Exequias da Raíña Margarida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Relación de las Exequias que hico la real Audiencia del Reyno de Galiçia a la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora descriptas y puestas en stilo por Ioan Gomez Tonel.

A Relación de las Exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia, á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora (q Dios tiene), coñecida mellor como as Exequias da Raíña Margarida son un conxunto de escritos tanto en verso como en prosa, en castelán, galego e latín, dedicados á raíña Margarita de Austria-Estiria tras a súa morte no ano 1611, baixo a autoría de Xoán Gómez Tonel (coordinador) e Pedro Vázquez de Neira, entre outros.  A obra recolle as honras fúnebres de Margarita celebradas pola Real Audiencia de Galicia no mosteiro de San Francisco da Coruña.

Información previa[editar | editar a fonte]

A raíña Margarida de Austria-Estiria[editar | editar a fonte]

Margarida de Austria-Estiria (Graz, Austria, 1584 - San Lorenzo de El Escorial, 1611) foi a filla do arquiduque Carlos de Austria-Estiria e de María de Baviera. En 1598 casou por poderes en 1598 en Ferrara (Italia) con Filipe III de Austria, rei de España. O nacemento do seu último fillo provocoulle febres pauperais, que foron a causa da súa morte [1].

As relacións de sucesos[editar | editar a fonte]

As relacións de sucesos poderían definirse como un subxénero histórico-literario composto por crónicas en verso e prosa nas cales os acontecementos efémeros son recollidos en detalle “co fin de deixar constancia do comportamento das diferentes cidades e institucións alén do lugar concreto da celebración e de conserva-la súa memoria para o futuro”[2]. A causa da aparición deste xénero, que sería cultivado até o século XIX [2], foi a importancia da difusión dos actos institucionais a partir do século XVI. O século XVII sería o momento de máis desenvolvemento das relacións de sucesos[2].

En primeiro lugar, poderíase afirmar que existen unha serie de características formais constantes: o carácter laudatorio; a estereotipación de fórmulas lingüísticas, o ton triunfal tanto da celebración como de quen promove as relacións; a presentación prototípica dos festexos; a idealización das situacións tratadas etc [3].

O segundo aspecto que hai de ter en conta é a finalidade: son obras promovidas por e para o poder, empregadas para facer propaganda. Isto implica unha probábel deformación dos feitos relatados por parte de quen os recolle —subxectividade, hiperbolismo...—, razón pola cal a historiografía cuestiona a fiabilidade literal destas crónicas[4]. Estes fragmentos de Yolanda Barriocanal explican o citado anteriormente:

[...] aínda que por unha parte se describe a opulencia da festa, por outra trátase de inocular unha doutrina [...] salienta-lo protagonismo dos estamentos nos actos e a tópica participación social nas efemérides, propio dunha sociedade de estrutura profundamente xerarquizada que se pretende salvagardar, impoñendo os intereses dos grupos tradicionais [5].
[...] escritas normalmente despois de que os actos concluíron [...] persiguen un ton efectista e retórico ó servizo dos intereses da Igrexa e da Coroa en actos tan variados, tratarán sempre de ofrecer unha visión ideal e ordenada das celebracións, que pode non coincidir co desenvolvemento concreto dos acontecementos [5].
Alén destes problemas que cómpre considerar para comprender as relacións de sucesos, as relacións de sucesos son prezadas mostras artístico-literarias, mais tamén son valiosas fontes de información, pois axudan á aproximación á “identidade e [...] capacidade de manifestación dun pobo ante [...] eventos e as súas representacións”, á avaliación da “importancia do fenómeno social e cultural da celebración como práctica de valor antropolóxico e ideolóxico” ou á recreación das festas [6].

A obra[editar | editar a fonte]

Autoría[editar | editar a fonte]

Aínda que na autoría das Exequias da Raíña Margarida destacan as figuras de Xoán Gómez Tonel e Pedro Vázquez de Neira, tamén colaboran con menos cantidade de composicións Alonso Ordóñez das Seijas y Tobar e dous relixiosos: o dominico frei Luís de Tapia, superior e predicador no Convento de San Domingos da Coruña, e o franciscano frei Antonio Bañales.

