Febreiro na cultura popular galega
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de febreiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros, etc.
O día da Candelaria -2 de febreiro- casan os paxariños. Ese día lévanse as candeas á igrexa e gárdanse para protexe-la casa da treboada ou para acompaña-lo viático. Nalgures encenden tantas candeas como fillos morreron sen bautismo; en Muros, unha por cada persoa que morreu na casa (FRAGUAS:107).
Índice |
Refraneiro [editar]
- A auga de febreiro derrama o viño.
- A castaña i o besugo, en febreiro están en zugo.
- A castaña i o besugo, en febreiro non ten zugo.
- A chuvia de febreiro fai o palleiro.
- A xeada de febreiro mata a vaca e mailo leiro.
- Abrígate por febreiro con dúas capas e un sombreiro.
- Aí vén febreiro cos seus vinteoito: si tivera máis catro non deixaba can nin gato.
- Auga de febreiro, enche o graneiro.
- Auga de febreiro fai o palleiro.
- Cando a Candelaria chora, a mitá do inverno está fora; se chora ou ri, a mitá do inverno está por vir, e se chora ou fai vento, aínda o inverno está dentro.
- Cando a Candelaria chora, medio inverno vai fóra. Que chore, que deixe de chorar, medio inverno está por pasar.
- Cando a Candelaria chora, metá do inverno vai fóra.
- Cando a Candelaria chora, mitá do inverno vai fóra: cando ela rir, está por vir, mais cal chorar, cal rir medio inverno está por vir.
- Cando chove por febreiro, todo o ano é temporeiro.
- Cando febreiro non febreirea, marzo marcea.
- Cando non chove en febreiro, non hai bo prado nin bo lameiro.
- Come máis pan un día de sol de febreiro, que os cabalos de todo o reino.
- Dixo no monte unha vella: Vaite febreiriño corto cos teus días vinteoito, que si tiveras máis catro non quedaba can nin gato. Febreiriño contestou: Os teus becerriños oito, deixa que meu irmán marzo hachos de volver en catro.
- Dure a mala veciña o que a neve febreiriña.
- Dure a miña veciña o que a neve febreiriña.
- En chegando san Brais pon pan e viño na alforxa que día non faltará.
- En febreiro, bo é o obreiro, e millor ó derradeiro.
- En febreiro busca a sombra o cadelo.
- En febreiro busca a sombra o can.
- En febreiro, mete obreiro.
- En febreiro, por cada rego un caneiro.
- En febreiro, saca o boi do teu centeo.
- En febreiro sai o oso do oseiro.
- En febreiro sete capas e un sombreiro.
- En febreiro, sete galgos e un lebreiro, i en maio, sete lebres e un galgo.
- En xaneiro, namoreime, en febreiro, caseime ... e amoleime.
- Ende chegando san Brais pon pan e viño na alforxa, que día non faltará.
- Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro.
- Febreiriño camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro.
- Febreiriño corto, casou ós vinteoito.
- Febreiriño corto, cos seus días vinteoito; se duras máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor pra ir co ela, nin cornos no carneiro, nin orellas ó pregoeiro.
- Febreiriño curto, cos seus días vinteoito, se duraras máis catro non deixabas can nin gato.
- Febreiriño curto cos seus vinteoito, o que se boas contas lle botas vintenove che ha de dar.
- Febreiriño frebas dá, e se non as dera, xa as dará.
- Febreiriño mocho, cos teus vinteoito, mellor sería se tiveras menos oito.
- Febreiro, bertoeiro. [1]
- Febreiro, cabriteiro.
- Febreiro camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro.
- Febreiro, cebadeiro.
- Febreiro corto, o pior de todos.
- Febreiro corto, cos seus días vinteoito, se durara máis catro, non quedaba can nin gato, nin rato no seu burato.
- Febreiro, currusqueiro; marzo ventoso; abril chuvioso; maio louro, cuberto de ouro.
- Febreiro curto, cos teus días vinteoito, se duraras máis catro, non quedaba can nin gato. Pois deixa, que agora vén meu irmau abril que che ha de matar o porco dun ano no cubil.
- Febreiro, frebas de frío, e non de liño. [2]
- Febreiro, inda que corto, é o pior de todos.
- Febreiro louco, sacou o seu irmán e apedreouno.
- Febreiro, o mexadeiro, cando na casa, cando no outeiro.
- Febreiro quente, trae o demo no ventre.
- Febreiro, sete capas e un sombreiro.
- Febreiro, xiada na leira, e cachopo na lareira.
- Flor de febreiro non vai ó fruteiro.
