Batalla de Cacheiras
Batalla de Cacheiras | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Revolución galega de 1846 | |||||||
O alto de Montouto na carta xeométrica de Galicia (1845). | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Exército libertador de Galicia | Exército español | ||||||
Líderes | |||||||
Miguel Solís Cuetos | José Gutiérrez de la Concha | ||||||
Forzas en combate | |||||||
Infantería
Cabalería
|
Infantería
Cabalería
Artillería
|
A batalla de Cacheiras, ou batalla de Montouto,[1] foi un combate bélico acontecido no 23 de abril de 1846 nas ladeiras do alto de Montouto, en Cacheiras (Teo). Enfrontou o exército insurrecto contra o goberno español, baixo mando do oficial Miguel Solís, e as tropas lideradas polo xeneral José Gutiérrez de la Concha.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]O 2 de abril de 1846 pronunciouse en Lugo, contra o goberno conservador de Ramón María Narváez, o comandante Miguel Solís Cuetos. Nos días seguintes sumáronse á revolta Santiago, Pontevedra e Vigo, ficando baixo control do goberno madrileño A Coruña, Ferrol e Ourense. O día 15 os sublevados constituíron en Santiago unha Xunta central e organizaron un exército propio: o Exército Libertador de Galicia. Esta unidade militar foi dividida en dous e enviada á conquista das cidades non pronunciadas. A primeira división, liderada por Miguel Solís, marchou contra A Coruña e Ferrol; a segunda, dirixida polo brigadier Leoncio Rubín de Celis[2], foi enviada a tomar Ourense.[3] Ámbalas columnas fracasaron nas súas misións, e o día 21 recibiron ordes de regresar a Santiago pois achegábanse á cidade tropas enviadas polo goberno madrileño. O primeiro corpo regresou deseguida, porén, Rubín de Celis non enviou resposta ao requirimento.[4] Miguel Solís pretendeu agardar o regreso da columna perdida atrincheirado na cidade, mais a oposición da xunta civil a loitar nas rúas da capital fixo que abandonase a urbe na procura do inimigo.[5]
A batalla
[editar | editar a fonte]Coa primeira luz do día 23 de abril, a 1ª división do exército sublevado detívose no alto de Montouto, en Cacheiras, Teo. Arredor das dez da maña Miguel Solís foi advertido da presenza das primeiras tropas inimigas. Confundido por noticias erradas sobre as súas intencións e dimensións[6], avanzou tomando posicións en campo aberto á esquerda da aldea de Cacheiras. Ao decatarse de que o inimigo avanzaba na súa dirección, ordenou o regreso ás abas do monte, onde despregou as súas forzas.
Co flanco dereito na posición máis elevada, estendeu a liña cara ao norte situando alí o 2º batallón do rexemento de Zamora, os provinciais de Xixón e Segovia, e os seus 20 lanceiros a cabalo. A uns 400 metros detrás do flanco esquerdo da liña, na parte do monte de pendente máis suave, colocou os restantes soldados: 2 compañías de voluntarios, 25 gardas nacionais e 60 licenciados do exército. 200 metros por diante da liña, nun pequeno grupo de casas (casas de Raxó) atrincheirouse a compañía de gardas civís (rebautizados agora como gardas da liberdade).[7][8]
O exército do xeneral Concha avanzou cos seus tres batallóns en columnas paralelas.[9] O seu flanco esquerdo axiña ficou baixo o fogo dos gardas civís apostados nas casas. As compañías de cazadores dos batallóns América e de la reina, que avanzaban na vangarda, protexidos polo fogo da artillaría, conseguiron despois de varias tentativas desaloxalos e continuar o avance contra o centro da liña dos sublevados.
Temendo Solís ser flanqueado pola esquerda mentres combatía o avance contra o centro, colocou alí as dúas compañías de voluntarios. Cara a elas se dirixiron inmediatamente as descargas da artillaría de Concha, quen, malia non poder romper a liña conseguiu ir pasando tropas pola esquerda, ameazando a carga coa cabalaría sobre a retagarda, nun lugar no que a pendente do monte era menor.
