Información

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Icona de información.

En sentido xeral, a información é un conxunto organizado de datos, que constitúen unha mensaxe sobre un determinado ente ou fenómeno. Desta maneira, se por exemplo organizamos datos sobre un país (número de habitantes, densidade de poboación, nome do presidente, etc.) e escribimos por exemplo, o capítulo dun libro, podemos dicir que ese capítulo constitúe información sobre ese país.

Cando temos que resolver un determinado problema ou temos que tomar unha decisión, empregamos diversas fontes de información (como podería ser o capítulo mencionado deste imaxinario libro), e construímos o que en xeral se denomina coñecemento ou información organizada que permite a resolución de problemas ou a toma de decisións (ver apartado sobre coñecemento).

Segundo outro punto de vista, a información é un fenómeno que proporciona significado ou sentido ás cousas, e indica mediante códigos e conxuntos de datos, os modelos do pensamento humano. A información, por tanto, procesa e xera o coñecemento humano. Aínda que moitos seres vivos se comunican transmitindo información para a súa supervivencia, a diferenza dos seres humanos radica na súa capacidade de xerar e perfeccionar tanto códigos como símbolos con significados que conformaron linguaxes comúns útiles para a convivencia en sociedade, a partir do establecemento de sistemas de sinais e linguaxes para a comunicación.

Os datos percíbense mediante os sentidos, estes os integran e xeran a información necesaria para producir o coñecemento que é o que finalmente permite tomar decisións para realizar as accións cotiás que aseguran a existencia social. A sabedoría consiste en xulgar correctamente cando, como, onde e con que obxectivo empregar o coñecemento adquirido.

O ser humano logrou simbolizar os datos en forma representativa (linguaxe) para posibilitar o coñecemento de algo concreto e creou as formas de almacenar e utilizar o coñecemento representado.

Existe unha relación indisoluble entre os datos, a información, o coñecemento, o pensamento e a linguaxe, polo que unha mellor comprensión dos conceptos sobre información redundará nun aumento do coñecemento, ampliando así as posibilidades do pensamento humano, que tamén emprega a linguaxe -oral, escrita, xesticular, etc.-, e un sistema de sinais e símbolos interrelacionados.

Historia da información[editar | editar a fonte]

Na Idade Media o almacenamento, acceso e uso limitado da información realizábase nas bibliotecas dos mosteiros entre os séculos III e XV.

Na Idade Moderna, coa invención dos tipos móbiles por parte de Johann Gutenberg e a posterior aplicación na imprenta, os libros podían fabricarse en serie. Xorden as primeiras publicacións periódicas.

No século XX, Claude E. Shannon, un enxeñeiro nado en Michigan en 1916, publicou en 1948 algúns traballos relacionados co tratamento da información (teoría da información). Durante este século irrompe a radio, a televisión e Internet.

James Watson e Francis Crick descubriron os principios dos códigos do ADN, que forman un sistema de información a partir da dobre espiral de ADN e a forma en que traballan os xenes.

Nos anos 40, Jeremy Campbell, definiu o termo información desde unha perspectiva científica, no contexto da era da comunicación electrónica.

Norbert Wiener, pai da cibernética, encargouse de "manter a orde" en calquera sistema natural ou artificial. Estes avances deron lugar a unha nova etapa no desenvolvemento da tecnoloxía, na que moitos científicos se inspiraron para facer os seus propios aportes á teoría da información.

Actualmente, xa no século XXI, nun curto período de tempo, o mundo desenvolvido propúxose acadar a globalización do acceso ós enormes volumes de información existentes en medios cada vez máis complexos, con capacidades ascendentes de almacenamento e en soportes cada vez máis reducidos. A proliferación de redes de transmisión de datos e información, de bases de datos con acceso en liña, situadas en calquera lugar, localizables mediante Internet, permiten o achado de outras redes e centros de información de diferentes tipos en calquera momento desde calquera lugar.

ProcesamientoDatos.svg

Función da información[editar | editar a fonte]

  • Aumentar o coñecemento do usuario.
  • Proporcionar a quen Toma de decisións a materia prima fundamental para o desenvolvemento de solucións e a elección.
  • Proporcionar unha serie de regras de avaliación e regras de decisión para fins de control.

En relación co terceiro punto, a Información como vía para chegar ó Coñecemento, debe de ser elaborada para facela utilizable ou dispoñible. Este proceso empírico chámase Documentación, que ten métodos e ferramentas propios. A cantidade de información e o coñecemento desenvolvido, aparentemente é enorme e ten unha metodoloxía de recuperación, que eventualmente é infinita ou total nun número moi amplo de soportes e sitios e o modelo sistémico de recuperación debe maximizar a busca para asegurar a súa captura o máis completa posible dentro da contorna deste sistema complexo. No caso de buscas en Internet e usando dous ou máis descritores, os resultados numéricos que dan os motores de busca, que conteñan os dous ou máis termos xuntos ou moi próximos, xa é unha medida da cantidade de información conseguida e que é en expresión matemática o ln ou logaritmo natural da suma das interaccións validadas. Valores de 2 ou 3 serán óptimos.

A información como tal non ten funcións, pois estas son o funcionamento de algo, de modo que estas funcións soamente son propias de quen emprega e manexa a información. Pero tamén é imposible que a información dote ó individuo de máis coñecemento, é el quen valora o significativo da información, organízaa e convértea en coñecemento. Non é a información de modo directo. O dato, en si, é un "afixo" da información, por así chamalo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Información

Outros artigos[editar | editar a fonte]