Cruceiro de Mañufe
Cruceiro de Mañufe Cruceiro do Acordo | |
---|---|
Cruceiro tras a restauración feita en 2017. | |
Presentación | |
Localización | Gondomar |
Dirección | A Texosa (Mañufe) |
Tipo | Cruceiro e peto de ánimas |
O cruceiro de Mañufe, coñecido tamén como cruceiro do Acordo, é un monumento relixioso acompañado dun peto de ánimas policromado e unha alegoría do pecado orixinal representada por unha serpe que gabea polo fuste. Non hai data acreditada da súa construción, pero sábese que entre os séculos XVI e XVIII ao pé deste monumento relixioso tiveron lugar as reunións do Partido do Miñor integrante da antiga provincia de Tui, durante o Antigo Réxime[1][2].[3] A peza tivo varias reconstrucións, a última en 2017[4], quedando da orixinal só a base e parte do peto de ánimas. Trátase dun ben de interese patrimonial protexido polo Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia[5]
Situación
[editar | editar a fonte]Atópase no lugar do Acordo, na Texosa, parroquia de Mañufe (Gondomar) e escasos cen metros ao norte da ponte de Mañufe. Ambas as dúas sobre o antigo Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago (actualmente este tramo corresponde á estrada provincial PO-2035). Sempre no mesmo lugar, a partir do século XIX a súa localización viuse afectada pola creación da estrada A Ramallosa-Gondomar-Gullarei (PO-340) que pasa ao seu carón en dirección leste - oeste[2]. A consecuencia da apertura desta estrada, o monumento quedou moi exposto ao tráfico vehicular, sendo unha das causas de varios derrubes que sufriu durante os séculos XX e XXI[6].
Toponimia
[editar | editar a fonte]Os dous nomes cos que é coñecido o cruceiro refiren á súa localización, aínda que cada un responde a unha relación de espazos diferentes:
É nomeado Cruceiro de Mañufe pola súa localización nesta parroquia de Gondomar. Polo tanto o seu nome ten a mesma orixe, provén da tradición onomástica xermánica achegada por suevos e visigodos[7]. Segundo Ávila y La Cueva esta parroquia recibía no século XII o nome de Monufi, topónimo que segundo Antonio Soliño Troncoso procede do nome persoal Maniulfus[8]], afirmación compartida por Gonzalo Navaza quen sinala está composto de dous elementos de orixe xermánica, o primeiro (man) significa "home" e o segundo (ulfus) significa "lobo".[7]
O topónimo Cruceiro do Acordo refire ás xuntanzas dos alcaldes pedáneos do Partido do Val Miñor durante o Antigo Réxime. Ao pé deste cruceiro tomábanse os acordos necesarios para dirimir conflitos veciñais, sobre todo de lindes[9]. As súas sesións a ceo aberto, comezaban o primeiro día de xaneiro, á saída de misa da igrexa de San Vicente de Mañufe. Nela, entre outros acordos, designábase ao Procurador Xeral do Val Miñor que exercía a xurisdición político administrativa das parroquias de Gondomar, Belesar, Borreiros, Camos, Chaín, Mañufe, Morgadáns, Nigrán, Panxón, Parada, Peitieiros, Priegue, Saiáns, Donas, Santa Cristina da Ramallosa, San Pedro de Filgueiras (logo chamada San Pedro da Ramallosa), Vilaza e Vincios.[10]
Historia
[editar | editar a fonte]Non existe certeza documental sobre a data de construción do primeiro cruceiro levantado neste lugar. Inda que o investigador Antonio Soliño Troncoso achega en varios traballos algunhas pistas sobre este punto: "si sabemos da antigüidade, importancia e xerarquía dos camiños que forman a encrucillada na que se empraza" especialmente o citado Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago. Engade que "sábese que non pode ser anterior ao século XVII cando, tras o Concilio de Trento, aparecen os primeiros", máis matiza que o cruceiro "podería ter unha orixe anterior apuntando algúns indicios conservados no Arquivo Histórico de Baiona ao século XVI". [2]
Da obra actual só parte das bancadas e parte peto son orixinais; o resto foi reconstruído en varias ocasións por rotura dos anteriores. En 1995 tivo lugar unha feita por canteiros da Escola de Poio[1] e a última en 2017, estivo a cargo do restaurador Gonzalo Buceta Bruneti[11] .
Arte
[editar | editar a fonte]O cruceiro susténtase en tres chanzos graníticos sobre os que se apoia unha base que sirve de sustento ao peto de ánimas. De fuste octogonal cunha serpe que o envolve e gabea de xeito ascendente e unha mazá, en alusión ao pecado orixinal. O capitel moi labrado, con catro caras curvilíneas que presenta cabezas distintas de tres homes con barba e unha muller e unha dobre ringleira de follas na parte inferior. Remata cunha cruz de sección cuadrangular. No anverso ten unha talla de Cristo de tres cravos, coas mans semiabertas, a cabeza inclinada cara á dereita e o corpo levemente curvado de gran tamaño. No reverso unha talla da Dolorosa, coas mans en oración e cuberta cun mantelo co meniño Jesús de pé por diante dela.[9][3][1]
O peto de ánimas é de caste semiaberta, acaroado ao cruceiro. Foi recentemente restaurado, por ter sido derrubado nun accidente de tráfico. O seu retablo é de pedra policromada, unha reixa de ferro protexía as figuras (a representación do Purgatorio cubría toda a fornela) e o caixón das esmolas. En dúas ringleiras preséntanse dúas almiñas na superior e tres na inferior. Nun medallón existente enriba do fornelo se pode ler: “Hermano que vas pasando mira que penando estamos, para alivio nuestro vuestra limosna esperamos”.[9]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Soliño Troncoso, Antonio; Méixome Quinteiro, Carlos; Mouriño Fernández, Miguel Anxo (2012). Retallos de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 87. ISBN 978-84-616-1271-0.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 95. ISBN 978-84-09-06595-0.
- ↑ 3,0 3,1 Fernández de la Cigoña Núñez, Estanislao (2013). Cruces, cruceiros, e petos do Concello de Gondomar. Asociación Galega para a cultura e a ecoloxía. p. 59. ISBN 978-84-92867-09-7.
- ↑ Gómez, Concha. "El 'Cruceiro do Acordo' vuelve a Mañufe 18 meses después". Atlántico (en castelán). Consultado o 30/5/2020.
- ↑ "DECRETO 48/1999, do 18 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural, con categoría de monumento, a favor do Pazo de Gondomar, no concello de Gondomar, provincia de Pontevedra.". DOG. Consultado o 30/5/2020.
- ↑ Pillado, Neli. "El emblemático cruceiro de Mañufe se desploma tras embestirlo un turismo". Faro de Vigo. Consultado o 30/5/2020.
- ↑ 7,0 7,1 Soliño Troncoso, Antonio; Navaza, Gonzalo; Mouriño Fernández, Miguel Anxo (2012). Retallos de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. pp. 13–15. ISBN 978-84-616-1271-0.
- ↑ Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 105. ISBN 978-84-09-06595-0.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 Franco, Oscar. "Cruceiro de ánimas do Acordo". Patrimoniogalego.net. Consultado o 30/5/2020.
- ↑ Soliño Troncoso, Antonio; Navaza, Gonzalo; Mouriño Fernández, Miguel Anxo (2012). Retallos de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 19. ISBN 978-84-616-1271-0.
- ↑ Gómez, Concha. "Gondomar escoge a Buceta para restaurar el Cruceiro do Acordo". Atlántico (en Castelán). Consultado o 30/5/2020.