Xuño na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltando a cacharela na noite de San Xoán.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de xuño na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

As celebracións populares máis importantes deste mes coinciden coa festividade do Corpus e coa noite de San Xoán, noite máxica por excelencia. No primeiro caso, cómpre destaca-las alfombras de flores que se constrúen en diversas localidades galegas, especialmente Ponteareas. Tamén, a festividade do Boi de Allariz. As cacharelas de San Xoán celébranse en practicamente toda Galicia.

Non son estas as únicas festas que se celebran no mes de xuño, e así pódense citar tamén a romaría do Corpiño en Lalín ou as festas de San Pedro e San Paulo.

A noite de San Xoán[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Noite de San Xoán.

A noite de San Xoán, coincidindo co solsticio de verán, celébrase desde antigo en toda Galicia. O costume máis estendido é o das fogueiras, cachelas ou cacharelas de San Xoán: grandes lumes que se plantan en diversos lugares e que convocan ó seu redor ós veciños para comer sardiñas, beber viño e, finalmente, saltar sobre a fogueira nun rito propiciatorio de boa fortuna para o resto do ano á vez que se di: ¡Sálvate, lume de san Xoán, pra que non che morda cadela nin can. Ultimamente estase estendendo o costume de repetir estas fogueiras na noite de San Pedro.

O orballo da noite de San Xoán é considerado bo remedio para cura-la sarna. Para iso, o enfermo ten que quedarse totalmente espido e coloca-la roupa na póla dun carballo, contra o que se refrega ás 12 da noite. Logo debe bañarse nun río próximo ou tirarse a rolos sobre a herba húmida, e vestirse con roupa nova, deixando a vella na árbore. Noutras partes, dormen esa noite, tamén nus, entre o centeo (LIS QUIBÉN:307).

Existe a crenza de que no amencer do día de san Xoán baila o sol: San Xoán pideu a Cristo/ pra que non o adormentase/ para ver baila-lo sol/ no día da súa romaxe.

Outra tradición común nos mozos é a de facer trasnadas (cacenadas) durante a noite de san Xoán. Usualmente, recorríase o lugar collendo das casas os carros, arados e mesmo as portas para deixalas en calquera lugar de difícil acceso pero ben visibles, para maior vergonza do veciño que tiña que ir recupera-la súa propiedade ó día seguinte.

Debe terse coidado de non deixar sen tapar o leite muxido a véspera de san Xoán, para evitar que durante a noite veñan as meigas a lava-lo cu no leite. Tamén se protexe colocando un ramallo de flores en tódalas portas e ventás da casa e das cortes (RODRÍGUEZ LÓPEZ:195).

