Licaón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Licaón
African Wild dog444.jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 VU gl.svg
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Canidae
Xénero: Lycaon
Nome científico
Lycaon pictus
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O Licaón ou lobo pintado (Lycaon pictus), é un animal mamífero pertencente á familia dos cánidos, que habita na sabana africana. É un can salvaxe de mediano tamaño, depredador e cazador en mandas, cuxa ferocidade é característica da especie. No caso de se atoparen en perigo, todos os membros da comunidade bótanse agresivamente contra o intruso.

Descrición[editar | editar a fonte]

Licaón alimentándose

Pertence a un xénero monoespecífico, Lycaon. Son endémicos do continente africano, máis típicos en ambientes sabanoides. O nome científico ou latino significa lobo pintado, facendo referencia á súa pelaxe tricolor de manchas negras, brancas e óxido distribuídas irregularmente, quitando a parte dianteira da cara e da gorxa, que sempre adoitan ser negras. Resulta característico da especie que non haxa dous individuos co mesmo patrón de manchas. Pode chegar a medir até 75 centímetros de altura na cruz e acadar os 30 quilos de peso. Os machos son máis corpulentos que as femias. Ten grandes orellas redondeadas. Posúe fortes mandíbulas.

Alimentación e hábitos[editar | editar a fonte]

Os licaóns cazan en grupo e a través do traballo conxunto combinado cunha grande resistencia física, conseguen abater animais de dimensións moito maiores cas súas. As súas presas favoritas son antílopes de medio porte, coma os impalas, gacelas, e grandes herbívoros vellos, xoves ou feridos, como ñus e cebras. Os licaóns só se alimentan das presas que eles mesmos matan e endexamais se alimentan de carroña por moi frescas que estiveren. Son aínda exclusivamente carnívoros, e mesmo en épocas de escaseza non se alimentan de insectos. Após dunha cacería, o grupo cazador regresa á base da manada e regurxita as porcións de comida para alimentar os xuvenís e os elementos adultos que quedaran para cuidar das crías.

Os licaóns non son territoriais e comparten o espazo con outras manadas veciñas. Cada grupo necesita dunha área entre 200 e 2000 km2 para vivir e cazar.

Reprodución[editar | editar a fonte]

A reprodución nas manadas de licaóns está limitada ao par dominante, mais en anos bos ou en manadas grandes, unha ou dúas femias subordinadas poden tamén procrear. Os restantes membros do grupo comparten a responsabilidade da educación dos xuvenís. O par alfa é monogámico e permanece unido para sempre.

A época de reprodución iníciase en xaneiro e prolóngase até maio. O período de xestación é de media de 10 semanas, e os xuvenís nacen entre marzo e xullo. Cada nai pode ter entre 2 a 20 crías. As tocas son en xeral reaproveitadas de outros animais, como o aardwark. Os xuvenís permanecen na toca, amamantados pola nai durante 3 ou 4 semanas. Ao final deste período comezan a ser alimentados polos restantes adultos, con comida regurxitada. Cerca dun mes e medio despois, son xa independentes dentro da manada.

A madurez sexual é alcanzada cando acadan o ano e medio de vida, pero xeralmente a primeira niñada se produza bastante despois. As femias abandonan o grupo orixinal con preto de dous anos e medio. A esperanza de vida media é de cerca de 10 anos.

Ameazas[editar | editar a fonte]

Distribución do licaón

O licaón atópase catalogado dentro das Lista Vermella de Especies Ameazadas da UICN coma "En perigo". As principais ameazas ás que fai fronte son a persecución directa polo ser humano, a transformación e fragmentación dos seus territorios e a propagación de enfermidades infecciosas coma a rabia, moitas veces transmitidas por cans domésticos ou asilvestrados. Ademais, o seu tamaño relativamente pequeno fainos vulnerábeis á depredación por leóns, hienas, crocodilos e leopardos, especialmente no caso de manadas reducidas. Estímase que no ano 2007 quedan menos de seis mil individuos repartidos por unha serie de enclaves ao longo e largo da África subsahariana, ocupando unha reducida porción da súa área histórica de distribución.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: o Licaón

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]