Saltar ao contido

Autoritarismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Autoritarismo
Imaxe
 Subclase de
 Causa de
 Causado por
Características
 Oposto a
Códigos e identificadores
Freebase/m/014zf Editar o valor en Wikidata
MeSHD001318 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC68346564 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Descrito pola fonte
Enciclopedia Galega Universal: 81016
Wikidata C:Commons

O autoritarismo é unha forma de réxime político caracterizada pola concentración do poder nas mans dun líder ou dunha pequena elite que exerce a autoridade sen unha rendición de contas efectiva ante a poboación.[1] Distínguese pola existencia dun pluralismo político limitado, pola represión da oposición competitiva e polo recurso á coerción, ao control institucional ou ao clientelismo para manter o poder.[2]

O politicólogo Juan Linz identificou catro trazos básicos destes sistemas:

  1. Pluralismo político restrinxido, con limitacións ao funcionamento de parlamentos, partidos e grupos de interese.
  2. Unha ideoloxía ou fórmula de lexitimación, empregada máis como retórica xustificativa ca como ferramenta de mobilización masiva.
  3. Baixos niveis de mobilización cidadá, en comparación tanto coas democracias como cos réximes totalitarios.
  4. Executivos non sometidos a procesos competitivos institucionalizados que permitan a súa substitución efectiva.[3]

A diferenza dos sistemas totalitarios —que procuran unha penetración ideolóxica total na sociedade e a eliminación de toda autonomía—, os réximes autoritarios adoitan tolerar certos espazos de actividade económica privada, expresión cultural ou organización social informal, sempre que non cuestionen o dominio político establecido.[4]

Entre as súas características definitorias está a erosión dos mecanismos de control, como a independencia xudicial ou a liberdade de prensa, mediante prácticas como a manipulación electoral, o favoritismo político e a represión selectiva. Isto permite que os gobernantes prioricen a supervivencia do réxime sobre o benestar público.[5]

Tras a Guerra Fría, o autoritarismo adoptou con frecuencia formas híbridas, combinando aparencias institucionais —como eleccións ou parlamentos— cun monopolio real do poder. Aínda que adoitan asociarse a contextos de crise ou á necesidade de decisións centralizadas, estes sistemas poden perdurar mediante estratexias adaptativas, como a cooptación de elites ou a proxección de influencia exterior, diferenciándose así tanto das democracias baseadas na responsabilidade política como do control máis intensivo propio do totalitarismo.[6]

Definición

[editar | editar a fonte]

O autoritarismo parte da idea de que as sociedades organizadas deben resolver problemas de coordinación entre actores con intereses propios, nos que a toma de decisións descentralizada pode xerar ineficiencia, bloqueo ou conflito interno debido á competencia entre faccións. Desde esta perspectiva, sostense que a autoridade xerárquica —encarnada nun líder ou nunha elite— constitúe o mecanismo máis fiable para impor directrices uniformes, garantir o cumprimento das normas e dirixir os recursos cara a obxectivos prioritarios, como a seguridade ou a mobilización económica, sen depender do veto de múltiples actores dispersos.[7]

Este enfoque contrasta cos modelos igualitarios ao dar prioridade á eficacia sobre o consentimento, defendendo que unha participación moi ampla pode diluír a capacidade de decisión e favorecer a desorde, especialmente en contextos percibidos como ameazas existenciais, tales como invasións ou crises económicas graves.[8]

Distincións respecto da tiranía e o totalitarismo

[editar | editar a fonte]

O autoritarismo diferénciase da tiranía polo seu maior grao de institucionalización e pola utilización de estruturas legais formais. Na teoría política clásica de Aristóteles, especialmente en Política, a tiranía descríbese como a forma corrompida da monarquía: un poder arbitrario exercido en beneficio persoal do gobernante e sen respecto pola lei nin polo ben común. Pola contra, os sistemas autoritarios adoitan operar mediante institucións formalizadas —como partidos únicos ou burocracias controladas— que proporcionan unha aparencia de lexitimidade.

