Roberto I de Normandía

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roberto I de Normandía
Duque de Normandía
Roberto I o Magnífico, no pedestal do monumento
en honor a Guillerme o Conquistador, en Falaise, Calvados

Reinado10271035
Nacementoc. 22 de xuño de 1010
Normandía
Falecemento3 de xullo de 1035
Nicea
PredecesorRicardo III de Normandía
SucesorGuillerme II de Normandía
ConsorteArlette de Falaise
DescendenciaVéxase Descendencia
Casa realCasa de Normandía
ProxenitoresRicardo II de Normandía
Xudite da Bretaña

Escudo de Roberto I de Normandía
Escudo do ducado de Normandía
Na rede
WikiTree: Normandie-43

Roberto I de Normandía, nado contra 1004, e finado en Nicea o 3 de xullo de 1035, chamado o Magnífico,​[1] ou o Liberal, ou o Diabo, foi un nobre normando, que foi duque de Normandía desde agosto de 1027 até a súa morte, o 3 de xullo de 1035.

Foi o pai de Guillerme o Conquistador.

O historiador L. Musset describe a Roberto o Magnífico como «un home de personalidade violenta e difícil»,[2]​ até o punto de que se considera que el inspirou o personaxe lendario da ópera de Giacomo Meyerbeer Roberto o Diabo (Robert le diable).

A súa mala reputación provén, en parte, da súa posíbel implicación na morte de seu irmán, o que lle permitiu ascender ao trono de Normandía.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Política interior[editar | editar a fonte]

A toma do poder[editar | editar a fonte]

Roberto era fillo de Ricardo II de Normandía e a súa esposa Xudite da Bretaña.

En 1026, á morte do seu pai, mentres o seu irmán máis vello Ricardo III herdaba o ducado, el foi nomeado conde de Hiémois.[3] Ese ano, ou o seguinte, rebelouse contra o novo duque, o seu irmán, que se presentou co seu exército diante do castelo de Falaise, onde se atrincheiraba o rebelde,[3] que se rendeu e someteu ao seu irmán. Porén, en agosto de 1027, Ricardo III morreu envelenado,[3] e de inmediato Roberto tomou o poder, tras separar da sucesión a Nicolás, fillo ilexítimo do defunto.[4] Guillerme de Jumièges non ofrece o nome do envelenador; Wace, en cambio, non dubida en acusar a Roberto, pero da súa culpabilidade non existe máis que ese indicio. En todo caso, Roberto foi o que máis se beneficiou da morte de seu irmán.

Entre 1027 e 1028, Roberto debeu facer fronte a unha serie de rebelións, posibelmente debido á forma en que tomara o poder, ou porque a súa intención era gobernar Normandía con man de ferro.

Debeu ir a asediar o castelo de Alençon, onde se rebelara Guillerme I de Bellême. O rebelde rendeuse, pero foi obrigado a presentarse ante o duque cunha sela de montar nas costas.[5]

Na mesma época o bispo Hugo de Bayeux recrutou soldados de Francia para facer do seu castelo de Ivry un foco de resistencia. Roberto presentouse en Ivry antes de que o bispo regresara de Francia, polo que o prelado debeu exiliarse, a cambio dun salvoconduto para os fieli que deixara no castelo, sen poder regresar á súa patria antes de 1032.

Conflito coa Igrexa[editar | editar a fonte]

Roberto o Danés, arcebispo de Ruán e conde de Évreux.
Abadía de Cerisy.
Henrique I

Aínda que seu pai, Ricardo o Bo, se mostrara moi xeneroso coa Igrexa católica, o feito de que Roberto o Magnífico tomara terras das abadías e catedrais para distribuír entre os nobres máis xoves, coa idea de recompensalos e mantelos na súa alianza, levouno a entrar en conflito co seu tío Roberto o Danés, arcebispo de Ruán.

Este arcebispo era un dos personaxes máis importantes do ducado de Normandía, tendo en conta que, ademais de primado dos normandos, era o conde de Évreux. O duque asediou ao arcebispo onde este se fixera forte, no seu castelo de Évreux, e o prelado, despois dun primeiro intento de resistencia, preferiu entrar en negociacións. Despois decidiu exiliarse na corte francesa do rei Roberto o Piadoso, desde onde ditou a excomuñón do seu sobriño e puxo a Normandía baixo interdito. Estas sancións tiveron efecto, xa que Roberto convocou ao arcebispo e restaurouno en todos os seus títulos e feudos.[6] A reconciliación parece que tivo lugar xa en 1028.[7]

O conflito entre o duque e o arcebispo parece que marcou un punto de inflexión na política relixiosa de Roberto o Magnífico. Roberto o Danés recuperou a súa alta posición na corte do ducado, e convencera ao seu sobriño de que era indispensábel manterse en boas relacións coa Igrexa.

