Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A seguir recóllese a pegada do leite na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.
Entre outras crenzas, antigamente no rural galego críase que non debía deixarse para o día seguinte o leite muxido na véspera de San Xoán, xa que se pensaba que nesa noite virían as meigas lavar o traseiro nela. Para evitar isto, debíase deixar en tódalas fiestras e portas un ramo de herbas olorosas, que, segundo a crenza popular, tiña a virtude de afastar ás meigas. Outras crenzas relacionaban o leite con fins curativos, de feito, pensábase que o leite de muller era bo pra curar a dor de oídos; outras supersticións estaban vencelladas con rituais que a xente do rural facía. Nalgúns lugares das montañas lucenses, cando se muxían as vacas ao amencer, o primeiro leite recollido era ofrecido á aurora como ofrenda, poñendo a xente destes lugares cuncas de leite nas fiestras que miraban cara o oriente. Outro ritual dicía que había que botarlle sal ao leite das vacas que tiveran que pasar por un lugar onde correse a agua, xa que de non facelo o animal daría sangue no canto de leite.[1]
Refraneiro popular [editar]
- A vaca da miña veciña come menos herba e dá máis leite cá miña.
- A vaca da miña veciña dá máis /mellor leite cá miña.
- A vaca da miña veciña dá o leite máis branco cá miña.
- A vaca da miña veciña, con auga dá leite para todos.
- A vaca do vilán, se dá leite no inverno millor o dá no vran.
- As vacas do vilán, que se no inverno dan leite, millor o dan polo vran.
- As vacas do vilego dan millor leite polo vran que polo inverno.
- Canto máis se munxe a vaca, máis remollo saca.[2]
- Come leite e bebe viño e chegarás a velliño
- Come leite e bebe viño e, de vello, serás mociño.
- Leite con viño fai ao vello, meniño.
- Leite, mel e mosto tiran ao home pra mozo.
- O leite co viño fai do vello meniño.
- O leite e o viño fan do vello mociño.
- O leite e o viño fan ó vello mociño, se non o matan de camiño.
- O viño é o leite dos vellos.
- Con leite e biscoito ben se desaúna pola mañán ás oito.
- Cunca de leite por cunca de aceite.
- O aldeán galego, cunca de leite por cunca de aceite.
- O aldeán, por cunca de leite quere catro de aceite.
- O aldeano galego por unha cunca de leite quer outra de aceite.
- Por cunca de leite o aldeano quer cunca de aceite.
- Pucheiro de leite por pucheiro de aceite.
- Díxolle o leite ó viño: "¡Ben chegado seas, amigo; mais poucas veces veñas por ese camiño!".
- Díxolle o leite ó viño: "¡Vente pra acó, meu amigo!".
- Encol do leite, o viño ausente.[3]
- Tras do leite, nin auga nin viño nin vinagre.
- Tras do leite, nin ovos, nin viño nin aceite.[4]
- Leite fresco, peido no cesto.
- O leite fresco está no cesto.
- Non hai feitizo como o pantrigo i o leite macizo.
- Non hai tal vicio coma o pantrigo e o leite macizo.
- Non hai tal vizo como pan de trigo e leite mocizo.
- Nos meses que non teñan erre, nin peixe nin leite.[5]
- O leite sae do moxo e non do óso.[6]
- Vaca con fartura, canada con nasura.[7]
- O leite sin pan fasta a porta vai.[8]
- O que queira leite, que o munxa.
- O viño de Vieite, anque sexa coma leite.
- Por unha cunca de leite con castañas aguanto sogra, nora e cuñadas.
- Regalo de monxa, cunca de leite por cunca de aceite.
- ¡Veñas noramala!, díxolle o leite á iauga.
- Leite fresco con pantrigo/ é o almorzo das mulleres,/ i-o home que vén d'afora:/ com'as verzas si as quixeres.
- Eu pedín ó leite á vaca,/ á vaca pideum'a herba;/ herbiña lle pido ó prado/ e o prado pídeme rega.
- ↑ RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio.
- ↑ Remollo é na fala dos Vaqueiros de Alzada a riqueza ou corpo do leite.
- ↑ Cadra co francés Vin sur lait, bien fait; lait sur vin, venin.
- ↑ O refrán alude ás alteración das secrecións gástricas que se poden producir ó se mesturaren no estómago.
- ↑ No verán o leite estrágase con facilidade.
- ↑ Fai referencia ós que se meten a muxir sen coñeceren o xeito que require e, en sent. fig., ós que sen coñecementos abondos se meten nunha empresa na que a habilidade é a chave do éxito.
- ↑ Nasura é a escuma que forma o leite na canada cando o ubre está ben repleto.
- ↑ Hernán Núñez entende por porta a derradeira tripa por onde saen as feces, o ano, e alude sen dúbida ás cualidades do leite como laxante ou a ser pouco nutritivo.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
Outros artigos [editar]
|
Etnografía galega
|
|
| Meses do ano |
|
|
| Animais |
|
|
| Alimentos |
|
|
| Cores |
|
|
| Outros |
|
|