Linux

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Linux
Desenvolvedor A comunidade
Familia de S.O. Software libre
Lanzamento versión 0.01, 17 de setembro de 1991
En galego Si
Espazo de usuario Escritorio táctil, dispositivos móbiles, servizos incorporados, servidores, supercomputadores
Interface de usuario Múltiples interfaces gráficas
Modelo de desenvolvemento Aberto
Núcleo Linux Kernel
Tipo de núcleo Monolítico
Licenza GNU, entre outras
Última versión estable 4.8 (estable, liberada o 2 de outubro de 2016) 2 de outubro de 2016
Estado actual En desenvolvemento
Sitio web kernel.org
Tux (un pingüín) é a mascota oficial de Linux.

Linux é o kernel utilizado nos sistemas GNU/Linux, e que se atopa na súa versión estable 4.8. Atópase baixo a licenza GNU GPL. Linux é unha marca rexistrada que pertence ó seu desenvolvedor orixinal, Linus Torvalds.

Nos últimos dez anos contribuíron ao desenvolvemento do kernel de Linux máis de 1,300 compañías de todo o mundo. As compañías que destacan no apoio ao desenvolvemento e a o patrocinio son Intel, Red Hat, Linaro, Samsung, SUSE, IBM, Renesas, Google, AMD, Texas Instruments e ARM [1]. O versión 4.7 supuxo 12 mil cambios de 1,500 persoas. Destes o 80% dos cambios pertencen a desenvolvedores de compañías como Red Hat ou Intel [2]. Máis do 35% das webs fornécenas sistemas Linux [3]


Orixe[editar | editar a fonte]

UNIX deixou de distribuírse de balde durante os anos 80, cando era o sistema operativo preferido nas universidades. Estas optaron por usar Minix, unha versión barata e limitada creada para o ensino. Linus Torvalds, que por aquel entón estudaba na Universidade de Helsinki, usaba Minix na casa. Pero Torvalds non gustaba das súas limitacións, e comezou a escribir o seu propio sistema operativo como entretemento. O 25 de agosto de 1991, Torvalds anunciou o seu proxecto en usenet e atraeu así a atención de numerosos hackers de todo o mundo. O primeiro que fixo foi o kernel dese sistema operativo, que denominou Linux, e púxoo a disposición pública a través da rede. E en lugar de desenvolver o resto das aplicacións, utilizou software libre xa existente, o que reduciu enormemente a súa tarefa de desenvolver un sistema operativo completo.

Richard Stallman, líder do proxecto GNU que desenvolvera gran parte do software libre que aproveitara Torvalds para o seu sistema, convenceu a este de que liberase o kernel Linux baixo a licenza GNU GPL e o convertese así en software libre. Iso foi a clave da aparición dos sistemas GNU/Linux, e supuxo tamén a entrada de moitos desenvolvedores ao equipo de desenvolvemento do kernel.

A versión 1.0 do núcleo de Linux fíxose pública en marzo de 1994. Desde entón, o kernel continuou a desenvolverse velozmente baixo a "ditadura benévola" de Linus Torvalds, que ten a última palabra sobre o que se modifica ou engade ao núcleo.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Só uns poucos programadores traballan directamente nas funcionalidades básicas do núcleo e moitas destas achegas están feitas por empresas. A maior parte do código constitúena os controladores, dos que hai miles, cada un coas súas particularidades. Como non interactúan entre eles, senón co núcleo, o desenvolvemento de código para que funcionen déixase a colaboradores voluntarios que vexan a necesidade de utilizar dispositivos que necesiten deses controladores. Isto permite que Linux se probe efectivamente en moitos sistemas moi variados pero trae o inconveniente de que, en xeral, hai que esperar semanas ou ata meses a que un dispositivo acabado de saír ao mercado podía ser usado –en parte tamén porque moitas empresas non queren desvendar o funcionamento interno dos seus produtos, aínda que isto sucede cada vez menos–.

O factor principal no proceso de desenvolvemento de Linux é que o código fonte está dispoñible publicamente baixo unha licenza que permite a súa modificación e distribución libre. Por esta razón, ao poder ser visto por moita xente, se se atopa un problema resulta máis doado solucionalo e se falta unha funcionalidade pódese engadir.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]