Crónica de Santa María de Iria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Igrexa de Iria Flavia.

A Crónica de Santa María de Iria ou Coronica de Santa Maria de Iria é un texto da prosa galega medieval, do ámbito da historiografía. Foi escrita a mediados do século XV, e trátase dun relato da historia da Diocese de Iria, que pretendía abarcar desde o comezo dos tempos até o momento da súa composición, deténdose na época do Arcebispo Xelmírez. O seu obxectivo era reivindicar o dereito a percibir o décimo da Quinta, un imposto sobre unha serie de parroquias (situadas no que agora son os concellos de Padrón e Santiago) que o arcebispado de Santiago lle fora usurpando. Para iso, fixeron valer o seu título de diocese arcebispal, anterior a Santiago, cunha dupla estratexia: a documental, mediante a confección do Tombo de Iria, e a historiográfica, mediante a redacción da Crónica de Iria[1].

Historia[editar | editar a fonte]

O texto foi elaborado no contorno da Catedral de Santiago de Compostela nos anos 1467-1468, e segundo o editor José Antonio Souto "é o último exemplo do galego espontáneo naquela altura, o que se fixo despois foi máis artificioso".

O historiador López Ferreiro falaba da existencia de 8 manuscritos, mais hoxe só se coñecen catro. O máis antigo (C) está no Arquivo da Catedral de Santiago. Esta copia foi escrita entre abril de 1467 e marzo de 1468, durante a Gran Guerra Irmandiña, e está asinada e datado por Rui Vasques, a quen algúns autores atribúen a obra (Souto Cabo, o seu último editor, pensa que é o orixinal, mentres que David Mackenzie e Arias / Noia consideran que é unha copia). Consta de catorce folios encadernados no século XVII. Desta versión medieval hai outras dúas copias, unha na Biblioteca Nacional de Madrid (M, copia do século XVI) e outra na da Universidade de Salamanca (S, copia do século XVII). Hai outra versión na Biblioteca Vaticana (V, copia do século XVII), pero presenta diferenzas textuais importantes con respecto a C, polo cal as opinións dos estudosos están divididas sobre cal é o orixinal. No manuscrito da Catedral hai un longo fragmento que relata episodios da guerra dos Irmandiños, situado cronoloxicamente en 1467, o que desestrutura o contido da Crónica (que abranguía desde o principio dos tempos ata a época de Xelmírez, no séc. XII); pola contra, en V este episodio non figura, o que parece casar mellor coa motivación da Crónica. Mentres que Souto Cabo considera que C é o documento orixinal, creado (non só copiado) por Rui Vázquez, Mackenzie considera que tivo que existir un orixinal anterior, onde ese fragmento non existía, de onde foi copiado tamén V; por tanto, para o investigador británico, o fragmento dos Irmandiños sería unha interpolación, e o orixinal estaría perdido. Ademais, na copia da Vaticana indícase que foi tirada dun orixinal de 1444, cando se comezou a facer o Tombo de Iria, mentres que a de Rui Vázquez está datada en 1468.

Lingua e fontes[editar | editar a fonte]

Como corresponde á época en que foi elaborado, o texto presenta trazos da evolución do galego da época (desonorización de sibilantes, desnasalización) e transloce o comezo do proceso de castelanización da lingua galega:

Áchase no texto un grande número de castelanismos cuxa aparición é máis frecuente nesta época. Esta influencia aparece nas terminacións en -IONEM que recuperan o iode fronte á solución tradicional que o elimina (hedificacion, passion, discusiones). Afecta tamén a outras formas (gracias, licencia, espacio) procedentes das terminacións latinas -TIUM, -TIAM. Para a explicación destas formas non resulta satisfactoria a súa consideración como palabras cultas, que, sendo frecuentes nun texto de cuño eclesiástico, non superan a cantidade de léxico de orixe castelá: almenas, arçobispo, cabildo, canpanas, canonigos, Castilla, dolor, donações, enemigos, envidia, fasta, generaçom, mercede, menester, peligro, obispo, sangre etc.[2]

A obra traduce e incorpora, sen moito rigor, obras anteriores, como o Cronicón Iriense (s. XI), a Historia Compostelá e fragmentos do Cronicón Compostelán e o Privilexio dos votos (século XII).