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • A auga de San Xoán leva o viño e tolle o pan.
  • A auga de san Xoán quita o viño e tolle o pan.
  • A auga de San Xoán tolle o viño e non dá pan.
  • A auga por San Xoán tolle o viño e non dá pan.
  • A chuvia por San Xoán tolle o viño e non dá pan.
  • A reixa de san Xuan, moitos o saben e poucos o dan [1].
  • A sardiña en San Xoán xa molla o pan.
  • A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan.
  • Abril chuvioso, maio pardo e san Xoán ventoso traen o ano compogoso.
  • Abril, pendoril; maio, engraio; e san Xoán, segaio.
  • Abril, pendoril; maio, engraio; san Xoán, segaio.
  • Aceitona, unha por san Xoán e un cento por Navidá.
  • ¡Ai, maio, maiolo! Peor aínda é o mes que vén logo.
  • As tormentas por san Xoán tollen o viño e levan o pan.
  • As trampas de san Xoán, por onde veñen van.
  • As trampas de san Xoán saen pola man.
  • Ata o san Pedro, o viño ten medo.
  • Ata san Xoán non te quíte-lo gabán.
  • Auga de san Xoán, tolle viño e non dá pan.
  • Auga entre maio e xuño, vale máis cós bois e o xugo.
  • Auga no San Xoán tolle o viño e non dá pan.
  • Cabalo alazán non o teñas contigo en san Xoán.
  • Cando san Xoán bebe viño, ponse moito vermelliño.
  • Chuvia en san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  • Chuvia na semana da Ascensión cría nos trigos mourón, pro é un regalo San Pedro co seu xerro, San Cristobo co seu cobo, Santa María coa súa regazadiña, Santiago co seu canado, San Lorenzo co seu caldeiro penso, Nosa Señora coa súa ola e San Miguel co seu tonel.
  • Coa auga en san Xoán xa se revolve o lobo ó can.
  • Como sempre, detrás de maio vén san Xoán.
  • Con pan ou sen pan, o que non morra vivirá por san Xoán.
  • De San Xoán prás Navidás, os días van pra atrás.
  • De san Xoán, Santiago e agosto, mulleres, non son voso; dende Nadal a marzo, estarei ó voso lado.
  • Deica San Pedro o viño ten medo.
  • Detrás de maio vén san Xoán.
  • Día de san Paio, a cegoña nos prados. [2]
  • En abril cátanos no cubil, en maio xa son bo gallo, en san Xoán xa lle dou a carreira ó can, en santa Mariña xa vou pola cabritiña, en agosto xa vou co meu pai polo rostro, en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
  • En abril está a loba no cubil, en maio sae co pai ó lado, en san Xoán atrévese co can, en Santa Mariña xa colle a cabritiña, en agosto sae co pai ó rostro.
  • En abril, o salmón para min, no maio para o criado, e no san Xoan para o can.
  • En maio aínda a vella queima o tallo, e unha miguiña que lle quedou, para san Xoán a deixou.
  • En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo do can; en santa Mariña, xa pillo a galiña; e en agosto, xa son bo raposo.
  • En marzo, nazo; en abril, estou no cubil; en maio, xa saio; en san Xoán, xa fuxo ó can; en santa Mariña, xa pillo a galiña; e en agosto, xa son bo raposo.
  • En san Xoán, a fouce na man.
  • En san Xoán, a mexada dun can.
  • En san Xoán, a sardiña molla o pan.
  • En san Xoán, as nove co día dan.
  • En san Xoán, bótalle a fouciña ó pan; en Santa Mariña, da meda fai fariña.
  • En san Xoán, encéndese a fogueira e canta o can.
  • En san Xoán nin a mexeira dun can.
  • En san Xoán, o raposiño come pola súa man.
  • En san Xoán, o tempo aínda pon cara de can.
  • En san Xoán, pés na cama, pé no chan.
  • En San Xoán pinga a sardiña no pan.
  • En San Xoán seca a raíz o pan.
  • En san Xoán, tanto queixo coma pan.
  • En san Xoán, tanto viño coma pan.
  • En san Xoán, trompos no chan.
  • En san Xoán, xa a sardiña molla o pan.
  • Entre marzo e abril sae o cuco do cubil, e entre san Xoán e a sega marcha o cuco para a súa terra.
  • Entre san Xoán e san Pedro, cinco días van no medio.
  • Entre san Xoán e san Pedro, vén o pan ó vencello.
  • Entre San Xoan e Santiago, Dios nos libre dun nubrado.
  • Fogueira de San Xoán, que non pase cadela nin can.
  • Frío por Nadal, calor desde san Xoán.
  • Hastra o san Pedro, o viño ten medo.
  • Hastra San Xoan, toda a herba é pan.
  • Invernía de San Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  • Lampreas en san Xoán, pra o can.
  • Maio longo, san Xoán redondo.
  • Maio longo, san Xoán redondo. Maio pardo, San Xoán craro.
  • Maio pardo e san Xoán craro valen máis cá Señora e o carro.
  • Maio pardo e san Xoan claro valen máis cós bois e o carro.
  • Maio pardo e san Xoán claro valen máis que os bois e o carro.
  • Maio, pardo; san Xoan, claro.
  • Maio turbo e san Xoán craro fan un ano temperado.
  • Marzo, espigarzo; abril, penduril; maio, granado; san Xoán, curado; na santa Mariña, metelo na arquiña.
  • Marzo pardo, san Xoán craro.
  • Na noite de San Xoán andan os tolos pedi-lo pan, e na noite do ceboliño andan os vellos a pedi-lo viño.
  • No abril para min, no maio para o criado e no san Xoán o peixe para o can.
  • No día de san Xoán baila o sol pola mañán.
  • No mes de San Xoan, as nove con día dan.
  • No mes de san Xoán secan as fontes e arden os montes.
