Tim Berners-Lee

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Tim Berners-Lee
Tim Berners-Lee.jpg
Timothy John Berners-Lee
Datos persoais
Nacemento 8 de xuño de 1955 (61 anos)[1]
Lugar Londres Reino Unido Reino Unido
Residencia Cambridge, Massachusetts, Estados Unidos
Nacionalidade Británico
Actividade
Campo Ciencias da computación
Alma máter The Queen's College, Oxford
Contribucións e premios
Coñecido por Crear a Web (www)
Premios

Timothy John Berners-Lee, coñecido como Tim Berners-Lee, nado en Londres o 8 de xuño de 1955[1] é un enxeñeiro informático británico e profesor do MIT, creador da World Wide Web (WWW) e actual director do World Wide Web Consortium.

Estableceu a primeira comunicación entre un cliente e un servidor usando o protocolo HTTP en novembro de 1989. En outubro de 1994 fundou o Consorcio da World Wide Web (W3C) con sede no MIT, para supervisar e estandarizar o desenvolvemento das tecnoloxías sobre as que se fundamenta a Web e que permiten o funcionamento de Internet.

Ante a necesidade de distribuír e intercambiar información sobre as súas investigacións dun xeito máis efectivo, Berners-Le desenvolveu as ideas fundamentais que estructuran a web. El e o seu grupo crearon o que, polas súas siglas en inglés, se denomina Linguaxe HTML (HyperText Markup Language) ou linguaxe de etiquetas de hipertexto, o protocolo HTTP (HyperText Transfer Protocol) e o sistema de localización de obxectos na web URL (Uniform Resource Locator).

É posible atopar moitas das ideas plasmadas por Berners-Lee no proxecto Xanadú que propuxo Ted Nelson, e o memex de Vannevar Bush.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Os seus pais, matemáticos ambos os dous, traballaron xuntos no equipo que construíu o Manchester Mark I, un dos primeiros computadores. Ensináronlle a empregar as matemáticas en todas partes, mesmo cando comían. Estudou no Queen's College da Universidade de Oxford, onde construíu un computador cun soldador, un circuíto integrado TTL, un procesador M7800 e un televisor vello. Prohibíuselle o acceso ao ordenador da universidade a raiz de telo atopado "hackeando" cun amigo.

Desde 1976 traballou en Poole como programador nunha empresa dedicada aos semáforos coa súa muller, a quen coñecera en Oxford. Dous anos máis tarde mudou para outra empresa, para a que escribiu un sistema operativo e un programa de maquetación.

World Wide Web[editar | editar a fonte]

Placa conmemorativa nas oficinas do CERN onde naceu a World Wide Web.

Mentres traballaba como autónomo para o CERN en 1980, Berners-Lee propuxo un proxecto baseado no concepto do hipertexto para facilitar o proceso de compartición e actualización de información entre investigadores. Elaborou un prototipo chamado ENQUIRE sobre o cal desembolvio o concepto da web de hoxe en día.[2]

Volveu ao CERN catro anos máis tarde, xa cun contrato. En 1989 o CERN era o nodo de internet máis grande de Europa e Berners-Lee viu a oportunidade de unir o hipertexto coa internet. Enviou unha proposta na que ligaba os conceptos de hipertexto, TCP e DNS. A proposta foi aceptada polo CERN, comezando os traballos en 1990 en dúas oficinas: unha no edificio 31 no Departamento de Computación e Creación de Redes (Computing and Networking Division: CN), e outra no edificio 2 no Departamento de Electrónica e Computación para a Física (Electronics and Computing for Physics Division: ECP). Os dous equipos de traballo xuntáronse en 1991 nas oficinas do segundo na ECP para rematar o traballo, creando o primeiro navegador web e editor, chamado World Wide Web, en NEXTSTEP e o primeiro servidor web, chamado httpd. Os responsables deste descubrimento foron os membros do CERN, Tim Berners-Lee e Robert Cailliau, axudados por gran número de colaboradores, fellows, estudantes técnicos e estudantes de verano[3].

O primeiro sitio web aloxouse en http://info.cern.ch e entrou en liña o 6 de agosto de 1991. Explicaba o concepto da Tea de Araña Mundial, como se podía navegar e como se instalaba un servidor web. Incluía o primeiro directorio web, xa que Berners-Lee mantiña unha lista doutros sitios web á parte do seu propio.

A finais de 1994, Berners-Lee deixou o CERN para fundar o Consorcio da Rede Mundial (W3C), unha organización a nivel mundial co obxectivo de desenvolver plenamente todo o potencial da Web. O W3C fundouse coa axuda do CERN, a Comisión Europea, o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (Massachusetts Institute of Technology: MIT), o Instituto Nacional francés para a investigación en Informática e en Automática (Institut National pour la Recherche en Informatique et en Automatique: INRIA) e a Axencia americana para proxectos de investigación avanzada (Advanced Research Projects Agency: ARPA)[3]. Tamén participaron varias empresas dispostas a crear padróns e recomendacións que mellorasen a calidade da Web.

Tim Berners-Lee e Robert Cailliau recibiron en 1995 o ACM Software System Award pola creación da World Wide Web. No ano 2004, Tim Berners-Lee foi o primeiro galardoado en recibir o Millenium Technology Prize outorgado pola Fundación para os premios fineses de tecnoloxía[3]. Nese mesmo ano aceptou unha cátedra en Informática na Escola de Electrónica e Informática da Universidade de Southampton, desde a que traballa no seu novo proxecto, a Rede Semántica.

O 30 de abril de 1993 o CERN, propietario do invento da WWW, puxo o software desta no dominio público co obxectivo de maximizar a súa propagación[4]. O Consorcio da Rede Mundial insiste en que os seus padróns deben estar baseados en tecnoloxía libre de cargos, de maneira que poida ser adoptada por calquera persoa.

Outros premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Berners-Lee biografia en the World Wide Web Consortium" (en inglés). 2009. Consultado o 31/05/2015. 
  2. "Las bodas de plata de la Web: 25 años de una idea que cambió el mundo" (en inglés). Consultado o 26 de decembro do 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Información tirada da placa conmemorativa situada no corredor das oficinas onde foi creada a WWW (véxase a imaxe nesta mesma sección).
  4. Marina Giampietro (30/04/2013). "Twenty years of a free, open web" (en inglés). CERN. Consultado o 5 de outubro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tim Berners-Lee

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]