Literatura galega do Prerrexurdimento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serie de artigos sobre a
Literatura galega
Cantigas de Santa María.
Medieval
Séculos Escuros
Prerrexurdimento
Rexurdimento
Intersecular
Século XX
do exilio
Actual

Tradicionalmente, denomínase Prerrexurdimento o espazo de tempo transcorrido entre 1808 -ano do comezo da guerra contra o francés (1808-1814)- e 1863 (data da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro).

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

O primeiro feito histórico que influirá na literatura do século XIX foi a guerra de independencia contra os franceses. Xa desde o ano 1805, Napoleón Bonaparte entrou en negociacións co Primeiro Ministro español Manuel Godoy, co obxectivo de formar unha alianza hispano-francesa que tivese como finalidade última a repartición da totalidade de Portugal entre os Bonaparte e Godoy. Froito desta alianza, asínase en 1807 o Tratado de Fontainebleau. Nun dos puntos deste tratado, recóllese a permisividade do goberno español coas tropas francesas, as cales tiñan o consentimento da coroa española para cruzar España "de camiño" á invasión lusa.

Mais Napoleón, coñecido por ser un grande estratego, aproveitou esta circunstancia para tomar o territorio español e colocar no trono ao seu irmán Xosé I, alcuñado "Pepe Botella". A partir deste momento, comezou a chamada guerra contra o francés, a cal abranguerá desde 1808 ata 1814. Durante o transcurso deste conflito bélico, Galiza ficou illada e autónoma, posto que o país ficou gobernado pola Xunta Suprema do Reino de Galicia.

En 1812, baixo as correntes liberalistas traídas de Francia, é aprobada nas Cortes de Cádiz a primeira Constitución Española, coñecida popularmente como "A Pepa", por saír á luz o 19 de Marzo, día de San Xosé.

Mais en 1814, coa derrota napoleónica, volven os Borbóns ao trono español, concretamente Fernando VII, a través do Tratado de Valençay. Influído polo Manifesto dos Persas (1814), o novo monarca suprime as Cortes de Cádiz e mais a Constitución de 1812, levando novamente o imperio español polos vieiros do absolutismo. E así será ata 1820, ano no que o pronunciamento do xeneral Rafael del Riego obriga a Fernando VII a xurar a Constitución de Cádiz. Así, entre 1820 e 1823 terá lugar o chamado Trienio Liberal, durante o cal se retomaron as resolucións das Cortes de Cádiz e quedou abolida a Inquisición. Mais en 1823, Fernando VII pediulle axuda aos Cen mil fillos de Sal Luís (un exército francés ás ordes da Santa Alianza) para restabelecer o absolutismo.

En 1833, o ministro español Javier de Burgos leva a termo a nova división territorial do Estado español, coa cal pretendía potenciar o centralismo. A dita reforma propiciou que Galiza pasase de ter sete a catro provincias e que perdese (en favor de Castela e Asturias) parte do seu territorio.

Nese mesmo ano de 1833, prodúcese o pasamento de Fernando VII. Debido a que a súa filla Isabel, naquel momento, contaba con tan só tres anos, o goberno quedou ao cargo da súa esposa, María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias. En 1840, tomaría o relevo no goberno o xeneral Baldomero Espartero, quen desempeñou a súa rexencia ata 1843, ano no que sobe ao trono (con tan só trece anos) a raíña Isabel II.

Precisamente, froito da desconformidade co goberno desta raíña, nacerá en Galiza o movemento do Provincialismo. Trátase dun grupo de homes moi novos, liderados por Antolín Faraldo, de ideoloxía liberal e que pretendían restabelecer a unidade provincial galega e mais a maior autonomía da que gozou o país durante a guerra contra o francés. En 1846, prodúcese o levantamento progresista de Miguel Solís, cuxo desenlace tráxico culminou no axustizamento dos mártires de Carral.

O 2 de marzo de 1856, tivo lugar, no concello de Conxo, o chamado Banquete de Conxo, no cal comparten mesa e mantel, por primeira vez, estudantes e obreiros e artesáns. Entre os estudantes, destacaba a presenza do poeta Aurelio Aguirre e mais dun novísimo Eduardo Pondal, quen recitou algúns poemas da súa autoría escritos en lingua española.

Derivado deste espírito progresista e de valoración da terra, no ano 1861 celébranse na cidade da Coruña os primeiros Xogos Florais galegos, organizados por iniciativa de José Pascual López Cortón. Estas celebracións, xurdidas por imitación dos Jocs Florals cataláns, tiveron grande repercusión no ámbito literario e político.