Así, mentres tiranos da Grecia antiga como Pisístrato exemplificaban un dominio máis personalista e dependente da vontade do soberano, réximes autoritarios modernos, como o de Francisco Franco en España (1939–1975), sustentáronse en xerarquías militares e administrativas relativamente estables. Esta diferenza subliña a maior previsibilidade e capacidade de formar alianzas entre elites que adoitan ter os sistemas autoritarios, fronte á inestabilidade inherente das tiranías personalistas.[9]

En contraste co totalitarismo, o autoritarismo permite maiores marxes de autonomía social e non procura unha penetración ideolóxica total. O politicólogo Juan Linz definiu estes sistemas —na súa obra Totalitarian and Authoritarian Regimes— como caracterizados por pluralismo político limitado, escasa mobilización ideolóxica e unha represión selectiva máis ca omnipresente, o que deixa espazos de vida privada e actividade económica fóra do control directo do Estado.

Pola súa banda, os réximes totalitarios, como a Alemaña nazi de Adolf Hitler (1933–1945) ou a Unión Soviética baixo Iosif Stalin (1924–1953), procuraron impor unha ideoloxía única, desarticular a sociedade civil mediante organizacións de masas e empregar o terror de forma sistemática para eliminar calquera esfera independente. Exemplos posteriores, como a Revolución Cultural impulsada por Mao Tse Tung na China (1966–1976), amosan esa mobilización constante da poboación ao servizo de obxectivos ideolóxicos globais.

Linz sinalou que, mentres os líderes totalitarios buscan activar permanentemente á sociedade en función dun proxecto transformador, os gobernos autoritarios tenden máis ben a desmobilizar a cidadanía para garantir a pasividade política. Esta diferenza pode observarse en casos como o Chile de Augusto Pinochet (1973–1990), onde se combinou un control político estrito cun certo grao de autonomía social e económica.[10]

En consecuencia, o autoritarismo presenta unha flexibilidade pragmática ausente no totalitarismo, cuxo carácter máis ríxido e absoluto require un control moito máis intenso e custoso da sociedade.

Segundo algúns historiadores, o termo autoritarisme xurdiu logo do segundo imperio francês na década de 1870, converténdose en común, segundo a ciencia política, a partir do inicio do século XX.

Xa na antigüidade clásica os termos oligarquía e tiranía eran discutidos. Os gregos ao trataren das teorías e organizacións do Estado xa demostraban a súa preocupación canto a definición do estado tiránico. Aristóteles, na Política, mostrou as primeiras tipoloxias que deran inicio á descrición dos réximes políticos existentes na súa época adoptando un criterio que definia a "finalidade da sociedade civil", ou cidade-estado, definida por "...unha reunión de familias e pequenos burgos que se asocian para disfrutaren xuntos unha existencia enteiramente feliz e independente".

Aristóteles definiu "...que é necesario admitir, en principio, que as accións honestas e virtuosas, e non soamente a vida común, son a finalidade da sociedade política", demostrou que "Dun lado existe o carácter 'puro e sabio da organización política', doutro, 'a súa forma viciada e corrompida', ocorrendo o primeiro cando a autoridade suprema (individual ou colectiva) é exercida en benefício do interese social; e o segundo, chamado dexeneración, cando prevalece o interese particular".

Clasificacións segundo Aristóteles

[editar | editar a fonte]

Formas puras

[editar | editar a fonte]

Desta forma, clasificou que as formas "puras" se diferencian de acordo coa base da autoridade suprema como:

  • Realeza, sistema onde a autoridade é real e suprema estando nas mans dun só.
  • Aristocracia, sistema onde o poder e a autoridade están nas mans de varias persoas sabias.
  • República, sistema cuxa autoridade emana das mans da multitude, en beneficio da colectividade.

Formas corrompidas

[editar | editar a fonte]

As formas "corrompidas" do poder son aquelas cuxos desvíos non son desexables e son definidas como:

  • Tiranía, segundo Aristóteles a peor de todas, equivalente ao que máis tarde se chamará tamén autoritarismo.
  • Oligarquía, que é a dexeneración da aristocracia, ou os desvíos ocasionados pola aristocracia no momento en que tende a se perpetuar no poder.
  • Democracia, considerado de todos os gobernos dexenerados o "máis tolerable".

Pensamento aristotélico

[editar | editar a fonte]

Segundo o pensamento aristotélico, existen mecanismos que forman tanto a pureza como a corrupción, e que estes derivan das formas máis diversas, o que comanda porén, é o nivel de pureza de carácter daqueles que asumen o poder.

