Cinémathèque Française

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Coordenadas: 48°50′13″N 02°22′57″L / 48.83694, -2.38250

Cinémathèque Française
(Cinemateca Francesa)
Gehrys American Center 2011.jpg
Sede da Cinémathèque Française
Data de creación 2 de setembro de 1936
Creador(es) Nenri Langlois e Georjes Franju
Presidente Costa-Gavras (desde 2007)
Sede 51 rue de Bercy
París
Flag of France.svg Francia
Ámbito Cine internacional
Web http://www.cinematheque.fr

A Cinémathèque Française (en galego: "Cinemateca Francesa") é unha institución francesa con sede en París, fundada en 1936, que se dedica a coleccionar, conservar, restaurar e dar a coñecer o patrimonio cinematográfico mundial. Malia ser unha asociación privada, está financiada principalmente polo Estado Francés.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Os inicios e a época de Henri Langlois[editar | editar a fonte]

Un ano máis tarde de que, en 1935, o director de cine francés Georges Franju e o coleccionista cinematográfico Henri Langlois crearan o club de cine Cercle du Cinéma, o 2 de setembro de 1936 fundaron a Cinémathèque Française, que non tiña outro obxectivo que conservar, restaurar e proxectar películas. A Cinémathèque empezou tamén a coleccionar documentos e obxectos relacionados con diversas facetas da cinematografía: cámaras, carteis, fotografías, vestiario e mesmo decorados.

A mediados dos anos 40, grazas a unha subvención do Estado francés, a Cinémathèque instalouse nun pequeno local no número 7 da avenida de Messine, no distrito VIII de París.

En 1948, a Cinémathèque Française ampliou as súas instalacións e creou unha sala de proxección con 60 localidades e tamén o seu primeiro museo do cine (na rúa de Bercy)[2]. Algúns directores franceses notables, como Jacques Becker, Robert Bresson, René Clément e Henri-Georges Clouzot, asistían con frecuencia ás proxeccións da Cinémathèque. Nesta sala coñecéronse futuros directores da Nouvelle Vague, como Claude Chabrol, Jean-Luc Godard, Alain Resnais, Jacques Rivette, François Truffaut e Roger Vadim.

En 1955, a Cinémathèque Française trasladouse ao número 29 da rúa de Ulm, no distrito V, cunha nova sala de proxección con capacidade para 260 espectadores.

En 1963, André Malraux, Ministro de Cultura, concedeulle unha subvención e un crédito importantes á Cinémathèque, e autorizou a súa instalación no palacio de Chaillot, de titularidade pública, momento en que a institución adquiriu diversos compromisos co Estado, como a da conservación e difusión da maioría das copias de películas que o Estado tiña en virtude das leis sobre o depósito legal.

En febreiro de 1968, por petición do Ministerio de facenda, que consideraba que os gastos da Cinémathéque eran excesivos, André Malraux destituíu a Henri Langlois como director da entidade. Langlois chegara a ter moito prestixio en medios profesionais cinematográficos, polo que os seus defensores organizaron un comité, formado, principalmente, por directores de cine franceses, entre os que destacaban Robert Bresson, Claude Chabrol, Abel Gance, Jean-Luc Godard, Chris Marker, Alain Resnais, Jacques Rivette, Éric Rohmer e François Truffaut. Ante a magnitude das protestas, o 22 de abril dese mesmo ano, André Malraux decidiu reintegrar no seu posto a Henri Langlois, que volveu ser o director da Cinémathèque ata a súa morte en 1977.[3]

En 1972, a Cinémathèque inaugurou un novo museo do cine no palacio de Chaillot[4]. En 1974 Henri Langlois recibiu un César e un Oscar como recoñecemento ao seu labor de conservación e difusión do patrimonio cinematográfico mundial.

Costa-Gavras, o presidente desde 2007

En 1980 inaugurouse unha nova sala de proxección no Centro Nacional de Arte e Cultura Georges Pompidou.

A época de Costa-Gavras[editar | editar a fonte]

Costa-Gavras e Steven Spielberg nunha masterclass na Cinémathèque

En 1981, o director de cine grego Costa-Gavras foi nomeado presidente da Cinémathèque, que exerceu o seu cargo inicialmente ata 1987.

En 2005 a Cinémathèque Française transladouse a un edificio posmoderno obra do arquitecto estadounidense Frank Gehry, situado no número  51 da rúa Bercy, no distrito XII de París.

En 2007, as coleccións da Bibliothèque du Filme, de propiedade pública, pasaron a formar parte da Cinémathèque.

Por outra banda, a colección inicial de Henri Langlois foi aumentando cos anos, grazas a doazóns públicas e privadas, á axuda dalgúns mecenas, a subvencións do Estado francés, a acordos de colaboración e ao intercambio con outras filmotecas.[5] Na década de 2000 contaba con máis de 40 000 películas e milleiros de documentos e obxectos relacionados co cine, o que a converte na maior base de datos mundial sobre a sétima arte.

Tras a fusión, o 1 de xaneiro de 2007, da Cinémathèque Française e a Bibliothèque du Film, Costa Gavras foi novamente nomeado presidente da institución.

Coleccións[editar | editar a fonte]

Os datos, actualizados a 2018[6]:

  • 40 000 películas, antigas e modernas.
  • 23 000 carteis.
  • 14 500 deseños.
  • 870 materiais publicitarios.
  • 500 000 fotografías.
  • 21 000 referencias bibliográficas.
  • 490 revistas especializadas.
  • 30 000 expedientes de arquivos.
  • 4200 aparellos cinematográficos.
  • 25 000 placas de lanterna máxica.
  • 2100 traxes.
  • 2300 obxectos de decoración.

Consello de administration[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "L’association". No sitio web oficial (en francés)
  2. "Le musée de la cinémathèque". No sitio web oficial (en francés)
  3. Reportaxe videográfica sobre o chamado "Affaire Henri Langlois" (en francés)
  4. "Catalogue des appareils cinématographiques de la Cinémathèque française et du CNC". No sitio web oficial (en francés)
  5. "Exposition Henri Langlois : dix questions sur un monstre cinéphile". En Telerama.fr (en francés)
  6. "Les Collections". No sitio web oficial (en francés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barbin, Pierre. La Cinémathèque française, 1936-1986: inventaire et légends. Vuibert. 2005 [ISBN 2-7117-4439-6] (en francés)
  • Leroy, Eric. Cinémathèques et archives du film. Armand Colin. 2013 [ISBN 978-2-200-27673-7] (en francés)
  • Mannoni, Laurent. Histoire da Cinémathèque française : L'amour fou du cinéma. Gallimard, 2006. [ISBN 2-0707-7444-9] (en francés)
  • Roud, Richard. A passion for films: Henri Langlois and the Cinémathèque Française. Viking Press. Nova York, 1983. [ISBN 0-670-36687-0] (en inglés)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]