Ponte de Mañufe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°06′37.7″N 8°46′26.3″O / 42.110472, -8.773972

Ponte de Mañufe
Ponte-manhufe-oeste.jpg
Localización
RíoMiñor
ConcelloGondomar
ProvinciaPontevedra
Características
Construciónséculo XII (Reconstrución en 1140 dunha anterior de orixe romana)
Lonxitude42 m
Ancho3,20 m
TipoPonte románica
MaterialPedra

A ponte de Mañufe é a máis antiga das existentes na comarca do Val Miñor. A obra ten unha probable orixe romana e unha posterior reconstrución datada no ano 1140 segundo inscrición existente nun dos perpiaños dun chantón.[1] Sitúase na actual estrada provincial PO-2035 ao seu paso polo río Miñor, e segue a ser a principal porta de entrada e saída á parroquia de Mañufe tanto do tráfico peonil como vehicular no século XXI. Une os lugares da Texosa (norte) e A Ponte (sur), na devandita parroquia situada no concello de Gondomar. Está catalogada como Ben de Interese Cultural dentro do espazo de protección delimitado no Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia[2].

Localización[editar | editar a fonte]

A súa cabeceira norte sitúase na intersección do Camiño das Bragadas[3] (Camiño Texosa na nomenclatura oficial) e a estrada provincial PO-2035, cuxo trazado salva esta ponte sobre o río Miñor, vía que ten orixe nunha histórica calzada romana e posteriormente ruta de peregrinación a Santiago coñecida como O Camiño da Nosa Señora do Norte.[1] A cabeceira sur, xa no barrio da Ponte, linda con terras de cultivos (Os Conguidos[3]) no lado oeste e coa ribeira sur do Miñor ao leste, onde se situaba un antigo lavadoiro comunal (O Lavadouro do Río[3]), hoxe cuberto pola maleza[4].

Historia e arquitectura[editar | editar a fonte]

Vista actual do taboleiro con formigón armado e valado metálico que substituíron os antigos peitorís laterais de granito dispostos desde o ano 1861.

É unha ponte de "cadeirado" con arcos de medio punto e tallamares triangulares, de orixe e tipoloxía aparentemente romanas que sufriu modificacións na época medieval[1][4]. É máis antiga que a ponte da Ramallosa, datada no século XIII, despois da fundación da vila de Baiona por Afonso IX en 1201[5]. De existir unha ponte romana sobre o río Miñor nesa etapa histórica, debería alzarse neste mesmo lugar, posto que os romanos nunca as emprazaban na desembocadura senón río arriba[6]. Esta mesma teoría segue a profesora E. Ferreira Priegue[7], que tamén cita o traballo máis recente sobre a ponte pertencente ao arquitecto de Gondomar Antonio Solliño Troncoso.[1] Este autor sinala que a obra "ten unha lonxitude total de 42 m e un ancho de plataforma de 3,20 m, salvando o río Miñor mediante tres bóvedas de medio punto e, segundo parece, dous ocos alintelados hoxe tapados. Como é habitual en toda ponte medieval, presenta perfil en lombo de asno, neste caso algo modificado por algunha intervención posiblemente da Idade Moderna, e na fábrica aparecen numerosas marcas de canteiro. Augas arriba, presenta tallamares en mal estado e algún antigo peitoril incrustado na fábrica". Para Soliño Troncoso, A Ponte de Mañufe representa un dos testemuños máis interesantes do Románico no Val Miñor[1].

Pola súa situación estratéxica no cruzamento de camiños históricos, será incluída por Domingo Fontán na Carta Xeométrica no ano 1845[8]. Tamén está mencionada no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1848), onde sinala que sobre o río Miñor, que no documento figura como Riachuelo da Ramallosa, existe unha "ponte de madeira que ten o mesmo nome que esta parroquia"[9]. Sobre esta devandita estrutura de madeira non se atopan rastros na actualidade, nin documentación ou investigación posterior que a mencione.

Arcos e tallamar da Ponte de Mañufe na cara leste da ponte de Mañufe.

