad víncula, que se celebra o 1º de agosto. Como coincide coa festa de San Fiz naceu esta aglutinación de San Pedro Fiz (noutros casos san Pedro Cid ou san Pedro Fiel).
  6. Bolecos ou bolercas son as castañas abortadas, malogradas.
  7. Galiñas, neste caso, son os amentos que botan ó florecer.
  8. Con esta fin pódese levar igualmente unha pataca ou un allo.

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, E.: Refranero agrícola y metereológico [sic] gallego. Pontevedra, 1904.
  • FERRO RUIBAL, X. (Dir.) et al: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ed. do Castro, Sada 1990 .
  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Universidade de Santiago (VERBA, anexo 27), Compostela 1985.
  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones, Madrid 1984.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La medicina popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín; "Etnografía. Cultura Material", en Historia de Galiza (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), vol. II. Ed. Nós, Bos Aires 1962.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa. Galaxia, Vigo 1973.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor. Lugo 1977.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • RIVAS QUINTAS, E.: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares gallegos. Galaxia, Vigo 1972.
Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas