Xoán XIII, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Papas do século X
Antipapas

Giovanni13.jpg

Xoán XIII (nado como Giovanni Crescenzi en Roma e falecido o 6 de setembro de 972), foi o Papa nº 135 da Igrexa Católica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tras pasar a súa vida na corte papal ó ser sobriño de Marozia, membro da familia dos Crescencios, no momento da elección era bispo de Nardi. Ocupou o trono pontificio co rexeitamento do pobo romano, que prefería como Papa a Bieito V, que aínda vivía exiliado en Hamburgo.

Este rexeitamento popular provocou que en decembro de 965 os romanos, encabezados por Rofredo, o conde de Campania, e por Pedro, o prefecto da cidade, fixeran fuxir a Xoán XIII, que buscou refuxio xunto a Pandulfo, príncipe de Padua e de Benevento.

Coñecendo o emperador a expulsión do seu protexido, dispúxose a marchar sobre Roma, o que provocou que os romanos, temorosos das represalias, desen morte ó prefecto Pedro e recibisen triunfalmente o 14 de novembro de 966 a Xoán XIII.

En decembro de 966 o emperador entrou en Roma, onde permaneceu durante case seis anos, e nomeou como prefecto da cidade a Crescencio I, un irmán do Papa.

Ó ano seguinte, o día de Nadal de 967, Xoán XIII coroou co-emperador ó fillo de Odón, Odón II, de tan só doce anos de idade.

Cinco anos despois, en 972, o Papa casou a Odón II con Teófano, a sobriña do emperador bizantino Xoán I Tzimisces, co que se abriu un período de entendemento entre Occidente e Oriente.

Na súa vertente relixiosa, o papado de Xoán XIII é recordado pola evanxelización dos húngaros e polacos, e polos intentos de reorganización da Igrexa, que o levaron á creación do arcebispado de Magdeburgo e outros de rito latino no sur de Italia, o que reduciu a influencia do Imperio Bizantino e a súa Igrexa Ortodoxa nesa rexión. tamén comezou o costume de bendicir e dar nome ás campás dos templos.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]