O mar na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O mar, como morada do Mal

A seguir recóllese a presenza do mar na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Crenzas[editar | editar a fonte]

Os mariñeiros cren que o mar está vivo e que hai que telo contento para que estea da parte dun. Por iso os pontevedreses, cando saen pescar fóra da ría, botábanlle un pan de millo a modo de pago.

Nunca sobra utilizar distintos signos e amuletos para protexe-lo barco e os propios mariñeiros dos perigos que corren no mar, así como para propiciar unha boa pesca. Así, hai quen grava na madeira da barca ou dos remos (mesmo na porta da casa) o risco de Salomón ou a estrela de David, estrelas de cinco ou seis puntas respectivamente. Entre os amuletos utilizados no mar están os coñecidos cornos de carneiro ou ferraduras, cun número impar de buratos; tamén ramas de ruda ou de aceviño.

Andando no mar non se pode falar de cregos nin de raposas [1]; outos etnógrafos inclúen entre os temas tabú as cobras, os zapateiros e mailos xastres. Tampouco se pode asubiar a bordo, porque disque atrae a treboada.

Outra crenza recollida nos portos de mar é que cando sobe a marea recolle as almas dos mariñeiros que están a morrer. Estas almas embárcanse para cruza-lo mar, mesmo se fala dun mar subterráneo, para iren ó alén.

O mar na medicina popular[editar | editar a fonte]

Xa no Apocalipse se designaba o mar como morada do Mal, e de aí vén o recurso dos menciñeiros galegos de botar ó mar as enfermidades (o Mal que provoca as enfermidades). Mariño Ferro recolleu moitos ensalmos para distintas enfermidades que remataban ordenando ó Mal que marche ó mar [2]:

Osipla, osiplón, lobo roedor, lobo comedor, vaite ó mar.
  • Aquí te desterro para o mar coallado.
  • Que te vaias ós mares altos.
  • Vaite aló ás ondas do mar.
  • Que se vaia ó fondo do mar.

Noutros casos, a curación pasa por realizar diferentes rituais e recolle-los obxectos utilizados ou os restos para botalos ó mar, na crenza de que con eles se elimina a causa do mal. Así, para cura-lo mal de aire préndese lume e afúmase a persoa enferma, e logo recóllese ben a cinsa toda e bótase ó mar.

Cando a curación se fai no interior, lonxe do mar, hai quen asegura maior efectividade se o ritual se realiza nun lugar desde o que se vexa o mar [3]. Por Fisterra admiten un mal de aire causado polo pai tras deitarse coa nai: para curalo hai que leva-lo meniño ó cume dun monte desde onde se vexa o mar, deitalo no chan e sacha-la herba que delimite o seu corpo. Logo lévanse os terróns á casa e quéimanse.

Locucións[editar | editar a fonte]

  • ¡Con que xente me metín ao mar!: comenta a pouca valía ou malas calidades da persoas coas que traballamos.
  • Meter o barco nas pedras: facer algo mal, meterse en dificultades