É importante dicir que Gómez Tonel, ademais de participar na redacción, foi o encargado da súa edición e coordinación. É o principal autor, creador do “Soneto con falda”, chamado así por conter, ademais dos dous cuartetos e dous tercetos, un estrambote (a “falda”) final de oito versos, cinco hendecasílabos e tres heptasílabos. Se ben tanto Gómez Tonel como Vázquez de Neira teñen na obra cadanseu soneto en lingua galega, o primeiro deles compuxo, ademais, sete poemas en español e sete en latín; e o segundo, tres sonetos en español, tres en latín, e outro no que combina ambas linguas. A Vázquez de Neira outórgaselle tamén a autoría do “Respice finem”, cuxo tema principal é a fugacidade do tempo así como o poder igualatorio da morte.

As Exequias da Raíña Margarida foi impreso en Santiago por Ioan Pacheco, o 28 de febreiro de 1612, tras recibir a aprobación eclesiástica e a licenza de publicación o día anterior. A publicación sería levada a cabo pola Real Audiencia de Galicia.

Xénero[editar | editar a fonte]

O principal xénero das Exequias da Raíña Margarida é o pranto, término procedente do "plahn" da literatura medieval occitana. Ten como finalidade o lamento ritual pola perda de algo ou alguén. No caso destas composicións, compoñen unha laudatio á figura de Margarida de Austria-Estiria (Raíña Margarida no título da obra), despois da súa temperá morte.

Partes[editar | editar a fonte]

A relación das Exequias… constitúese en catro “discursos”, adornados con símbolos, imaxes, xeróglifos e pasatempos. O “Discurso Primeiro” trata "De las prevenciones que se hicieron para las exequias" (Das prevencións que se fixeron para as exequias), recollendo a actividade da Audiencia desde a chegada da orde ata os primeiros pasos dados na realización da cerimonia. O segundo fai unha descrición da ornamentación, así como das características arquitectónicas da igrexa. O terceiro discurso recolle as composicións poéticas dos varios autores (parte que á súa vez se pode subdividir segundo a lingua empregada: castelán, latín ou galego); e, por último, o “Discurso Cuarto”, co cal se relata o papel desenvolvido por cada unha das institucións presentes no acto.

Crítica posterior[editar | editar a fonte]

Tras o seu estudo, a parte en galego da Relación de las Exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia, á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora (q Dios tiene) constitúese como unha mostra de poesía galega renacentista. Á súa vez, a introdución que fan Vázquez de Neira e Gómez Tonel dos dous sonetos en galego nunha composición poética principalmente en castelán e latín, deu á lingua galega a posibilidade de marcarse a si mesma como vehículo literario.

Como recolle Anxo Tarrío na súa “Síntesis de la historia de la literatura gallega (siglos XV-XX)”, o Respice finem sería categorizado como un soneto “de tendencia claramente barroca, representa a cima literaria en lingua galega dos Séculos Escuros, segundo a crítica”. Porén, outros críticos como Xesús Alonso Montero[Cómpre referencia] ou Xosé María Paz Dobarro[Cómpre referencia] consideran estraña esta aparición simbólica en idioma galego, chegando á conclusión de este ser utilizado por motivos estéticos (do mesmo xeito que se emprega certo tipo de rima ou de verso).

Exemplares conservados[editar | editar a fonte]

Consérvanse tres exemplares actualmente: un está localizado no Museo Británico, procedente do tesouro bibliográfico do conde de Benhais en París (adquirido en 1892) [7]; outro está na Biblioteca Nacional de Lisboa, que estaba anteriormente no Mosteiro de Alcobaça (Portugal)[7]; o terceiro está na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, legado polo ferrolán Santiago de la Iglesia Santos[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Barriocanal 31; Muñoz Santos 254-255
  2. 2,0 2,1 2,2 Barriocanal 16
  3. Barriocanal 16-17
  4. Barriocanal 18
  5. 5,0 5,1 Barriocanal 17
  6. Barriocanal 16-18
  7. 7,0 7,1 7,2 Barriocanal 33

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barriocanal, Yolanda (1997). Exequias reales en la Galicia del Antiguo Régimen. Poder ritual y arte efímero. Universidade de Vigo. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]