Computadora de escritorio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración dunha computadora de escritorio.

Computadora de escritorio (do inglés desktop computer), tamén coñecida coma ordenador de escritorio ou computador de escritorio, é unha computadora persoal pensada para colocarse de xeito permanente nun escritorio, aínda que pode trasladarse. Computadora de escritorio fai referencia a un tipo concreto de computadora, basicamente para distinguirse dos portátiles, os servidores, as PDAs ou os grandes mainframes. Caracterízanse xeralmente por seren máis personalizables que os portátiles no que ao hardware se refire. As computadoras de escritorio están dispoñibles en modelos dende as altas torres ata modelos de tamaño reducido que poden situarse tras dos monitores LCD. Nese sentido, o termo "escritorio" fai referencia especificamente a unha orientada horizontalmente, normalmente pensada para levar o monitor enriba e así aforrar espazo no escritorio.

Funcionalidade[editar | editar a fonte]

As computadoras de uso doméstico adoitan estar adicadas ao lecer (multimedia, videoxogos etc.) e a tarefas domésticas (contabilidade caseira, documentos de texto etc.). Estas computadoras carecen de xestión e mantemento xa que adoitan ser tarefas de pouca importancia para un particular.

Porén, a situación é completamente distinta no ámbito empresarial, no que a computadora de escritorio é a ferramenta de traballo por excelencia. Trátase dun elemento moi importante para a marcha do negocio. O uso que se fai das computadoras de escritorio está normalmente relacionado coas tarefas produtivas e administrativas dos empregados: elaboración de informes, presentacións, memorandos, comunicación con outras empresas, contabilidade, xestión de tarefas etc. Por esta razón, a computadora de escritorio adoita ser adecuadamente xestionada nun ámbito empresarial. Obsérvese que mentres que un particular terá ao redor dunha ou dúas computadoras, unha empresa pode ter un parque de centos ou mesmo milleiros de computadoras persoais.

Todo nun[editar | editar a fonte]

As computadoras todo nun son computadoras de escritorio que combinan o monitor e maila CPU nun mesmo aparello. Apple manufacturou bastantes exemplos moi populares de computadoras todo nun, coma o Macintosh orixinal, de mediados dos oitenta, e o iMac dos noventa e o século XXI. Algunhas computadoras vellas de 8 bits, coma o Commodore PET 2001 ou o Kaypro II tamén encaixan nesta categoría. As computadoras todo nun adoitan ser máis fáciles de transportar que outras computadoras de escritorio, e moitas foron xa construídas con asas integradas na caixa. Poden ser simplemente desconectadas e transportadas ata unha nova localización.

Así e todo, coma no caso dos portátiles, as computadoras de escritorio todo nun non adoitan deixar lugar a melloras ou personalizacións de hardware, xa que o hardware interno adoita estar tras a pantalla. É máis, no caso dos iMac, dende o 2002 o procesador e outras pezas de hardware internas, na súa maioría, están ligadas de forma permanente á placa base para aforrar espazo.

Comparación con portátiles[editar | editar a fonte]

Computadora de escritorio cunha serie de periféricos habituais (monitor, teclado, rato, altofalantes, micrófono e impresora).

Ademais de que as características técnicas adoitan ser superiores, as computadoras de escritorio teñen sobre os portátiles a vantaxe de que os compoñentes adoitan seguir un estándar, o que supón prezos máis baixos e maior dispoñibilidade. Por exemplo, a forma da placa base está estandarizada, como as ATX. As computadoras de escritorio contan con numerosos e variados slots de expansión, coma os PCI ou os PCI express, mentres que os portátiles adoitan ter soamente un slot mini PCI e outro PC card (ou ExpressCard). Isto quere dicir que unha computadora de escritorio pode personalizarse e actualizarse con melloras de hardware nun maior nivel do que os portátiles permiten. Así mesmo, os procedementos para incorporar novas pezas á computadora de escritorio adoitan ser máis simples e estándar que nos casos dos portátiles.

Outra vantaxe das computadoras de escritorio é que o consumo de enerxía non é tan importante coma o é no caso dos portátiles pois a computadora de escritorio conéctase a un enchufe. Ademais, as computadoras de escritorio fornecen máis espazo para que a calor se disipe. As dúas grandes marcas de procesadores, Intel e AMD, desenvolven procesadores especiais para portátiles que consomen menos enerxía e se quentan menos, pero que renden menos tamén.

Efectos na saúde[editar | editar a fonte]

As pantallas e teclados de computadora descoidados poden ocasionar problemas coma fatiga ocular e lesións por esforzo reiterado de usarse o teclado durante moito tempo. Non se recomenda o uso dun teclado na altura habitual dun escritorio, e situar o monitor enriba da caixa pode provocar graves problemas de postura.ç

Vida útil[editar | editar a fonte]

Os avances tecnolóxicos destes últimos anos propiciaron a caída de prezos das computadoras, pero tamén acurtaron a súa vida útil. Os sistemas operativos e os propios programas consomen cada vez máis recursos, o que sitúa a vida útil arredor do ano. Aínda así, a vida das computadoras pode alongarse coa instalación de sistemas lixeiros (como é o caso dun gran número de distribucións de Linux) que malia a estar ao día, fan un mellor aproveitamento dos recursos.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]