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Gaba o mar, e vive na terra
  • A áncora non sabe nadar e sempre anda na auga.
  • A barco novo, capitán vello.
  • A formiga foi mexar ó mar e dixo que era unha axuda.
  • A lancha pró mariñeiro é como a leira pró labrego.
  • A muller á vela e o home ó timón.
  • A onde vai o mar vaian as ondas.
  • Acedo é o mar de Galicia polas moitas despedidas.
  • Andar barquiñas, andar axiña, non vos colla o cordonazo de santa Catalina [4].
  • Ardora no mar, borrasca a entrar.
  • Auga do mar, vento da ría, chuvia pra todo o día.
  • Botar pelos ó mar pra non volver.
  • Cando a garza vai pró mar, colle os bois e ponte a arar.
  • Do mar, o mero, e da terra, o carneiro.
  • Do mar, o salmón, e da terra, o lacón.
  • Gaba o mar, e vive na terra.
  • Gaba-lo mar, e nel non entrar.
  • Golfiños a choutar, acaba o calmo no mar.
  • Mar con remuíños, virade a porto, barquiños.
  • Mar de andazo, cuspe argazo.
  • Mar de andazo, non che faltará argazo.
  • Na terra e no mar, afoga o que non sabe nadar.
  • O mar e a muller hanse de lonxe ver.
  • O mar ó máis amigo logo o pon en perigo.
  • O mar que se desfai, regachos fai.
  • O que non se aventura, non pasa o mar.
  • O que o mar dá, o mar o quita.
  • O que queira medrar , que viva en porto de mar.
  • Paxaros do mar na terra, sinal de vendaval.
  • Pra novos aparellos, mariñeiros vellos.
  • Quen non entra no mar, nel non se pode afogar.
  • Quen non sabe de mar, non sabe de marear.
  • Quen pasou a Marola pasou a mar toda.
  • Vento en popa é medio porto.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • A do refaixo amarelo/ vai na popa do navío,/ téndeme conta con ela,/ que non se caia no río.
  • Á lancha de Maripepa/ éntralle o mar pola popa./ Non te embarques, Maripepa,/ mételle esta pouca estopa.
  • Cambadesa, por te ver,/ pasei o mar de Cambados/ a pique de me perder.
  • Como canta, como canta/ la sirenita en el mare,/ mi navío diera vuelta/ solo por la oir cantare.
  • De onde vés, Carmela?/ Veño do regueiro/ de lava-la roupa/ do meu mariñeiro.
  • Deprendéronme a cantar/ as neniñas de Rianxo,/ deprendéronme a cantar/ indo polo mar abaixo.
  • Eu namorar, namorar, namoreime,/ namoreime na beira do mar,/ eu namorar, namorar, namoreime/ e non me puiden desenamorar.
  • Eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ emborracheime na beira do mar,/ eu emborrachar, emborrachar, emborracheime,/ e non me puiden desemborrachar.
  • Ferrolana, por te ver,/ pasei o mar da Marola/ a pique de me perder.
  • Levas o sombreiro baixo,/ lévalo baixo baixeiro,/ levas o sombreiro baixo/ a estilo de mariñeiro.
  • Mariñeiriño non,/ que vai e non vén,/ un carreteiriño/ que carrete ben.
  • Mariñeiro quero, madre,/ mariñeiro me han de dar,/ se non me dan mariñeiro/ solteiriña hei de quedar.
  • Miña Virxe dos Milagros/ vive no alto do Chan,/ para ver os mariñeiros/ como bogan polo mar. [5]
  • Nas ondas do teu cabelo/ quixérame eu afogar/ para que a xente soupera/ que hai máis ondas que as do mar.
  • Non te cases cun ferreiro/ que ten moito que lavar,/ cásate cun mariñeiro/ que vén lavado do mar.
  • O divino San Andrés/ mandou empedrar o mar/ para que os seus romeiriños/ o foran a visitar.
Pasei a ría de Arousa/ nunha lanchiña de vela...
  • Pasei a ría de Arousa/ nunha lanchiña de vela,/ non vin cousa máis bonita/ nin penso volver vela.
  • Polo mar abaixo, polo mar arriba,/ polo mar abaixo vai unha sardiña,/ vai unha sardiña, vai un pexegueiro/ que leva pexegos no mes de xaneiro.
  • Polo mar abaixo vai/ unha sardiña a nadar,/ quen a poidera coller,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera coller,/ polo mar abaixo vai/ unha sardiña a correr.
  • Quíxente moito, meniña,/ heite volver a querer/ cando o mar sea de pedra/ e as pedras leña de arder.
  • Teño lanchas, teño redes/ e teño peixes no mar,/ teño unha moza bonita,/ xa non quero traballar.
  • Teño un amor en Rianxo/ outro en Vilagarcía./ Para ver os meus amores/ teño que cruza-la ría
  • Un mariñeiro me dixo/ se me quería casar./ Eu lle dixen: mariñeiro/ outro ano e nada máis.
  • Vente ventiño do mar,/ vente ventiño mareiro,/ vente ventiño do mar/ tráeme o meu mariñeiro.
  • Xa fun a Marín,/ xa pasei o mar,/ xa comín laranxas/ do teu laranxal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Se se daba o caso de que era necesario citalos no curso dun conto ou dalgún sucedido, recorríase a denominacións eufemísticas do estilo de "o xa me entendes", "que ti xa sabes", "o das mañas" etc.
  2. A crenza é xeral e tamén se din fórmulas semellantes en Portugal, Asturias, Valencia, Andalucía, Canarias. A crenza de que o mar é a casa do Mal explica que no País Vasco non se mostran as feridas diante do mar, porque disque se marean (é dicir, inféctanse)
  3. Así, por exemplo, en Cotobade ou Xeve (Pontevedra) ou en Arteixo (A Coruña).
  4. Santa Catarina celébrase o 25 de novembro. Cordonazo é o temporal de borrascas, tiempo aturbonado y revuelto que en el equinocio de otoño suele presentarse en las costas de España, Francia e Inglaterra, atravesando a veces el océano Atlántico, y que se conoce comúnmente por cordonazo de San Francisco (Eladio Rodríguez González).
  5. Copla dedicada á Virxe de Amil (Moraña).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]