Revolución de 1846
Revolución de 1846,[1] levantamento de 1846,[2][3] pronunciamento de 1846[4][5] ou sublevación liberal de 1846,[6] son os nomes que recibe o alzamento do coronel Miguel Solís o 2 de abril de 1846 en Lugo (ó que se uniron posteriormente A Coruña o día 5, Pontevedra o 9, e o día 10 Tui e Vigo) contra o goberno de Ramón María de Narváez[7]. A conspiración foi dirixida desde A Coruña, impulsada por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina e viúva do ministro Francisco Espoz y Mina; en Vigo foron Benigno Cid, Ramón Buch e Juan Nogueira, en contacto co exiliado Mártir Molíns; e en Ourense, algúns militares. Gerónimo Piñeiro de las Casas facía de correo entre eles, e fixaron a data do alzamento para o mes de abril.
O levantamento[editar | editar a fonte]

O 2 de abril de 1846 pronunciouse na praza maior de Lugo o II Rexemento de Zamora. O comandante Miguel Solís Cuetos púxose á cabeza do exército, e Manuel Becerra Bermúdez constituíu unha Xunta en Lugo. O 4 de abril tamén se alza A Coruña cos provincialistas. Pío Rodríguez Terrazo fixo unha Xunta e enfrontouse ao gobernador militar Villalonga. O día 5 Solís marcha co exército a Santiago de Compostela, onde os xefes Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz, Ramón Garea, Bermúdez Cedrón e os irmáns Pasarín conseguiran recrutar 300 universitarios. O día 8 uniranse a Solís, quen se atopa con Francisco Puig Samper e MacMahon en Ponte Sigüeiro.[8] O día 9 prodúcese o pronunciamento de Buceta en Pontevedra, onde se constituíu unha Xunta presidida por José María Santos. O día 10 pronunciaríanse Tui e Vigo, onde se fixo cargo o brigadier Leoncio Rubín de Celis.[9] O día 11 Puig Samper entra en Santiago e obriga a Solís a marchar a Vigo, mentres que Iriarte[quen?], que penetrou desde Portugal, é vencido en Astorga.
Constitución da Xunta[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Xunta Superior do Reino de Galicia.

Puig Samper e Solís enfrontaríanse novamente en Sigüeiro, sen resultados. Pero o día 14 o xeneral José Gutiérrez de la Concha, enviado desde Madrid, penetra en Galicia.[10] Os insurxentes dominaban Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo e Tui, e reuniran unha Asemblea, presidida por Solís, con Rubín de Celis, Pío Rodríguez Terrazo (da Xunta de Santiago), José María Santos (da Xunta de Pontevedra) e Ramón Buch (da Xunta de Vigo). Constituiranse o día 15 de abril en Xunta Superior de Galiza, e acordaron:
- Constituír dous corpos de exército, se un corpo consegue os seus obxectivos, uniríanse para atacar a Concha, pero sen xefe supremo.
- O Exército de Libertazón de Galicia, dirixido por Solís e Manuel Buceta del Villar, que atacaría A Coruña e Ferrol.
- O Segundo Exército, de Rubín de Celis e Sebastián Arias, que atacaría Ourense.
- Constituír unha Xunta Suprema (tamén Xunta Superior do goberno de Galicia) para administrar e socorrer ao exército, con Pío Rodríguez Terrazo (presidente), Antolín Faraldo (secretario), José María Santos e Ramón Buch (vogais).
Faraldo fai unha proclama de compromiso dos sublevados con Galicia, para que deixe de ser unha colonia da corte. As primeiras medidas que tomarán serán suprimir o sistema tributario de 1845, substituír os concellos e someter todas as Xuntas Locais á Suprema.
Derrota e represión[editar | editar a fonte]
- Artigos principais: Batalla de Cacheiras e Mártires de Carral.
Mentres, os dous exércitos fracasaron nas insurreccións porque non querían derramar sangue. O 21 de abril Solís será nomeado polos sublevados Capitán Xeneral de Galicia, pero o día 23 será vencido por Concha na batalla de Cacheiras e feito prisioneiro, e Rubín de Celis, que non o apoiou, foxe a Portugal. Villalonga ordenou o día 26 de abril o fusilamento en Carral de Solís e 11 compañeiros seus máis, todos militares, que serán coñecidos como os Mártires de Carral. Rúa Figueroa foi encarcerado, e Antolín Faraldo, Francisco Añón e Antonio Romero Ortiz exiliaranse.
En 1848 ditouse unha amnistía e a maioría volveron. Faraldo abandonou o galeguismo e morreu en 1853, e os seus compañeiros non volverían ter ningún papel destacado na política galega.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Tettamancy, Francisco (1908). La revolución gallega de 1846 (en castelán). A Coruña.
- ↑ Barreiro, X. R. (1977). El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (en castelán). Santiago de Compostela.
- ↑ Beramendi, Xusto G. "El levantamiento de 1846". Historia de Galicia (en castelán) 4. Faro de Vigo. p. 825.
- ↑ Obelleiro Piñon, Luís (1997). "Idade contemporánea (século XIX)". Historia xeral de Galicia. A Nosa Terra. p. 327. ISBN 84-89138-99-0.
- ↑ Villares, Ramón (1991). Historia de Galicia. Biblioteca 114 (en castelán) II. El Correo Gallego. pp. 54–55. ISBN 84-85553-15.
- ↑ Otero Pedrayo, Ramón (1954) [1926]. Guía de Galicia (en castelán) (3ª ed.). Editorial Galaxia. p. 114.
- ↑ Narváez foi Presidente (do Consello de Ministros) de 16 de marzo de 1846 ó 5 de abril de 1846 e Francisco Javier de Istúriz dende o 5 de abril ata o 28 de xaneiro de 1847. Non era a primeira vez que Narváez exercía (e deixaba) a presidencia, e non sería a última: en total houbo 7 gobernos Narváez entre 1844 e 1868.
- ↑ Porto 1846.
- ↑ ""Rubín de Celis y Oroña, Leoncio (Redondela, 1810)"". Arquivado dende o orixinal o 12 de xaneiro de 2018. Consultado o 12 de xaneiro de 2018.
- ↑ Luis Moure Mariño (1979) Temas gallegos. Espasa-Calpe.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Barreiro, X. R. (2007). A gran historia de Galicia. Historia política da Galicia contemporánea. 2. De Isabel II á restauración (1833-1874). Tomo XI. La Voz de Galicia. pp. 76–91. ISBN 978-84-96931-00-8.
- Beramendi, Xusto G. (1991). "La aparición del galleguismo". Historia de Galicia (en castelán) 4. Faro de Vigo. p. 825. ISBN 84-404-9520-X.
- González López, Emilio (1980). Historia de Galicia. Biblioteca Gallega (Serie Nova) (en castelán). La Voz de Galicia. pp. 630–636. ISBN 84-85287-22-3.
- López Carreira, Anselmo (2013). "O provincialismo". Historia de Galicia. Edicións Xerais de Galicia. pp. 217–222. ISBN 978-84-9914-532-7.
- Parrilla García, José Antonio (1984). Breve Historia de Galicia (banda deseñada) . Caixa Galicia. pp. 52–53. ISBN 84-85620-08-9.
- Porto, Juan do (1846). Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia (en castelán). Madrid: Imprenta de la Viuda de Burgos.[1]
- Tettamancy Gastón, Francisco (1912). Los Mártires de Carral (en castelán). Imprenta y Fotograbado de Ferrer.
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- A revolución fallida que mudou o país, culturagalega.org. 4/5/2009.