  • No mes de san Xoán, pícanlle as pulgas no rabo ó can.
  • No san Xoán deixa o touciño e come pan.
  • O coello, por san Xoán, e a perdís por Navidá.
  • Ó cuco, san Xoán dálle a fala e san Pedro sácalla.
  • O dez de san Xoán recolle a cuquela e o trinta se vai.
  • O día de san Pedro vai ver o teu olivedo, e se ves un gran, espera un cento.
  • O día de san Xoán, as fogueiras acesas están.
  • O día de san Xoán créballe a primeira raíz ó pan, o día de san Pedro, créballe a do medio, e o día de santa Isabel ...¡fouciñas a el!.
  • O día de san Xoán molla o viño no pan.
  • O día de san Xoán, fogueiras ó chan.
  • O día de san Xoán saen os cegoniños a voar.
  • O día de san Xoanás, vin o rapaz.
  • O día de san Xoaniño, vin o meniño.
  • Ó estar xuño xa na beira busca a fouce e limpa a eira.
  • O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.
  • O peixeiro trae peixe, o panadeiro trae pan e as trasnadas San Xoán.
  • O polo de xaneiro, polo san Xoán está comedeiro.
  • O que en agosto ou setembre non dá cebada, en san Xoán non fai xornada.
  • O que queira comer patacas en san Xoán, bóteas cando o pan.
  • O que queira comer patacas por san Xoán, bóteas cando o pan.
  • O que xexúa en san Xoán, ou é parvo ou non ten pan.
  • Pola festa de san Xoán andan os pobres a pedir pan.
  • Polo san Antón, a galiña pon. [3]
  • Polo san Antón, xa a galiña pon.
  • Polo san Pedro abre o rego.
  • Polo san Pedro, burro quedo.
  • Polo san Pedro, o burro quedo.
  • Polo san Pedro, vai ver o teu olivedo, e se ves un grau, espera un cento.
  • Polo san Xoán á sardiña, e en setembro á vendima.
  • Polo san Xoán andan coa gaita na man.
  • Polo san Xoán, auga fervida con pan.
  • Polo san Xoán baila o sol no chan.
  • Polo san Xoán bébese viño e cómese pan.
  • Polo san Xoán, calquera burro gaña o pan.
  • Polo san Xoán come sardiñas e tira pedriñas.
  • Polo san Xoán déitate cedo para lava-la cara pola mañán.
  • Polo san Xoán os trompos bailarán.
  • Polo san Xoán rapa o carneiro a la.
  • Polo san Xoán, uns veñen e outros van.
  • Por san Paio, cegoniños nos agros [4]
  • Por san Xoán, a sardiña molla o pan.
  • Por san Xoán, a sardiña pinga no pan.
  • Por san Xoán, bólas ó chan.
  • Por san Pedro, o cocho no medio.
  • Por san Pedro, o millo cúbrelle a á ó corvo.
  • Por san Xoán a sardiña molla o pan.
  • Por san Xoán a sardiña pinga no pan.
  • Por san Xoán, pedras ó can.
  • Por san Xoán pitos de cegoña a revoar.
  • Por san Xoán, tanto queixo coma pan.
  • Por xuño ¿onde anda o mozo?, ou está na aberta ou no pozo.
  • Quen ara no San Xoán, ou está tolo ou non ten pan.
  • Quen xaxúa por san Xoán, ou é tolo ou non ten pan.
  • San Andrés trae a vela e san Xoán a leva [5].
  • San Pedriño, san Pedrán, polo teu santo empeza a haber a primeira mazán.
  • San Pedro e san Simón traen a chave do trebón. Asi como eles son santos, traian os trebóns mansos.
  • San Xoán come pan e san Andresiño touciño.
  • San Xoán daime o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán, deixa vi-lo pan que el cho pagará.
  • San Xoán e san Andrés, fai Dios que non sexan cada mes.
  • San Xoán e san Martiño foron merendar ó camiño. San Xoán levara o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.
  • San Xoán o vintecatro, san Pedro o vintenove e san Antón o trece por ser o santo máis xove.
  • San Xoán, pola mañán cara de can, a mediodía cara de alegría.
  • San Xoán, san Xoán, deixa vi-lo pan que con el cho pagarán.
  • San Xoán, san Xoanás, o mes en que nace o rapás.
  • San Xoán, san Xoanciño, dinche sempre que andes dereitiño.
  • San Xoán, san Xoaniño, bota fóra este meniño.
  • San Xoán trae o fol cheo de pan e san Martiño bota de viño.
  • San Xoán trae o inferno e san Andrés o inverno.
  • Se comes sardiña en san Xoán, mollaráchese o pan.
  • Se queres comer patacas por San Xoan, seméntaas cando o pan.
  • Se queres ó teu marido matar, dálle verzas por san Xoán.
  • Se San Xoan chora, a silveira non dá mora/moras.
  • Tantos días de sol en nadal como de auga en San Xoán.
  • Tras de maio, vén san Xoán.
  • Treboadas de san Xoán, barrisco de froita na man.
  • Un anaquiño que lle quedou, para san Xoán o deixou.
  • Vento por san Xoán, ata san Antón non máis.
  • Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • Alá unha noite de lúa/ alá no mes de San Xoán/ saleu o señor Tourón/ cos calzoncillos na man.
  • Casaivos, mozos, casaivos/ que as mozas baratas van,/ vintacinco por un carto/ fiadas hastra Sanxuán.
  • Décheme unha pera parda/ e tamén unha xuaneira,/ déchema pola ventana;/ Dios cho pague, churrusqueira.
  • Décheme unha pera parda/ e unha mazá xuaneira,/ botáchemas pola ventá/ ¡Dios cho pague, churrusqueira! (Capelada)
  • Décheme unha pera parda/ e unha mazán xuaniña,/ déchemas pola ventana;/ Dios cho pague, queridiña.
  • Meu San Antoño bendito,/ como me cases hogano/ heiche levar unha vela/ coma un fungueiro dun carro.
  • San Xoán pideu a Cristo/ pra que non o adormentase/ para ver beilar o sol/ o día da súa romaxe.

