Literatura galega do Rexurdimento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Serie de artigos sobre a
Literatura galega
Cantigas de Santa María.
Medieval
Séculos Escuros
Prerrexurdimento
Rexurdimento
Intersecular
Século XX
do exilio
Actual

O Rexurdimento foi un movemento social, literario e intelectual, localizado no tempo na segunda metade do século XIX. Vería o seu inicio este período da literatura galega en 1863, coa publicación do poemario de Rosalía de Castro Cantares Gallegos. O seu final, porén, habería que situalo en 1890[1] coa publicación da obra de Valentín Lamas Carvajal A musa das aldeas.

Cando falamos do Rexurdimento literario, estámonos a referir sobre todo a un movemento poético, posto que a prosa e o teatro participarán del tardiamente.

Contexto histórico e cultural[editar | editar a fonte]

Con Afonso XII volven ao reinado os Borbóns.

O Rexurdimento, como a segunda fase do Prerrexurdimento, xorde por influencia do ideal romántico, o cal chega con atraso a Galiza. Froito das ideas derivadas do Romanticismo e da Revolución Francesa, estenderase por toda Europa un sentimento de afirmación nacional, que se culminará na independencia de países como Grecia, Bélxica ou Polonia (pese a que a independencia deste último Estado foi moi breve). En territorios como a Occitania ou a propia Galiza, porén, esta corrente ficou no seu inicio unicamente na reivindicación e defensa das linguas e culturas propias.

Só cinco anos despois da publicación de Cantares Gallegos (1863), de Rosalía de Castro, ten lugar en España a Revolución Liberal de 1868, que culminou no exilio en Francia da raíña Isabel II. E é que foi esta unha época de grande axitación política. En 1869, os republicanos federais de Galiza e Asturias asinan o Pacto da Coruña e, en 1872 ten lugar en Ferrol un levantamento republicano. En 1870, Amadeo de Savoia sobe ao trono de España, mais abdicará en 1873.

De feito, a proclamación da Primeira República tivo lugar en 1873, mais só durará uns meses (concretamente once).En 1874, o pronunciamento do xeneral Martínez Campos provocará a restauración borbónica e a consecución da coroa por parte de Afonso XII (guiado polo conservador Cánovas del Castillo).

O historiador Manuel Murguía.

Canto ao galeguismo (fundamental no desenvolvemento literario do Rexurdimento), temos que dicir que o Provincialismo da década de 1840 esmorecerá para deixarlle paso ao Rexionalismo, antecedente directo do Nacionalismo. E diciamos arriba que o Rexionalismo foi fundamental para o desenvolvemento da nosa literatura nesta época, non só porque esta foi cultivada maioritariamente por rexionalistas ou persoas vinculadas a este movemento, senón porque foi o propio ideal rexionalista o que propiciou o ambiente necesario para o seu desenvolvemento. Ademais, a literatura convertíase no instrumento idóneo para levar a termo a dignificación do idioma e do país que perseguían os rexionalistas.

Por outra parte, nesta época proliferarán os Xogos Florais por toda a nosa xeografía, os cales son de vital importancia para o progreso do movemento literario que neste artigo nos ocupa.

Finalmente, é de de destacar o feito de que vai ser nesta altura cando xurdan os primeiros estudos historiográficos sobre Galiza (sobranceando entre todos eles os traballos de Benito Vicetto e mais os de Manuel Murguía). A partir deste momento (e sobre todo a partir de Manuel Murguía), xurdirá o movemento do celtismo, o cal anega e inflúe fortemente á poesía de Eduardo Pondal.

A poesía do Rexurdimento[editar | editar a fonte]

Cando falamos da literatura do Rexurdimento, estámonos a referir fundamentalmente á poesía. E é que o Rexurdimento é un movemento fundamentalmente lírico, xa que tanto a narrativa como o teatro galego van aflorar a partir da década de 1880 (á fin do Rexurdimento e ao comezo do período intersecular). Estes dous xéneros, pois, van vivir a súa (re)nacenza con case vinte anos de atraso con respecto á poesía.