- ¡Mala veciña!, coma neve febreiriña.
- Neve febreiriña, pica á galiña.
- Neve febreiriña, tarde vén e logo camiña.
- No febreiro busca o can ó pé do palleiro.
- O dous de febreiro súbete ó outeiro; se ves negrexar ponte a cantar; se ves branquexar bótate a chorar.
- O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.
- O que queira bo alleiro, que o bote no febreiro.
- Pola Candelaria cásanse os paxariños e vaise a galiñola.
- Pola Candelaria se chove e venta o inverno entra, se ri e chora a mitade do inverno vai fóra, se non chora nin ri aínda o inverno está por vir, se chora e deixa de chorar, a mitade do inverno aínda está por pasar, se non chove nin implora o inverno xa vai fóra.
- Pola Candelaria, aínda a vella vai á lareira.
- Polo San Antón xa a galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
- Polo san Brais hora e media máis e se ben contaras dúas encontraras.
- Polo san Brais, dúas horas máis.
- Polo san Brais, hora e media máis.
- Polo san Brais, teñen os días dúas horas máis.
- Polo san Matías, marzo ós cinco días.
- Polo San Matías xa cantan as cotovías.
- Polo san Valentín amendoeira con gromiños.
- Polo san Valentiño a amendoeira esbrocha o grumiño.
- Polo san Valentiño frolez o espiño.
- Por san Brais, aparellos para atrás.
- Por San Brais, dúas horas máis. [3]
- Por San Pedro da Cuadrela, sal a cobra da súa pedra. [4]
- Porco do febreiro vai co seu pai ó fumeiro.
- San Brais da Barca, que afoga e non mata.
- San Matías anda co Entroido ás porfías.
- San Valentín e santa Erea poñen os gromos na amendoeira.
- San Valentín trae o gomiño.
- San Valentiño, da primaveira veciño.
- Se a Candeloria chora, mitá do inverno vai fóra; que ría, que chore ou que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
- Se a Candeloria chora, mitá do inverno vai fóra; se ri, está por vir.
- Se chove en febreiro, bota as pipas ó quinteiro.
- Se chove o día da Candelaria vai o inverno vai fóra; se chove ou canta, o inverno entra, e se non chove nin implora, aínda hai sesenta días de maña xorna.
- Se en febreiro trona, mal ano para o gando e bo para o sementado.
- Se febreiro non febreirea, marzo, marcea.
- Se non chove en febreiro, nin bo prado, nin bo centeo, nin bo lameiro.
- Se non chove en febreiro van as pipas ó canteiro.
- Se queres ter abellas mira por elas nas Candeas, e se queres ter mel mira polo san Miguel.
- Se queres ter abellas míraas polas Candeas, e se queres ter mel míraas polo san Miguel.
- Vaite febreiriño corto, cos teus días vinteoito, que se tiveras máis catro non quedaba can nin gato.
- Vaite febreiro cos teus vinteoito que se duras máis catro non queda can nin gato.
- Vaite febreiro cos teus vinteoito, que si duras máis catro non queda can nin gato. Deixa que aí vén meu irmán marzo que vos ha de poñe-los cornos no regazo.
- Vamos, mozas, a san Brais, que festas non quedan máis.
- Xaneiro alleiro e febreiro cabriteiro.
- Xaneiro, xeadeiro, febreiro, grileiro.
- Xaneiro, xeadeiro; febreiro, berceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.
- Xaneiro xiadeiro, febreiro escarabanadeiro, marzo amoroso, abril chuvioso, maio ventoso, San Xoán caloroso, que fai o ano formoso.
Recitados [editar]
-
- Dixo no monte unha vella:
- Vaite, febreiriño corto,
- cos teus dias vinteoito,
- que, se tiveses máis catro,
- non quedaría can, nin gato.
- Febreiro contestou moito:
- Os teus becerriños oito
- deixa que meu irmán marzo
- hachos de volver en catro.
Notas [editar]
- ↑ Chámanse bertós ás follas novas que botan os nabos, despois das nabizas e antes dos grelos.
- ↑ Fálase máis normalmente das frebas de marzo, nome que se dá ós primeiros días deste mes que adoitan ser tan crus como os do mes de febreiro anterior.
- ↑ San Brais, 3 de febreiro.
- ↑ San Pedro, 22 de febreiro.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- FERRO RUIBAL, Xesús, Refraneiro galego básico, Galaxia, Vigo, 1987.
- FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ed. do Castro, Sada 1990.
- LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
- MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
- MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
- RIVAS QUINTAS, E.: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
|
|||||||||||||||||