Lacón con grelos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lacón con grelos
[[Image:
Lacón con grelos. Lacón e cachucha.
Lacón con grelos. Chourizos, androlla, tenreira, grelos e patacas.
Lacón con grelos. Lacón e cachucha (enriba). Chourizos, androlla, tenreira, grelos e patacas (abaixo).|center|220px]]
NomeLacón con grelos
Outros nomesLacoada
Lugar de orixeGalicia Galicia
IngredientesCarne, grelos, cachucha, chourizos, androlla e patacas.

O lacón con grelos, tamén denominado lacoada, é un prato de carne típico da gastronomía de Galicia.

É unha variedade de cocido, con lacón (ás veces tamén cachucha, ou con orella de porco, ou costelas deste animal) chourizos, patacas cocidas enteiras (cachelos) e grelos (ou, antes de fin de ano, nabizas).

É un dos pratos máis representativos deste país.

Segundo Cunqueiro, "O lacón con grelos impúxose, xa é o prato maior da cociña galega".[1]

E para Jorge-Víctor Sueiro, "El lacón con grelos es, con la allada (ajada), lo más universal de la cocina gallega".[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O lacón con grelos nos seus inicios comíase sobre todo durante a celebración do entroido, ao ser esta a mellor época para os grelos.

Pero máis tarde estendeu o seu período de consumo desde o San Martiño (11 de novembro) até o martes de Entroido ou martes lardeiro. Nos meses de inverno ofértase nos restaurantes, nas tabernas, e cómese nas casas particulares e, cando uns amigos deciden un xantar comunal, fan unha laconada.[3]

E cos novos hábitos de cultivar determinadas plantas case todo o ano, e coas novas técnicas de conservación, combinando nabizas e grelos, hoxe xa é posíbel encontrar este suculento manxar diariamente en moitos restaurantes galegos e nalgúns do resto de España.[4]

Elaboración[editar | editar a fonte]

Grelos, as segundas follas do nabo (especie Brassica rapa).

O seus principais ingredientes son o lacón e os grelos, brotes do nabo (grelos) en cuco extremo aparecen as flores. A súa aparencia é a dun caule máis ou menos groso, do que saen algunhas follas e, no ápice, as flores. Acompáñase o cocido con chourizo e cachelos e ás *ceces, con orella ou cachucha, e touciño (se o lacón non ten demasiado, e é do gusto dos comensais).

Comeza cocéndose o lacón, unha hora despois de que a auga da ola estea fervendo, os grelos [5] e, algo máis tarde, as patacas e os chourizos.

Outras formas de comer o lacón con grelos[editar | editar a fonte]

Algúns prefiren comer o lacón frío. "Si lográsemos que o serviran así, con puré de castañas, máis ben espeso!", pedía Cunqueiro.[6] O lacón está moi ben frío, só ou acompañado duns grelos, estes quentes. Tamén, xa frío, pódese prensar, mechar e trufar, "que é receta de moito señorío de Lugo, e aínda se pode pedir nalgún restaurante da cidade"[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cunqueiro, Álvaro (1973): A cociña galega. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-181-5, páx. 47.
  2. Sueiro, Víctor-Jorge (1981): Comer en Galicia. Madrid: Penthalon Ediciones. Col. "Textos lúdicos de Pantagruel". ISBN 84-85337-32-8, páx. 152.
  3. Cunqueiro, A., Op. cit., páx. 44.
  4. Sueiro, J.-V., Op. cit., páx. 152.
  5. Se os grelos son de Monfero ou de Lugo, convén escaldalos antes de metelos na ola onde coce o lacón para quitarlles o exceso de amargor; de seren de Santiago, non é necesaria esta operación.
  6. 6,0 6,1 Cunqueiro, A., Op. cit., páx. 48.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazón externas[editar | editar a fonte]