Vladimir Putin
Vladimir Vladimirovich Putin (en ruso: Владимир Владимирович Путин), nado en Leningrado o 7 de outubro de 1952, é un político ruso e antigo oficial de intelixencia que é o actual presidente de Rusia, un cargo que ostenta dende o ano 2012, e que xa ocupou entre os anos 1999 e 2008.[1] Tamén foi primeiro ministro dende 1999 até 2000, e de novo entre 2008 e 2012. Putin é o segundo presidente europeo máis lonxevo despois de Aliaksandr Lukašenka da veciña Belarús.
Putin naceu en Leningrado (hoxe San Petersburgo) e estudou Dereito na Universidade Estatal de Leningrado, graduándose en 1975. Traballou como oficial de intelixencia estranxeira da KGB durante 16 anos, chegando ao rango de tenente coronel, antes de dimitir en 1991 para comezar unha carreira política en San Petersburgo. Trasladouse a Moscova en 1996 para unirse á administración do presidente Boris Eltsin. Foi brevemente director do Servizo Federal de Seguridade e secretario do Consello de Seguridade, antes de ser nomeado primeiro ministro en agosto de 1999. Despois da dimisión de Eltsin, Putin converteuse en presidente en funcións, e menos de catro meses despois foi elixido de forma definitiva para o seu primeiro mandato como presidente e foi reelixido en 2004. Como entón estaba constitucionalmente limitado a dous mandatos consecutivos como presidente, Putin volveu ser primeiro ministro de 2008 a 2012 baixo Dmitrii Medvedev, e volveu á presidencia en 2012 nas eleccións presidenciais de Rusia de 2012, as cales foron empañadas por acusacións de fraude e protestas; foi reelixido de novo en 2018. En abril de 2021, tras un referendo, asinou as emendas constitucionais, incluíndo unha que lle permitiría presentarse á reelección dúas veces máis, o cal podería estender potencialmente a súa presidencia ata 2036.[2][3]
Durante o primeiro mandato de Putin como presidente, a economía rusa creceu durante oito anos consecutivos, co PIB medido polo poder adquisitivo aumentando nun 72%; a satisfacción coa vida autoavaliada rusa aumentou significativamente.[4] O crecemento foi o resultado dun quintuplicado no prezo do petróleo e do gas, que constitúen a maioría das exportacións rusas, a recuperación da depresión postcomunista e da crise financeira de 1998, así como un aumento do investimento estranxeiro,[5] ademais de políticas económicas e fiscais prudentes.[6][7] Putin tamén levou a Rusia á vitoria na segunda guerra chechena. Serviu como primeiro ministro baixo Medvedev, supervisou a reforma militar e a reforma policial, así como a vitoria de Rusia no conflito de Osetia do Sur de 2008. Durante o seu terceiro mandato como presidente, a caída dos prezos do petróleo xunto coas sancións internacionais impostas a principios de 2014 despois de que Rusia lanzara unha intervención militar en Ucraína e anexionase a península de Crimea levaron a contracción da economía un 3,7% en 2015, aínda que a economía rusa repuntou en 2016 cun crecemento do PIB do 0,3%.[8] Durante o seu cuarto mandato como presidente, a pandemia de COVID-19 golpeou Rusia, e Putin ordenou unha invasión a grande escala de Ucraína en 2022, o que provocou que se impuxesen novas sancións contra Rusia e unha nova crise financeira. Outros desenvolvementos baixo Putin incluíron a construción de gasodutos, a restauración do sistema de navegación por satélite GLONASS e a construción de infraestruturas para eventos internacionais como os Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 en Sochi e a Mundial de Fútbol de 2018.
Baixo o liderado de Putin, Rusia virou ao autoritarismo. Os expertos non consideran a Rusia unha democracia, citando o encarceramento e a represión dos opositores políticos, a intimidación e supresión da prensa libre e a falta de eleccións libres e xustas.[9][10][11] Rusia obtivo malas puntuacións no Índice de Percepción da Corrupción de Transparencia Internacional, o Índice de Democracia da Economist Intelligence Unit e o índice Liberdade no mundo de Freedom House.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios coma funcionario
[editar | editar a fonte]Despois de rematar os seus estudos de Dereito na universidade da súa cidade natal, entra no KGB, onde é delegado na dirección principal encargada de asuntos exteriores. De 1985 a 1990 traballa en Dresde na unidade de investigación política e militar. Tras o desmantelamento das oficinas do KGB en Dresde en 1989 retorna a Leningrado en 1990. Durante algúns meses atópase sen traballo, polo que contempla a idea de ser condutor de taxi.
Finalmente é nomeado adxunto do reitor da Universidade de Leningrado, onde se ocupa das relacións internacionais. Despois traballa coma conselleiro do alcalde. A partir de xuño de 1991, convértese en presidente do comité de relacións exteriores da cidade, agora chamada San Petersburgo. O seu papel consiste principalmente en achegar investidores e desenvolver a colaboración cos socios estranxeiros.
Despois do KGB
[editar | editar a fonte]O 20 de agosto de 1991, durante o putsch de Moscova, Putin renunciou oficialmente ó KGB. De 1994 a 1996 foi premier adxunto do alcalde Anatolo Sobtchak (mestre seu na facultade de dereito) renunciando ó seu cargo tras a derrota do seu mentor.