Primeira fase: literatura de circunstancias (1808-1840)[editar | editar a fonte]

Deste primeiro período hai unha abondosa cantidade de textos cuxo contido é máis utilitarista e instrumental que literario, causa tamén de que estean en galego e non en castelán. Estes escritos estaban na súa maioría, xa que logo, fortemente vinculados ao contexto sociopolítico da época. Así, a guerra contra o francés e mais o confronto entre os conservadores e os liberais (que deriva no debate do constitucionalismo) serán as temáticas dominantes nesta fase.

O primeiro documento "literario" do Prerrexurdimento do que hai noticia é unha Carta-Representación, asinada por Pedro Cima de Vila, na que os veciños do concello ourensán de Pontedeva lle piden ao rei Carlos IV que elimine a presión fiscal que viña exercendo sobre a comercialización e consumo do viño.[1] Con todo, cómpre lembrar que o concepto do que é ou non literario varía co paso do tempo, e que as cartas forman parte do estudo literario desta época.

Proezas de Galicia MDCCCX (PDF).

Por outra parte, debido a que a citada guerra contra o francés foi acollida en Galiza cunha certa indiferenza, polo menos ata 1809, apareceron numerosos textos (que circulaban en follas voantes) cuxo obxectivo era captar homes mozos que puidesen combater na fronte contra o exército galo. Un deles foi o poema anónimo Un labrador que foi sarxento aos soldados do novo alistamento (1808). Por outra parte, sábese por testemuñas indirectas que existiron un grande número de obras teatrais de tema patriótico, concibidas coa mesma finalidade. Actualmente estas pezas están perdidas.

En 1810, ve a luz a obra de Xosé Fernández de Neira Proezas de Galicia. Esta obra, escrita baixo a forma do diálogo, conta con dúas personaxes in praesentiae (Chinto e Mingote) que narran, a través dás súas conversas, a guerra napoleónica. Pese a que os galos aparecen caracterizados con trazos negativos, non existe unha idealización dos galegos, polo que non se poden entender as Proezas de Galicia como un texto épico.

En 1812, o liberal Antonio Benito Fandiño, durante unha das súas varias estadías no presidio, escribiu a obra teatral A Casamenteira. A peza narra a historia dun amor (o de Perucho e Técola) roto polos intereses sociais e económicos de Xan Rouco (pai de Perucho), e da tía Goras (a casamenteira). Estas dúas últimas personaxes, concertan o casamento entre Perucho e a Dominga (amante do crego). Finalmente, Técola, nunha demostración de integridade feminina, rexeita un outro casamento que a tía Goras lle ofrece no final da peza. Pese a datar de 1812, A Casamenteira non foi publicada ata 1849, ano no que lle foi realizada unha homenaxe en Ourense a Fandiño.

Rogos de un escolar gallego a Virxê do Bo Acerto para que libre a terra da Inquisición, 1841 (en PDF).

Continuando co xénero dramático, sábese que serían desta época as dúas pezas das que dá fe Galo Salinas na súa Memoria acerca de la Dramática Gallega (1896), das cales unha leva por título O Pleito do Gallego. A outra, carente de titulación, constitúe unha sátira contra os liberais de 1812, e estaría ambientada en Tui. Igualmente, Leandro Carré Alvarellos deu nome de dúas pezas máis: Conversa entre os Arrieiros Cosme da Grouxa, Marcos Rielo e Roque de Arán e mais O Litigante Labrador, de Ramón Varela. Todos estes testemuños teatrais están perdidos a día de hoxe.

Volvendo á creación poética desta primeira fase, é obrigado facer referencia ao romance Os Rogos dun Gallego, da autoría de Manuel Pardo de Andrade. Este poema, constitúe un das máis feras alegacións en contra da Inquisición.

Antagónica deste texto é a Carta a un Liberal, artigo publicado o 23 de Abril de 1813 no periódico Estafeta de Santiago, asinado por "El paysano católico y decidido, Presidente. Por su mandado el ciudanano, Secretario". Trátase dunha máis que fera crítica a un liberal e, por extensión, a toda a ideoloxía do liberalismo.

Por outra parte, o 22 de Abril de 1814, segundo Ramón Mariño Paz, apareceu publicado no xornal El Ciudadano por la Constitución un romance no que se critica a inxenuidade dos liberais que crían que Fernando VII ía manter os postulados da Constitución de 1812. Este poema dubídase se é da autoría de Antonio Benito Fandiño ou de Manuel Pardo de Andrade.