Conservación da ponte[editar | editar a fonte]

Este ben cultural protexido soporta na actualidade a pasaxe permanente de todo tipo de vehículos, incluídos os de gran tonelaxe, que afectan a súa estrutura. Na década dos setenta do século XX, a Deputación de Pontevedra intentou actualizar e mellorar os usos da ponte cunha intervención que a dotou ao taboleiro de plataforma de rodadura e de paso de peóns a base dunha estrutura de formigón armado. A zona de paso de peóns foi voada a ambas lados da plataforma orixinal e colocouse unha varanda metálica de protección[1][4].

O informe de Alfonso Soliño Troncoso (2004)[editar | editar a fonte]

Estas obras provocaron un gran cambio na arquitectura da ponte que foron documentadas e denunciadas no ano 2004 por Alfonso Soliño Troncoso, daquela, arquitecto técnico do Concello de Gondomar.[4]

Nese informe técnico de Alfonso Soliño, sinálase a desaparición dos peitorís laterais de granito dispostos desde o ano 1861 e que permitían conservar o estilo medieval da obra[6]. Por outra banda a comezos do século XXI, se levaron adiante obras de saneamento integral de Gondomar que obrigaron escavar debaixo dun dos arco para soterrar a canalización que afectaron os elementos de apoio da ponte[6].

Alfonso Soliño reclamaba unha "oportuna e inaprazable execución de obras de restauración" onde se puxera en valor a ponte histórica cun melloramento da súa contorna que xunto ao Cruceiro do Lugar do Acordo son testemuña do antigo camiño de Santiago. Engadía que ha responsabilidade e a potestade de dirixir unha intervención desta natureza correspondía á Deputación de Pontevedra por atoparse esta nunha estrada provincial.[6]

As enchentes do Miñor[editar | editar a fonte]

A actual canalización do trazado do río Miñor encaixada entre leiras de cultivo e vivendas a poucos metros da ribeira, tamén afectan a ponte durante as enchentes anuais. Os desgastados tallamares deben soportar a forza das correntes que ao non poder espallar as augas polos terreos pretos das ribeiras centralizan as correntes contra as estruturas da vella ponte cara á desembocadura do Miñor na Ramallosa.

De momento só as actuacións de limpeza do río por Augas de Galicia e as actividades de voluntariado veciñal, alivian o desgaste provocado polas enchentes, quitando en diversas campañas ao longo do ano, parte do lixo e restos naturais das ribeiras para que non golpeen a ponte durante o arrastre das correntes.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 94. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  2. "Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia.". DOG Nº42. Consultado o 24/05/2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Rodríguez Lemos, Anxo. "Toponimia de Gondomar". Concello de Gondomar. Consultado o 24/05/2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Peralta Techera, Álvaro Agustín. "A ponte de Mañufe podería sufrir un colapso se non se restaura a súa estrutura.". Valminor.info. Consultado o 24/05/2020. 
  5. Alvarado Blanco, S.; Durán Fuentes, M.; Nárdiz Ortiz, C. (1991). Pontes históricas de Galicia. A Coruña: Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Peralta Techera, Álvaro Agustín. "O saneamento de Gondomar pon en perigo a integridade da Ponte de Mañufe e o Acueduto do Bravo.". Valminor.info. Consultado o 24/05/2020. 
  7. Ferreira Priegue, E.. "Los caminos medievales de Galicia". Boletín Auriense (Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense) (9). 
  8. Soliño Troncoso, Manuel; Mosquera Veleiro, José Luis; Soliño Troncoso, Alfonso; Soliño Troncoso, Antonio (1995). Gondomar, Historia, Arte y Territorio (en Castelán). Ir Indo Edicións. p. 233. ISBN 84-7680-225-0. 
  9. Madoz, Pacual (1848). "Diccionario geográfico estadístico histórico de España y sus posesiones de ultramar". Google Libros. Consultado o 2405/2020. 
  10. "Veciños advirten da actuación de maquinaria pesada na zona de protección da Ponte Romana de Mañufe.". Valminor.info. Consultado o 25/05/2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]