Academia Literaria de Santiago
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
A Academia Literaria de Santiago foi unha institución cultural decimonómica da cidade de Santiago de Compostela, plataforma de debates dos mozos provincialistas da xeración universitaria de 1846.
Historia[editar | editar a fonte]
Fundada en 1840, en plena etapa de liberdades conseguidas pola vitoria do Partido Progresista coa rexencia de Baldomero Espartero; varios mozos universitarios conseguen do Capitán Xeneral de Galicia, Fermín Iriarte, a cesión do refectorio do mosteiro de San Martiño Pinario para celebrar as súas sesións, o que será motivo de agradecemento por parte de Domingo Díaz de Robles, que lle adicara un extenso poema.[1]
A través dela pretendía vincularse coa academia literaria do XVIII, a academia foi creada a imitación do Liceo Artístico y Literario de Madrid. O promotor da Academia foi o militar ferrolán Domingo Díaz de Robles, fundador do xornal El Idólatra de Galicia, sendo o seu primeiro presidente o presbítero Pedro Losada Rodríguez (que foi censor da mesma anos despois). Na Academia discutíanse toda clase de temas: relixión, filosofía, historia, e sobre todo temas sociais; sendo desta maneira un dos centros mais efectivos de politización universitaria.[2]
Entre os seus membros destacan, Losada Rodríguez, Díaz de Robles, Antonio Neira de Mosquera, Antonio Romero Ortiz, J. M. Rodríguez Carracido, Valenzuela y Ozores, José Domínguez Izquierdo, Vicente Manuel Cociña, José María Posada, os irmáns José e Ramón Rúa Figueroa e participando Francisco Añón, Leopoldo Martínez Padín, J. María Gil, Joaquín Amigo, Antolín Faraldo, Augusto Ulloa Castañón, Alberto Camino e outros destacados literatos e activistas políticos como Bermúdez Cedrón, Taboada y Terrazo e Garea. A maior parte deles militaban no Partido Progresista, no Partido Moderado ou compórtanse como tales, deron en ser a primeira elite galega que servirían para que agromase o Rexurdimento o Provincialismo, sementando a raíz do galeguismo e algúns mesmo participando no levantamento de 1846 debido ó seu compromiso con Galicia iniciando unha nova prensa a través do romanticismo social de Victor Hugo.
Este compromiso con Galicia coincide co fenómeno da crise de identidade da fidalguía en Galicia, estamento social ao que pertence a maioría, que vendo que é imposible a volta ó absolutismo, loita polo liberalismo rexionalista e gobernar o seu pobo e non que o fagan os de fora, pondo isto de manifesto na Revolución de 1846, no que conflúen diversos estamentos e Romero Ortiz e Antolín Faraldo prestan apoio a formar o Batallón Literario para axudar ás tropas provincialistas axudando xa como enlaces e combatentes.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Antonio Neira de Mosquera. "Monografías de Santiago" Santiago, 1850, reproducidos en Monografías de Santiago y dispersos, por Benito Varela Jácome, Santiago 1960, pp. 177-194.
- ↑ Xosé Ramón Barreiro. "El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo". Santiago de Compostela, 1977. Editorial Pico Sacro.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Vilavedra, Dolores, ed. (2004). Diccionario da Literatura Galega. Termos e institucións literarias IV. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 15–17. ISBN 84-8288-656-8.