Debido ás características do xénero, os rexionalistas consideraban a lírica como o máis idóneo para a literaturización do idioma e a dignificación da lingua.

Normalmente, tendeu a dicirse que os autores do Rexurdimento parten completamente de cero, carentes dunha tradición literaria culta, e con base na literatura popular (a única tradición que coñecerían estes poetas). Mais, na realidade, habería que matizar isto. Si é certo que os escritores do Rexurdimento descoñecían a lírica profana trobadoresca e mais gran parte da prosa medieval, mais si sabían da lírica relixiosa e mais da galego-castelá. De feito, un dos argumentos máis utilizados entre os rexionalistas (sobre todo por Manuel Murguía) para defender a validez literaria (e non só) da lingua galega radicaba no feito de lle lembrar aos galegos que no seu idioma trobara Afonso X (un dos máis prestixiados reis casteláns) ou Macías o Namorado (poeta galego, unha das figuras máis importantes da lírica galego-castelá).

Con Rosalía de Castro comeza o Rexurdimento pleno.
Adiós, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
Fragmento Cantares gallegos

E, por outra parte, se os poetas do Rexurdimento recorren á literatura popular para crear os seus textos, isto non é máis que un efecto do ideal romántico. Segundo o Romanticismo (e esta idea vai ser seguida e fomentada por Manuel Murguía), a literatura (e non só) debía recoller en si o Volkgaist, o "espírito do pobo". Debía ser unha literatura feita para o pobo e a partir do pobo. De aí se desprende o gusto popularizante dos poetas desta época. Por este motivo, moitos dos autores desta época se dedicarán a recoller contos e cantares populares (Xosé Pérez Ballesteros, Uxío Carré Aldao...)

E da literatura popular xurdirá, precisamente, o libro co que se inicia esta etapa do Rexurdimento, os Cantares Gallegos (1863), da autoría de Rosalía de Castro. Este poemario será a primeira obra do XIX escrita integramente na lingua do país, de aí a súa importancia. Á parte, as composicións que a forman posúen unha gran calidade lírica. Diciamos que se trata dun libro que xorde da poesía popular porque esta será a "base" dos poemas que o compoñen. Rosalía de Castro, para a súa elaboración, tomou como base versos de cantares populares galegos (de aí o nome do título), os cales aparecerán glosados. Mais Rosalía non foi unha recolectora de cántigas (como Pérez Ballesteros), senón que elaborou a partir destes cantares composicións completamente orixinais.

Mais Cantares Gallegos non foi tan só un poemario de alto nivel, senón que é toda unha defensa de Galiza e da súa lingua, expresada de forma clara no prólogo da obra. Estes dous factores foron os principais provocadores (alén do poema coñecido como Castellanos de Castilla) da polémica coa que foi acollida tanto fóra das nosas fronteiras como entre os sectores conservadores galegos.

Aínda así, o Rexurdimento xa estaba en marcha (por fortuna). Así, en 1875 Valentín Lamas Carvajal publica as súas Dez Cartas ôs Gallegos e mais Espiñas, Follas e Froles. En 1877 Manuel Curros Enríquez gaña un certame literario en Ourense con tres poemas que xa pasaron á historia das nosas letras e que formaron parte posteriormente dos Aires da miña terra (1880). Tamén en 1877 publicaba Eduardo Pondal a obra bilingüe Rumores de los Pinos, claro ensaio para Queixumes dos pinos (1886), e en 1880 Rosalía de Castro daba ao prelo (despois de varios intentos) o poemario máis logrado do Rexurdimento: Follas Novas.

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sen fin,
que inda recei pola probe da tola
eu, ¡que non teño quen rece por min!
Fragmento A Rosalía

A poesía galega contou nesta etapa, por outra parte, con tres grandes mestres, que non son outros que Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. A esta tríade, podería unirse Valentín Lamas Carvajal. Falamos de grandes mestres do Rexurdimento porque serán estes poetas os que inflúan ao resto de escritores tanto desta época como de tempos posteriores. Ademais, o éxito destes catro autores entre os seus contemporáneos (exceptuando talvez a Pondal, posto que, pese a ser apreciado entre os intelectuais, o seu éxito entre o público popular non foi precisamente grande) chegou ata o punto de que moitos dos seus poemas foran musicados polos compositores galegos de máis sona (Xan Montes, Xosé Baldomir, Xosé Castro "Chané", Pascual Veiga...).