Datan de 1820, segundo Xosé María Álvarez Blázquez, os versos dun poema de longo título, coñecidos como o Aniversario Constitucional, os cales supoñen unha loanza da Constitución de Cádiz e das liberdades recuperadas, en pleno Trienio Liberal.

Diálogo entre dos labradores.[2]

De 1821, serían uns comentarios escritos en lingua galega que aparecen nas Condiciones y Semblanzas de los Diputados a Cortes para la Legislatura de 1820 a 1821. No 1823, aparecerían publicados dous poemas en galego no xornal Diario Constitucional de La Coruña, nos que se critica aos insurrectos do Val do Burón. E, no xornal El Fiscal de los Jueces, editado na Coruña entre 1821 e 1822, todos os números publicados estaban encabezados por unhas cuartetas (composición de catro versos) escritas en galego.

Por outra parte, fóra desta temática política, están as composicións de Nicomedes Pastor Díaz Alborada e mais a Égloga de Belmiro e Benigno. Trátase de dúas poesías de xuventude, escritas por un Pastor Díaz de tan só catorce anos, e que pouco terá que ver co afamado poeta en lingua española no que se converterá anos máis tarde.

A anónima Letrilla aos rexios desposorios de S.M., datada en 1829, atribúese a Vicente Turnes.

A partir de 1820, e sobre todo na década de 1830, contará cun grandísimo auxe o xénero do diálogo, particularmente en Santiago de Compostela e nas súas proximidades. Nel se presenta a xente do rural conversando entre si, e de cuxas parrafadas sempre saíra de maneira indirecta unha gabanza á Contitución de Cádiz e ao liberalismo. Tratábase dunha estratexia dos liberais para difundir o seu ideario sen recibir ningún tipo de represalias, posto que os diálogos eran anónimos e se presentaban como reais (aínda que, da súa lectura, se deduce a súa artificialidade). No ano 1820 verían a luz os diálogos Tertulia na Quintana e o Diálogo entre Dominjos e Farruco; en 1823, aparecería o Diálogo entre dos Labradores Gallegos Afligidos y un Abogado Instruído de Pedro Boado Sánchez; en 1836, a Parola de Cacheiras e entre 1836 e 1837 os Diálogos na Alameda de Santiago, as Tertulias de Picaños e o Coloquio na Pontella Chaínsa. Tamén serían diálogos desta época o Diálogo entre Gorecho e Mingos, a Tertulio dos Concheiros e O Pleiteante Gallego.

Segunda fase: os precursores (1840-1863)[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Precursores.

A partir de 1840, seguramente por unha influencia directa do movemento do Provincialismo, xurdirán numerosos poemas escritos en galego na prensa do país.Comeza a verse a lingua galega, pois, como unha lingua literaria.

Album de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861, publicado en 1862.[3]

Un dos principais acontecementos do Prerrexurdimento foi a publicación de A Gaita Gallega, Tocada polo Gaiteiro, ou Carta de Christus para ir Deprendendo a Ler, Escribir e Falar Ben a Lengua Gallega (1853), de Xoán Manuel Pintos, libro coñecido popularmente como A Gaita Gallega. Trátase dunha obra de poesía narrativa e dialogada, escrita en galego, español e latín (e con citas en francés), protagonizada por un gaiteiro galego que irá desprovendo ao seu tamborileiro castelán dos prexuízos que este ten sobre Galiza e os galegos.

Outro acontecemento destacábel desta época foi a celebración dos Xogos Florais da Coruña (1861), nos cales participaron poetas en galego e en español. Mais o realmente importante, falando desde un punto de vista literario, foi a publicación dos poemas premiados neste certame nun volume que leva por título Álbum de la Caridad, Seguido de un Mosaico Poético de Nuestros Vates Contemporáneos. Neste libro aparecen composicións de autores da talla de Francisco Añón, Xoán Manuel Pintos, Alberto Camino, Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal.

Os precursores foron un grupo de poetas cunhas características temáticas comúns: Galiza e a súa paisaxe, a defensa da lingua e da cultura galega, cadros costumistas, o amor, a saudade e a nostalxia, e mais a preocupación pola situación política e social de Galiza. Os escritores máis sobranceiros deste grupo foron Vicente Turnes, Marcial Valladares Núñez, Xoán Manuel Pintos, Francisco Añón, Alberto Camino e mais os irmáns Antonio e Francisco María de la Iglesia.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]