Roberto asinou cartas de confirmación ou de restitución das terras á catedral de Ruán e ás abadías de Fécamp e de Saint-Wandrille de Fontenelle, entre outras comunidades relixiosas.[7]

Tamén fundou mosteiros. En primeiro lugar, a abadía de Cerisy, o 12 de novembro de 1032, no oeste de Normandía, unha rexión que sufrira ataques viquingos e estaba desprovista de monteiros a non ser pola abadía de Le Mont-Saint-Michel.[8]

En xaneiro de 1035, refundou no Sena Marítimo a abadía de Montivilliers, onde substituíu os monxes por monxas, converténdoo así no primeiro convento de mulleres de Normandía.

O seu exemplo foi seguido por varios dos seus vasalos. Na mesma época Onfroi de Vieilles fundou a abadía de Saint-Pierre de Préaux, e o cabaleiro Herluin a abadía de Bec.

Política exterior[editar | editar a fonte]

Auxilio ao conde de Flandres e ao rei de Francia[editar | editar a fonte]

Contra 1030 Roberto invadiu o Condado de Flandres, e repuxo ao conde Balduíno IV no trono, do que fora desposuído polo seu fillo Balduíno V.[9]

Así mesmo, en 1031, o rei Henrique I de Francia foi destronado polo seu irmán máis novo Roberto, e tivo que abandonar París, buscando refuxio no ducado de Normandía, desde onde o duque Roberto I enviou unha forza armada contra a Illa de Francia que venceu aos rebeldes e restaurou a Henrique no trono. A cambio, pouco despois o duque recibiu a soberanía sobre parte do Vexin francés.[9]

Expedición a Inglaterra[editar | editar a fonte]

En 1034, a diferenza do seu pai, Roberto o Magnífico, tomou a decisión de intervir nos asuntos ingleses, en favor dos seus curmáns exiliados (Eduardo o Confesor e Alfredo Atheling). Antes enviou unha embaixada a Canuto o Grande para exixirlle a entrega do reino aos fillos do finado rei Etelredo e Emma de Normandía.

O rei danés negouse rotundamente, así que Roberto convocou aos grandes do ducado e mandou construír unha frota para invadir Inglaterra. As naves, cheas de homes, armas e víveres, reuníronse en Fécamp e, ao levantar áncora, encontráronse cunha tempestade en medio do Canal da Mancha, que as desviou cara á illa de Jersey.[10]

Alan III, conde da Bretaña

Polo tanto os normandos non conseguiron conquistar Inglaterra, o que algo máis tarde conseguiría Guillerme o Conquistador, fillo de Roberto, a partir do outono de 1066.

Soberanía sobre a Bretaña[editar | editar a fonte]

Despois de consolidar o seu poder en Normandía, Roberto entrou en conflito coa Bretaña, que estaba baixo soberanía normanda desde 1008, cando o poder pasara á condesa nai, Havoise de Normandía.[11] En 1033, o duque Roberto levou a cabo unha campaña contra o seu primo Alan III da Bretaña, que intentara emanciparse de Normandía. Houbo varias incursións dun lado e o outro. Roberto construíu un castelo na fronteira, desde onde comezou un ataque por terra, apoiado por unha frota que, ao mesmo tempo, saqueaba a costa bretoa. A resposta do conde da Bretaña foi unha invasión no Avranchin, pero os normandos derrotaron aos bretóns nunha batalla e Alano máis tarde tivo que recoñecerse vasalo de Roberto.[11] Finalmente o arcebispo Roberto o Danés, que era tío de ambos os dous, negociou unha paz entre eles.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Nos seus últimos anos o duque arrepentiuse dos seus erros pasados, axudou xenerosamente aos pobres e emprendeu a reconstrución da catedral de Ruán. A finais de 1034, o duque Ricardo I tomou a decisión de facer unha peregrinación a Xerusalén. Moitos historiadores viron nisto un acto de penitencia polo asasinato de Ricardo III, porén, a peregrinación a Terra Santa estaba xa moi de moda nos persoeiros máis altos da nobreza feudal. O certo é que a ausencia do duque poñía en risco o ducado e, por outra parte, en caso de morrer durante a viaxe, non estaba establecida a sucesión.