Por outra banda, neste período do Rexurdimento xurdirá a necesidade da revisión (e creación) dos mitos galegos, coa finalidade de crear un imaxinario propio para a Galiza. E a poesía e máis a historiografía, prestábanse especialmente para este labor. Así, Manuel Murguía, como creo que xa dixemos máis arriba, difundiu a idea de que o fondo étnico do pobo galego provén dos celtas, antigos moradores do territorio galego. Esta corrente recibiu o nome de celtismo, e será defendida polos intelectuais da Cova Céltica. Isto será determinante para a literatura, posto que a poesía de Eduardo Pondal estará marcada profundamente polo celtismo, aínda que este celtismo está influído polo ossianismo de McPherson e máis por unha certa tendencia helenizante, derivada da formación clásica de Pondal.

Ademais, cumpría elaborar o gran canto épico galego, a grande epopea do noso pobo. E ese labor, en teoría, recaeu en Eduardo Pondal. Este escritor é, pois, o autor d´Os Eoas, canto épico no que se narra o descubrimento da América, e que estaría inspirado en obras como Os Lusíadas de Luís de Camões ou a Xerusalén Liberada de Torquato Tasso. De todos os xeitos, esta obra ficou inconclusa e non tivo unha edición definitiva ata o ano 2005.

Non cantes tan tristemente,
Probe e desolada nai;
Non lle cantes cantos brandos,
Pr' adormecer o rapaz;
Onde 'stá a cova do sono,
No céltico carballal;
Cántalle cantos ousados,
Q' esforzado o peito fán;
Cántalle o que já cantára,
O nobre bardo Gundar:
A luz vírá para a caduca lbéria,
Dos fillos de Breogán!
Fragmento Queixumes dos Pinos

Por este motivo, haberá que agardar ata o período intersecular para que Galiza teña o seu primeiro canto épico "completo", e este non será outro que Os Calaicos (1895) de Florencio Vaamonde Lores.

Finalmente, cómpre facer alusión aos poetas do Rexurdimento. Segundo Ricardo Carvalho Calero, na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea de 1963, os autores desta época poderían dividirse en dous grupos:

A prosa e o teatro do Rexurdimento[editar | editar a fonte]

Valentín Lamas Carvajal fundou o primeiro semanario en galego

Como creo que xa temos dito, estes dous xéneros participan tardiamente deste movemento ou, o que é o mesmo, xorden cando o Rexurdimento está a dar os seus últimos pasos. De feito, parécenos máis apropiado falar do "rexurdimento da prosa" que da "prosa do Rexurdimento". Polo que ao teatro respecta, este presenta unha particularidade esencial con respecto á poesía e á prosa. Nesta época xurdirá, a partir de 1882, o teatro galego para minorías, mais xa existía con anterioridade un teatro galego popular, que vén desde os Séculos Escuros (véxase Literatura galega dos Séculos Escuros) e que non ficou interrompido en ningún momento. De feito, esta dramática de corte popular só sufrirá unha especie de crise a partir de 1867. Neste ano, como sinala Manuel F. Vieites, o Gobernador da Coruña publicou no Boletín da Provincia unha Real Orde de Isabel II que prohibía levar á escena pezas escritas noutra lingua que non fose o español, senón que tiñan que ser, polo menos, bilingües. Aínda así, autores como Laura Tato Fontaíña apuntan que este feito apenas tivo repercusión neste teatro, o cal continuou a existir ata finais do século XIX.

Debido a este xurdimento tardío da prosa e da dramática, e á particularidade periódica destes dos xéneros con respecto á poesía, consideramos oportuno tratar a prosa e o teatro de finais do século XIX dentro da literatura galega do período intersecular.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Carballo Calero, Ricardo (1981) Historia da literatura galega contemporánea. Vigo: Galaxia 3ª ed., páx. 521.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]