Revolución de 1846

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Levantamento de Solís")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
O xeneral Ramón María Narváez por Vicente López. Museo do Prado.

Revolución de 1846,[1] levantamento de 1846,[2][3] pronunciamento de 1846[4][5] ou sublevación liberal de 1846,[6] son os nomes que recibe o alzamento do coronel Miguel Solís o 2 de abril de 1846 contra o goberno de Ramón María de Narváez. A conspiración foi dirixida desde A Coruña, impulsada por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina; en Vigo foron Benigno Cid, Ramón Buch e Juan Nogueira, en contacto co exiliado Mártir Molíns; e en Ourense, algúns militares. Gerónimo Piñeiro de las Casas facía de correo entre eles, e fixaron a data do alzamento para o mes de abril.

O levantamento[editar | editar a fonte]

Miguel Solis.[1]

O 2 de abril de 1846 pronunciouse na praza maior de Lugo o II Rexemento de Zamora. O comandante Miguel Solís Cuetos púxose á cabeza do exército, e Manuel Becerra Bermúdez constituíu unha Xunta en Lugo. O 4 de abril tamén se alza A Coruña cos provincialistas. Pío Rodríguez Terrazo fixo unha Xunta e enfrontouse ao gobernador militar Villalonga. O día 5 Solís marcha co exército a Santiago de Compostela, onde os xefes Antolín Faraldo, Antonio Romero Ortiz, Ramón Garea, Bermúdez Cedrón e os irmáns Pasarín conseguiran recrutar 300 universitarios. O día 8 uniranse a Solís, quen se atopa con Francisco Puig Samper e MacMahon en Ponte Sigüeiro.[7] O día 9 prodúcese o pronunciamento de Buceta en Pontevedra, onde se constituíu unha Xunta presidida por José María Santos. O día 10 pronunciaríanse Tui e Vigo, onde se fixo cargo o brigadier Leoncio Rubín de Celis.[8] O día 11 Puig Samper entra en Santiago e obriga a Solís a marchar a Vigo, mentres que Iriarte, que penetrou desde Portugal, é vencido en Astorga.

Constitución da Xunta[editar | editar a fonte]

Pío Rodríguez Terrazo.[1]

Puig Samper e Solís enfrontaríanse novamente en Sigüeiro, sen resultados. Pero o día 14 o xeneral José Gutiérrez de la Concha, enviado desde Madrid, penetra en Galicia.[9] Os insurxentes dominaban Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo e Tui, e reuniran unha Asemblea, presidida por Solís, con Rubín de Celis, Pío Rodríguez Terrazo (da Xunta de Santiago), José María Santos (da Xunta de Pontevedra) e Ramón Buch (da Xunta de Vigo). Constituiranse o día 15 de abril en Xunta Superior de Galiza, e acordaron:

  • Constituír dous corpos de exército, se un corpo consegue os seus obxectivos, uniríanse para atacar a Concha, pero sen xefe supremo.
    • O Exército de Libertazón de Galicia, dirixido por Solís e Manuel Buceta del Villar, que atacaría A Coruña e Ferrol.
    • O Segundo Exército, de Rubín de Celis e Sebastián Arias, que atacaría Ourense.
  • Constituír unha Xunta Suprema (tamén Xunta Superior do goberno de Galicia) para administrar e socorrer ao exército, con Pío Rodríguez Terrazo (presidente), Antolín Faraldo (secretario), José María Santos e Ramón Buch (vogais).

Faraldo fai unha proclama de compromiso dos sublevados con Galicia, para que deixe de ser unha colonia da corte. As primeiras medidas que tomarán serán suprimir o sistema tributario de 1845, substituír os concellos e someter todas as Xuntas Locais á Suprema.

Derrota e represión[editar | editar a fonte]

Mentres, os dous exércitos fracasaron nas insurreccións porque non querían derramar sangue. O 21 de abril Solís será nomeado polos sublevados Capitán Xeneral de Galicia, pero o día 23 será vencido por Concha na batalla de Cacheiras e feito prisioneiro, e Rubín de Celis, que non o apoiou, foxe a Portugal. Villalonga ordenou o día 26 de abril o fusilamento en Carral de Solís e 11 compañeiros seus máis, todos militares, que serán coñecidos como os Mártires de Carral. Rúa Figueroa foi encarcerado, e Antolín Faraldo, Francisco Añón e Antonio Romero Ortiz exiliaranse.

En 1848 ditouse unha amnistía e a maioría volverán. Faraldo abandonou o galeguismo e morreu ao pouco tempo, e os seus compañeiros non volverían ter ningún papel destacado na política galega.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Tettamancy, Francisco (1908). La revolución gallega de 1846 (en castelán). A Coruña. 
  2. Barreiro, X. R. (1977). El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (en castelán). Santiago de Compostela. 
  3. Beramendi, Xusto G. "El levantamiento de 1846". Historia de Galicia (en castelán) 4. Faro de Vigo. p. 825. 
  4. Obelleiro Piñon, Luís (1997). "Idade contemporánea (século XIX)". Historia xeral de Galicia. A Nosa Terra. p. 327. ISBN 84-89138-99-0. 
  5. Villares, Ramón (1991). Historia de Galicia. Biblioteca 114 (en castelán) II. El Correo Gallego. pp. 54–55. ISBN 84-85553-15. 
  6. Otero Pedrayo, Ramón (1954) [1926]. Guía de Galicia (en castelán) (3ª ed.). Editorial Galaxia. p. 114. 
  7. Porto 1846.
  8. "Rubín de Celis y Oroña, Leoncio (Redondela, 1810)"
  9. Luis Moure Mariño (1979) Temas gallegos. Espasa-Calpe.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]