La última traducción gallega de prosa histórica que se conserva es la Coránica (sic) de Santa María de Iría, escrita entre 1467 y 1468. El libro no está traducido de una única obra sino de fragmentos de varias obras latinas de la Edad Media: Privilegio de Votos, Chronicon Compostellanum, Liber Sancti Jacobi, Tombo de Iria y es posible que tenga también partes de la Concordia de Antealtares, según cree J. A. Souto Cabo (Crónica de Santa María 2001: 20- 35), el último editor de la obra. El propio autor de la Coránica nos da referencias a algunas fuentes que manejó. El códice, que se guarda en el archivo de la catedral de Santiago, lleva la firma en tinta roja de Ruy Vázquez, abad de Santa Baia de Chacín (A Coruña), que puede ser la del autor-traductor o sólo la del copista.[3]

Versión do século XVIII[editar | editar a fonte]

En 2009 descubriuse un manuscrito dunha obra de grande extensión, copiada e glosada por Pedro Otero Romero Torres entre 1713 e 1735, que é unha versión da Crónica de Santa María de Iria, pero diferente á copiada por Ruy Vázquez, o que confirma a idea da circulación doutros códices irienses a finais da Idade Media.

Trátase dunha Historia de Iria máis extensa no tratamento das diversas etapas históricas que a Coronica de Santa María de Iria de Rui Vasques, do século XV. A narración do manuscrito atopado acada un período da historia de Galicia que vai da chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Iria ao reinado de Xoán II e o arcebispado de Don Xoán de Cerezuela, en Compostela, cun apéndice en castelán que continúa a narración dos feitos ata a época de Felipe V.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López Alsina, Fernando (2004). León: Centro de Estudios e Investigación "San Isidoro", vol. II, 819-868., ed. “De Santa Eulalia de Iria Flavia a Santiago de Padrón: la transformación medieval”, en Manuel C. Díaz y Díaz (coord.): Escritos dedicados a José María Fernández Catón. ISBN 84-87667-69-4. 
  2. Francisco González Lousada, Revista Galega de Filoloxía, ISSN 1576-2661, 2003, 4: 155-158
  3. FRANCISCO LAFARCA & LUIS PEGENAUTE, Historia de la Traducción en España. El ámbito de la cultura gallega ISBN 84-7455-101-3
  4. "Achan unha crónica manuscrita do século XVIII en lingua galega", artigo en El Correo Gallego, 7 de novembro de 2009.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Alsina, Fernando (2004): “De Santa Eulalia de Iria Flavia a Santiago de Padrón: la transformación medieval”, en Manuel C. Díaz y Díaz (coord.): Escritos dedicados a José María Fernández Catón. León: Centro de Estudios e Investigación "San Isidoro", vol. II, 819-868.
  • Mackenzie,David (1988): “¿Unha Crónica en galego de Xan Rodríguez do Padrón?”, en VicenteBeltrán  (ed.): Actas del I Congreso de la Asociación Hispánica de Literatura Medieval: Santiago de Compostela, 2 al 6 de diciembre de 1985. Barcelona: Promociones y Publicaciones Universitarias, 419-422. http://www.ahlm.es/IndicesActas/ActasPdf/Actas1/35.pdf
  • Otero Romero y Torres, Pedro (2011): Historia da Santa Igrexa de Iria: manuscrito galego do século XVIII. Edición e introdución de Bieito Arias e Camiño Noia Campos. Vigo: Universidade de Vigo.
  • Rui Vasques. Crónica de Santa Maria de Iria. Estudo e edizón de José Antonio Souto Cabo, Santiago de Compostela, Ediciós do Castro (Cabido da S.A.M.I. Catedral / Seminario de Estudos Galegos), 2001, 284 pp.