O 13 de xaneiro de 1035, por convocatoria do duque, reuniuse unha asemblea de baróns en Fécamp.[12] O arcebispo Roberto, os bispos da provincia eclesiástica e demais grandes, recoñeceron como herdeiro e xuraron fidelidade a Guillerme, fillo de Roberto, que entón tiña uns sete anos de idade.[13] Os baróns talvez aceptaron con reticencia ao herdeiro elixido por Roberto, xa que se trataba dun fillo ilexítimo. Porén, o costume era que o ducado pasara de pai a fillo, e Guillerme era o seu único fillo varón (por certo, o duque non respectara este costume cando substituíu no trono ao seu sobriño Nicolao).

O duque, tras deixar ao seu fillo baixo a custodia e titoría do rei Henrique I de Francia, partiu cara aos Santos Lugares a principios do ano,[13] en compaña dalgúns baróns, por terra, co propósito de visitar Roma. Despois o emperador bizantino Miguel IV recibiuno en Constantinopla. Roberto chegou a Xerusalén, pero morreu no verán de 1035, en Nicea, durante a súa viaxe de retorno.

A súa temperá morte somerxeu o ducado nunha longa anarquía e guerra civil (1037-1047), que encontraría solución na batalla de Val-ès-Dunes.

Descendencia[editar | editar a fonte]

De Arlette de Falaise, a súa esposa more danico (á maneira danesa) —concubinato aos ollos da Igrexa—, naceu:

De Arlette ou outra concubina,[14] foi pai de:

  • Adelaida de Normandía, que casou en primeiro lugar co conde Enguerrando II de Ponthieu,[15] e en segundas nupcias co conde Lamberto II de Lens e, finalmente, con Eudes II de Troyes.[16]

Algúns historiadores atribúenlle un casamento con Estrith, irmá de Canuto II de Dinamarca, pero isto é moi pouco probábel.[17]


Predecesor:
Ricardo III

Duque de Normandía

1027-1035
Sucesor:
Guillerme II

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Neveux 1998, p. 116.
  2. Musset 2003, p. 111.
  3. 3,0 3,1 3,2 Neveux, pp. 117-118.
  4. Gazeau, p. 102.
  5. Jumièges, p. 139.
  6. Jumièges, p. 138.
  7. 7,0 7,1 Neveux, p. 122.
  8. Neveux, pp. 124-125.
  9. 9,0 9,1 Neveux, p. 127.
  10. Jumièges, pp. 160-161.
  11. 11,0 11,1 Neveux, p. 128.
  12. Jumièges, p. 164. Este non dá os nomes dos presentes, pero o estudo das sinaturas nas cartas ducais desta época permite coñecer ás persoas habituais da corte de Roberto o Magnífico. Por tanto, pódese inferir que estiveron presentes o arcebispo Roberto, varios bispos e abades, Xilberto de Brionne, Guillerme de Talou, Onfroi de Vieilles, Osbern de Crépon, e talvez Alan III da Bretaña.
  13. 13,0 13,1 Neveux, pp. 130-134.
  14. Douglas 1964, pp. 380-381.
  15. Cokayne, p. 351.
  16. Douglas 1964, p. 380.
  17. Douglas 1950, pp. 293-295.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cokayne, George Edward (1910): The Complete Peerage of England, Scotland, Ireland, Great Britain and the United Kingdom, Extant, Extint or Dormant, Vol. I, ed. Vicary Gibbs. Londres: The St. Catherine Press, Ltd.
  • Douglas, David C. (1964): William the Conqueror. Berkeley / Os Ánxeles: University of California Press. ISBN 978 0-3000-7884-8.
  • Douglas, David C. (1950): "Some problems of early Norman Chronology". The English Historical Review 107 (4).
  • Gazeau, Véronique (2007): Normannia monástica (Xe-XIIe siècle). Princes normands et abbes bénédictins. Caen: Publications du CRAHM. ISBN 978-2-9026-8538-7.
  • Jumieges, Guillermo de (1826): Gesta Normannorum Ducum. Éd. Guizot.
  • Neveux, François (1998): La Normandie des ducs aux Rois. Xe-XIIe. Rennes: Ouest-France Université. ISBN 978-2-7373-0985-4.
  • Musset, Lucien (2003): "Naissance de la Normandie". En De Boüard, Michel, Histoire de la Normandie. Toulouse: Privat. ISBN 978-2-7089-1707-1.