Democracia e oligarquía

[editar | editar a fonte]

Aristóteles entendeu que a democracia e a oligarquía eran as formas máis importantes de exercicio do poder porque, "... se as diferentes funcións públicas poden ser acumuladas, un mesmo cidadán pode ser concomitantemente guerreiro, labrador, artesán, senador e xuíz". Os mesmos individuos non poderían ser ricos e pobres simultaneamente, pois as dúas clases máis diferentes no Estado son a dos pobres e a dos ricos. Segundo o filósofo, as parcelas sociais son unha numerosa, a dos pobres, e outra pequena, a dos ricos.

Por tanto, sempre haberá o enfrontamento ideolóxico, e un predominio dunha ou doutra das clases sociais que se manterá no poder, o oligárquico, representando a aqueles que detentan o poder económico e o democrático, que no seu estado máis puro estará nas mans daqueles que dividen o poder.

As institucións

[editar | editar a fonte]

Analizando as dúas clases sociais a partir dos subgrupos oriundos destas, Aristóteles observou as combinacións e as variacións do poder máis ou menos institucional conforme o predominio destas. Segundo o filósofo, "...cando se perde a soberanía da lei, dase a dexeneración plebiscitaria ou demagóxica, en que o pobo se transforma nun monarca de mil testas, sen conseguir se dirixir cara un rumbo certo".

Maquiavelo

[editar | editar a fonte]

Maquiavelo, no comezo do século XVI, na súa obra “Il Príncipe” (O Príncipe), describiu o comportamento que era seguido polo autoritarismo, trazando un paralelo entre os dominadores tiránicos e os monarcas que usaban a estratexia para se manter no poder.

Autoritarismo e militarismo

[editar | editar a fonte]

O autoritarismo é frecuentemente asociado á dominación polo militarismo, aparecendo como unha organización social jerárquica que pode asumir diversas formas e sendo denominado de acordo coa ideoloxía coa que se procura xustificar.

As ideoloxías

[editar | editar a fonte]

A tiranía, o despotismo, a autocracia, o imperialismo, o cesarismo, o totalitarismo, o fascismo, o nazismo, o franquismo, o nacionalcatolicismo, o corporativismo e o comunismo stalinista, ademais doutros, valéronse do autoritarismo para manter o poder opresor.

Características

[editar | editar a fonte]

O autoritarismo posúe as seguintes características para se manter no poder:

  • Exclusividade do exercicio do poder.
  • Arbitrariedades.
  • Debilitamento dos vínculos xurídicos do poder político.
  • Alteración da lexislación institucional creando regras para a perpetuación no poder.
  • Restrición substancial das liberdades públicas e individuais.
  • Impulsividade nas decisións.
  • Agresividade fronte á oposición.
  • Ausencia ou limitación de liberdades, en especial de ideoloxía, opinión e expresión.
  • Emprego de métodos ditatoriais e compulsivos de control político e social.

Os réximes autoritarios coinciden normalmente coa figura do estado de excepción, que é diametralmente oposto ao Estado de dereito. O autoritarismo, a pesar da relación co militarismo, non sempre camiña xunto ao estado militarista, mais para se manter no poder precisa do uso da forza, fornecida polos corpos e forzas de seguridade do Estado, e creando ás veces relacións insospeitadas entre os militares, os políticos e os detentores do poder económico.

Os réximes políticos coñecidos como ditaduras militares durante a historia da humanidade foron modelos de autoritarismo estrito, logo de instauraren estados de excepción, impostos e mantidos pola forza das armas.

No decorrer do século XX, o autoritarismo foi estudado por diversas escolas de todas as partes do planeta.

  1. "Authoritarian Regimes". Sage Publications. Consultado o 01/03/2026.
  2. "Authoritarian Regimes". Universität Bielefeld. Consultado o 01/03/2026.
  3. "Authoritarianism". European Center for Populism Studies. Consultado o 01/03/2026.
  4. "Authoritarian Regimes" (PDF). Universidad de la República Uruguay. Consultado o 01/03/2026.
  5. "What Authoritarianism Is… and Is Not: A Practice Perspective". Oxford Academic. Consultado o 01/03/2026.
  6. "Understanding Authoritarianism". Yale Jackson School of Global Affairs. Consultado o 01/03/2026.
  7. "On Authoritarianism. A Review Essay". Cambridge University. Consultado o 01/03/2026.
  8. "Authoritarianism, explained". Protect Democracy. Consultado o 01/03/2026.
  9. "Ancient Tyranny and Modern Dictatorship". Cambridge University. Consultado o 01/03/2026.
  10. "Totalitarian and Authoritarian Regimes". Lynne Rienner Publishers. Consultado o 01/03/2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]