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Flor de San Xoán: flor do salgueiro.
  • Herbas de San Xoán: denominación común a diversas plantas aromáticas, coas que se prepara unha auga para lava-la cara na mañá do día de San Xoán, deixándoas macerar toda a noite anterior na ventá. Diversas herbas reciben o nome de herba de San Xoán.
  • Perillote de San Xoán: variedade de pera, de pequeno tamaño pero saborosa, que madura neste mes.
  • San Xoán: dedaleira (Digitalis purpurea), tamén chamada abrula, abeluria, estralote, seoane, etc. ou, tecnicamente, dixital, unha planta coa flor en forma de dedil.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Refírese á arada que cómpre dar ás viñas neste mes
  2. San Paio, 26 de xuño.
  3. San Antón o mentirán, 13 de xuño.
  4. Ver Día de san Paio....
  5. Por san Andrés (novembro) cómpre alumarse cunha candea, que xa non será necesaria cando chega o san Xoán (xuño).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico gallego. Pontevedra 1904.
  • ANÓNIMO: "Refraneiro", en Saudade. Verba Galega nas Américas (México 1942-1953. Ed. facsímile Centro Ramón Piñeiro 2008, nº 3, maio 1943, 24-25).
  • FERRO RUIBAL, X. (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ed. do Castro, Sada 1990.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo. Cambados 1986.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La medicina popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
  • RIELO CARBALLO, Isaac: Cancioneiro da Terra Cha (Pol). Ed. do Castro, Sada 1980.
  • RIVAS QUINTAS, E.: Frampas. Contribución al diccionario gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Galaxia, Vigo 1972.