Vendo a súa inferioridade militar, e a vantaxe que ía acadando o inimigo, Solís ordenou a retirada. Algúns oficiais suxeriron dirixirse a Padrón, onde contaba con municións e unha peza de artillaría chegada de Vigo.[10] Porén, aínda confiando na chegada da división de Rubín decidiu a marcha cara a Santiago. Ordenou o repregue do flanco esquerdo, destacando o 2º batallón de Zamora para cubrir a retirada. Malia isto, a reserva de gardas e licenciados sufriron as cargas da cabalaría inimiga cuxa acción forzou o abandono das vitais reservas de municións da columna.
Chegados os revolucionarios a Santiago, o exército gobernamental debeu deter momentaneamente o seu avance e agardar a chegada de máis tropas. Os reforzos, unha segunda columna que seguía á do xeneral Concha, constaba do 3º batallón do rexemento América, o rexemento provincial de Guadalajara, o 1º batallón do rexemento de la reina, 200 cabalos e 2 pezas de artillaría.[11] As 14 horas as tropas de Concha entraron en Santiago por diferentes puntos, conquistando a cidade en combates rúa por rúa. Os últimos resistentes fixéronse fortes entre os muros do Mosteiro de San Martiño Pinario onde, esgotadas as municións remataron por se render as oito da tarde.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rolland, Eduardo (23 de abril de 2021). "175 anos da Batalla de Cacheiras: o mito da Galicia liberal". GCiencia.
…outros autores prefiren de Montouto, porque en realidade tivo lugar nas ladeiras deste monte
- ↑ "Leoncio Rubín de Celís y Oroña". Real Academia de la Historia. Consultado o 2022-02-16.
- ↑ "Juan do Porto (1869). pp.103-107". Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2021. Consultado o 07 de decembro de 2021.
- ↑ Tettamancy Gastón (1908). pp.221-222
- ↑ "Juan do Porto (1846). pp.189-190". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "Juan do Porto (1846). pp. 183-184". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ Tettamancy Gastón (1908). p.259
- ↑ "Juan do Porto (1846). p.186". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "Juan do Porto (1846). p.190". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "Juan do Porto (1846). p.183". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- ↑ "Juan do Porto (1846). p.187". Arquivado dende o orixinal o 23 de febreiro de 2022. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Porto, Juan do (1846). Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia (en castelán). Madrid: Imprenta de la Viuda de Burgos. Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2021. Consultado o 23 de febreiro de 2022.
- Tettamancy Gastón, Francisco (1908). La revolución gallega de 1846 (en castelán). Imprenta y Fotograbado de Ferrer.
- González López, Emilio (1980). Historia de Galicia. Biblioteca Gallega (Serie Nova) (en castelán). La Voz de Galicia. pp. 633–636. ISBN 84-85287-22-3.
- Parrilla García, José Antonio (1984). Breve Historia de Galicia (banda deseñada) . Caixa Galicia. pp. 52–53. ISBN 84-85620-08-9.
- Villares, Ramón (1991). Historia de Galicia. Biblioteca 114 (en castelán) II. El Correo Gallego. pp. 54–55. ISBN 84-85553-15.
- Obelleiro Piñon, Luís (1997). "Idade contemporánea (século XIX)". Historia xeral de Galicia. A Nosa Terra. p. 327. ISBN 84-89138-99-0.
- Barreiro, X. R. (2007). A gran historia de Galicia. Historia política da Galicia contemporánea. 2. De Isabel II á restauración (1833-1874). Tomo XI. La Voz de Galicia. pp. 87–91. ISBN 978-84-96931-00-8.
- López Carreira, Anselmo (2013). Historia de Galicia. Edicións Xerais de Galicia. p. 221. ISBN 978-84-9914-532-7. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2016. Consultado o 11 de xaneiro de 2018.
- Lema Suárez, Xosé María (2016). A Batalla de Cacheiras. Concello de Teo.