En agosto de 1996 foi nomeado adxunto do director dos asuntos exteriores do presidente Boris Eltsin. A partir de marzo de 1997, foi un dos adxuntos do xefe da administración presidencial. En xullo de 1998 foi nomeado director do FSB (Servizo Federal de Seguridade) que sucede ó KGB. En 1999 comezou o seu fulgurante ascenso. En agosto foi nomeado primeiro ministro de Eltsin, que decidiu facelo o seu sucesor. A comezos de setembro, en reacción a ataques terroristas chechenos, Putin ordenou o reinicio das hostilidades con Chechenia. É o comezo da segunda guerra chechena, que o converte no político máis popular de Rusia.
O 31 de decembro de 1999, tras a renuncia do presidente Boris Eltsin, Putin converteuse en presidente interino. O 26 de marzo de 2000, nas eleccións presidenciais adiantadas, Putin foi elixido presidente da Federación Rusa na primeira volta co 53% dos votos. Iniciou as súas funcións o 7 de maio.
Tralas eleccións de 2008, nas que foi elixido presidente Dmitrii Medvedev, Vladimir Putin pasou a ocupar o cargo de primeiro ministro e durante o seu mandato foi o líder de Rusia Unida.
Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Timeline: Vladimir Putin – 20 tumultuous years as Russian President or PM". Reuters. 9 de agosto de 2019. Consultado o 29 de novembro de 2021.
- ↑ "Putin signs law allowing him to serve 2 more terms as Russia's president". www.cbsnews.com.
- ↑ "Putin — already Russia's longest leader since Stalin — signs law that may let him stay in power until 2036". USA TODAY.
- ↑ Guriev, Sergei; Tsyvinski, Aleh (2010). "Challenges Facing the Russian Economy after the Crisis". En Anders Åslund; Sergei Guriev; Andrew C. Kuchins. Russia After the Global Economic Crisis. Peterson Institute for International Economics; Centre for Strategic and International Studies; New Economic School. pp. 12–13. ISBN 978-0-88132-497-6.
- ↑ "ПОСТУПЛЕНИЕ ИНОСТРАННЫХ ИНВЕСТИЦИЙ ПО ТИПАМ". Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2022. Consultado o 02 de marzo de 2022. Rosstat
- ↑ Putin: Russia's Choice, (Routledge 2007), por Richard Sakwa, Chapter 9.
- ↑ Fragile Empire: How Russia Fell In and Out of Love with Vladimir Putin, Yale University Press (2013), por Ben Judah, páxina 17.
- ↑ "It's Official: Sanctioned Russia Now Recession Free". Forbes. 3 de abril de 2017.
- ↑ Frye, Timothy (2021). Weak Strongman: The Limits of Power in Putin's Russia. Princeton University Press. p. Modelo:Page?. ISBN 978-0-691-21246-3.
- ↑ Gill, Graeme. "Building an Authoritarian Polity: Russia in Post-Soviet Times". Cambridge University Press. Consultado o 24 de xullo de 2018.
- ↑ Reuter, Ora John (2017). The Origins of Dominant Parties: Building Authoritarian Institutions in Post-Soviet Russia (en inglés). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 978-1-316-76164-9. doi:10.1017/9781316761649. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2019. Consultado o 02 de marzo de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vladimir Putin |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lourie, Richard (2017). Putin: His Downfall and Russia's Coming Crash. St. Martin's Press. ISBN 978-0-312-53808-8.
- Arutunyan, Anna (2015) [2012; Czech ed.]. The Putin Mystique: Inside Russia's Power Cult. Northampton, MA: Olive Branch Press. ISBN 978-1-56656-990-3. OCLC 881654740.
- Asmus, Ronald (2010). A Little War that Shook the World: Georgia, Russia, and the Future of the West. NYU. ISBN 978-0-230-61773-5.
- Frye, Timothy. 2021. Weak Strongman: The Limits of Power in Putin's Russia. Princeton University Press.
- Gessen, Masha (2012). The Man Without a Face: The Unlikely Rise of Vladimir Putin. Londres: Granta. ISBN 978-1-84708-149-0.
- Judah, Ben (2015). Fragile Empire: How Russia Fell in and Out of Love with Vladimir Putin. Yale University Press. ISBN 978-0-300-20522-0.
- Lipman, Maria. "How Putin Silences Dissent: Inside the Kremlin's Crackdown." Foreign Affairs 95#1 (2016): 38+.
- Myers, Steven Lee. The New Tsar: The Rise and Reign of Vladimir Putin (2015).
- Naylor, Aliide. The Shadow in the East: Vladimir Putin and the New Baltic Front (I.B. Tauris, 2020), 256 pp.
- Rosefielde, Steven. Putin's Russia: Economy, Defence and Foreign Policy (2020) excerpt
- Sakwa, Richard. The Putin Paradox (Bloomsbury, 2020) online.
- Sakwa, Richard. Putin Redux: Power and Contradiction in Contemporary Russia (2014). online review Arquivado 04 de marzo de 2022 en Wayback Machine.
- Sperling, Valerie. Sex, Politics, & Putin: Political Legitimacy in Russia (Oxford UP, 2015). 360 pp.
- Stoner, Kathryn E. 2021. Russia Resurrected: Its Power and Purpose in a New Global Order. Oxford University Press.
- Toal, Gerard. Near Abroad: Putin, the West, and the Contest Over Ukraine and the Caucasus (Oxford UP, 2017).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |