Jack Dongarra
Jack J. Dongarra, nado en Chicago (Illinois) o 18 de xullo de 1950, é un profesor emérito de Enxeñaría Informática no Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática na Universidade de Tennessee.[1] É membro investigador distinguido na división de Enxeñaría informática e matemáticas no Laboratorio Nacional de Oak Ridge, e é profesor adxunto no departamento de Enxeñaría informática da Universidade Rice. Dongarra é asociado do programa Turing nas escolas de Informática e Matemática na Universidade de Mánchester. É profesor asociado na Texas A&M University.[2] Dongarra é o director e fundador do Innovative Computing Laboratory (Laboratorio de Informática Innovadora) da Universidade de Tennessee.[3]
Educación
[editar | editar a fonte]Dongarra recibiu un Bachelor of Science en Matemáticas da Universidade Estatal de Chicago en 1972 e un máster en Enxeñaría informática no Instituto de Tecnoloxía de Illinois en 1973. Recibiu o seu doutoramento en Matemática Aplicada da Universidade do Novo México en 1980 baixo a supervisión de Cleve Moer.[4] Traballou no Argonne National Laboratory até 1989.
Un dos seus referentes foi Juan Viaño, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que o introduciu aos métodos de resolución de sistemas máis novos[Cómpre referencia].
Investigación
[editar | editar a fonte]Especialízase en algoritmos numéricos en álxebra lineal, computación paralela, o uso de arquitecturas de computación avanzadas, metodoloxías de programación, e ferramentas para a computación paralela. A súa procura inclúe o desenvolvemento, proba e documentación de software matemático de alta calidade.
Deseño de software
[editar | editar a fonte]Contribuíu ao deseño e implementación dos seguintes paquetes e sistemas de software de código aberto:
EISPACK, LINPACK, Basic Linear Algebra Subprograms (BLAS), Linear Algebra Package (LAPACK), ScaLAPACK, Parallel Virtual Machine (PVM), Message Passing Interface (MPI), NetSolve, TOP500, Automatically Tuned Linear Algebra Software (ATLAS), High-Performance Conjugate Gradient (HPCG) e Performance Application Programming Interface (PAPI).[5][6][7]
Con Eric Grosse, Dongarra foi pioneiro na distribución por correo electrónico e na web de código numérico de código aberto recollido en Netlib.
Publicacións
[editar | editar a fonte]Jack Dongarra publicou aproximadamente 300 artigos, papers, informes e memorandos técnicos, e é coautor de varios libros. Mantén cargos no Laboratorio Nacional de Oak Ridge e na Universidade de Manchester, onde exerceu como Turing Fellow desde 2007.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 2004 recibiu o premio IEEE Sid Fernbach polas súas contribucións na aplicación de ordenadores de alto rendemento mediante enfoques innovadores.[8] En 2008, recibiu a primeira Medalla de Excelencia IEEE en Computación escalable.[9] En 2010, Dongarra foi o primeiro destinatario do premio SIAM Activity Group on Supercomputing Career Prize.[10] En 2013, recibiu o Premio ACM/IEEE Ken Kennedy polo seu liderado no deseño e promoción de estándares para software matemático utilizado para resolver problemas numéricos comúns á computación de alto rendemento.[11] En 2019, Dongarra recibiu o Premio SIAM/ACM en Ciencia Computacional. En 2020, recibiu o IEEE Computer Pioneer Award polo liderado na área de software matemático de alto rendemento.[12]
É membro do AAAS, do ACM, do SIAM, do IEEE, da Academia Nacional de Enxeñaría dos Estados Unidos, e membro externo da Academia de Ciencias de Rusia.
Dongarra recibiu o Premio Turing 2021 "por conceptos e métodos pioneiros que resultaron en cálculos que cambiaron o mundo". Considérase que os seus algoritmos e software impulsaron o crecemento da computación de alto rendemento e tiveron impactos significativos en moitas áreas da ciencia computacional como a intelixencia artificial.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ eecs.utk.edu
- ↑ "Dr. Jack Dongarra — Hagler Institute for Advanced Study at Texas A&M University". Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2017. Consultado o 20 de setembro de 2017.
- ↑ "Innovative Computing Laboratory – Academic Research in Enabling Technology and High Performance Computing". Icl.cs.utk.edu. Consultado o 14 de xullo de 2012.
- ↑ Jack Dongarra no Mathematics Genealogy Project.
- ↑ "New HPC Benchmark Delivers Promising Results". HPCWire. 26 de xuño de 2014. Consultado o 8 de septembro de 2014.
- ↑ Dongarra, Jack (xuño de 2013). "Toward a New Metric for Ranking High Performance Computing Systems" (PDF). Sandia National Laboratory. Consultado o 4 de xullo de 2016.
- ↑ Gabriel, E.; Fagg, G. E.; Bosilca, G.; Angskun, T.; Dongarra, J. J.; Squyres, J. M.; Sahay, V.; Kambadur, P.; Barrett, B. (2004). "Open MPI: Goals, Concept, and Design of a Next Generation MPI Implementation". Recent Advances in Parallel Virtual Machine and Message Passing Interface 3241. p. 97. ISBN 978-3-540-23163-9. doi:10.1007/978-3-540-30218-6_19.
- ↑ "Premio Sidney Fernbach; IEEE CS". Consultado o 31-3-2022.
- ↑ "Jack Dongarra Wins Computer Pioneer Award ; IEEE Computer Society" (en inglés). Consultado o 2022-04-12.
- ↑ "SIAM Activity Group on Supercomputing Career Prize". www.siam.org (en inglés). Consultado o 2022-04-12.
- ↑ "IEEE Computer Society; Jack Dongarra recibirá o premio Ken Kennedy por tecnoloxías de software". 8 de outubro de 2013. Consultado o 31 de marzo de 2022.
- ↑ "2020 IEEE Computer Society; Jack Dongarra". 14 de xaneiro de 2020. Consultado o 31 de marzo de 2022.
- ↑ "Jack Dongarra da Universidade de Tennessee recibe 2021 ACM A.M. Premio Turing". awards.acm.org. Consultado o 30 de marzo de 2022.