Saltar ao contido

Galadriel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Galadriel
Personaxe de O Silmarillion
e O Señor dos Aneis
Creador(es) J. R. R. Tolkien
Capítulo(s)O Silmarillion:
«Of Eldamar and the Princes of the Eldalië»
«Of the Flight of the Noldor»
«Of the Return of the Noldor»
«Of the Noldor in Beleriand»
«Of the Ruin of Doriath»
«Of the Voyage of Eärendil and the War of Wrath»
«Of the Rings of Power and the Third Age»
O Señor dos Aneis:
«O espello de Galadriel»
«Adeus a Lórien»
«O senescal e o rei»
«Numerosas separacións»
«Os Portos Grises»
Información
Alcume A Dama de Lórien
A Dama dos Galadhrim
Dama da Luz
A Dama do Bosque
Raza Elfos Noldor
Sexo Feminino
Nacemento 1362 E. A.[1]
Título Dama dos galadhrim
Familia Finarfin (pai)
Eärwen (mai)
Finrod (irmán)
Orodreth (irmán)
Angrod (irmán)
Aegnor (irmán)
Cónxuxe Celeborn
Fillos Celebrían
Nacionalidade Galadhrim
Perfil en IMDb

Galadriel é un personaxe ficticio creado por J. R. R. Tolkien e que figura no seu legendarium. Aparece n'O Señor dos Aneis, O Silmarillion e mais en Unfinished Tales of Númenor and Middle-earth.

Era unha elfa da realeza de tanto os Noldor como os Teleri, ao ser neta dos reis Finwë e Olwë, e mantiña tamén un estreito parentesco co rei Ingwë dos Vanyar por medio da súa avoa Indis. Cara á fin da súa estadía na Terra Media foi a co-gobernante de Lothlórien xunto co seu esposo, o Señor Celeborn, e era coñecida polos diversos nomes de A Dama de Lórien, A Dama dos Galadhrim, Dama da Luz e A Dama do Bosque.

Aparicións

[editar | editar a fonte]

Literatura

[editar | editar a fonte]

En Unfinished Tales recóllense relatos da vida de Galadriel anterior a O Señor dos Aneis. Foi a única filla e a máis nova dos vástagos de Finarfin, príncipe dos Noldor, e Eärwen, que era curmá de Lúthien. Os seus irmáns máis vellos eran Finrod Felagund, Orodreth, Angrod, e máis Aegnor. Naceu en Valinor durante os Anos das Árbores.

Segundo a versión máis antiga, utilizada n'O Silmarillion publicado, Galadriel foi unha líder e participante entusiasta da rebelión dos Noldor e da súa fuxida de Valinor. Porén, separouse completamente de Fëanor e os seus familiares, e non tomou parte na Matanza de Alqualondë. Unha vez en Beleriand, viviu en teoría cun dos seus irmáns, Finrod Felagund de Nargothrond principalmente, mais pasou moito tempo na corte de Thingol e Melian en Menegroth. Coñeceu a Celeborn, un parente de Thingol, en Doriath.

Tanto n' O Silmarillion coma nos filmes, dise que Galadriel ten o poder da telepatía. De feito, n' O Silmarillion, descríbese como foi "bendicida co poder de esculcar as mentes dos demais, aos que xulgaba con imparcialidade. Mais en Fëanor só ve escuridade". Como un dos membros da casa real de Finwë e tendo o sangue dos Vanyar por parte da súa avoa paterna, Indis, a miúdo recibía cualificativos como "a máis bela entre os Elfos", tanto nas beiras de Aman coma na Terra Media.

Segundo o dito en Unfinished Tales, Galadriel vivía coa familia de súa nai no porto Telerin de Alqualondë cando coñeceu a Teleporno (posteriormente coñecido como Celeborn), quen se convertería no seu esposo e co-gobernante. Durante a grande conmoción da fin dese período, ela e máis Celeborn partiron desde Valinor para chegar por mar a Beleriand separados da maioría dos Noldor. Galadriel non se viu directamente implicada na revolta dos príncipes Noldorin e nas loitas na defensa de Alqualondë durante a matanza, mais foi incluída na Prohibición dos Valar por ter marchado sen permiso. Unha vez en Beleriand, ela e máis Celeborn recibiron a benvida de Thingol e viviron en Doriath. Celeborn, segundo esta versión, era neto de Olwë. Cando chegaron os Noldor, Galadriel restabeleceu o contacto cos seus irmáns.

En ambas as versións Celeborn desempeña un importante papel nas Batallas de Beleriand. Tanto Celeborn coma Galadriel deixaran Beleriand antes da Guerra da Cólera, mais rexeitaron o perdón ofrecido polos Valar. Galadriel refusou por orgullo e por tanto seguiu afectada pola Prohibición.

Celeborn e Galadriel viaxaron primeiro a Lindon, onde gobernaron un grupo de Elfos, probabelmente na forma dun feudo baixo a rexencia de Gil-galad. Despois desprazáronse cara ao leste e fundaron (ou foron acollidos nel) o reino de Eregion ou Hollin. Nesta altura entraron en contacto cun asentamento Nandorin no val do Anduin, que despois sería Lothlórien. Máis tarde abandonaron Eregion por mor das minas de Khazad-dûm e pasaron a ser señores de Lothlórien. Agora Celebrimbor gobernaba Eregion. Celeborn e Galadriel tiveron unha filla, Celebrían, que no futuro casaría con Elrond Medio-Elfo de Valfendido, o cal convertería a Galadriel e o seu esposo Celeborn nos avós dos xemelgos Elladan e Elrohir e da irmá máis nova destes, Arwen Undómiel, futura Raíña do Reino Reunificado de Gondor e Arnor.

Durante a Segunda Idade, cando se forxaron os Aneis de Poder, Galadriel desconfiaba de Annatar, o sabio que guiaba a Celebrimbor e os demais Noldor de Eregion. Máis tarde resultou que a súa desconfianza estaba xustificada, xa que acabou revelándose como Sauron, que finxía ser un emisario do Vala Aulë. Cando Sauron atacou Eregion, encomendouse a Galadriel a custodia dun dos Tres Aneis dos Elfos, Nenya, o Anel de Auga. Sabedora do poder de Sauron, e desexando frustralo, non usou o Anel mentres o Anel Único permaneceu nas súas mans. Porén, durante a Terceira Idade, cando o Anel Único estaba perdido, púxoo en uso. O seu poder seica estaba ligado ao Espello de Galadriel, un grande cunco de auga que amosaba visións do pasado, presente e futuro. Tamén podería telo usado para a defensa de Lórien, e o anel seica a axudou a facer de Lórien un belo refuxio para os Nandor. Galadriel mantívose constantemente alerta contra Sauron e a miúdo loitaba con el no seu pensamento. Dise que Sauron desexaba fortemente ollar dentro da súa mente, mais mentres non tivese o Anel Único, seríalle imposíbel.

N'A Irmandade do Anel, Galadriel hospedou os personaxes principais após a súa fuxida de Moria. Cando se reuniu coa Irmandade na súa morada arbórea de Caras Galadhon, someteu a cada membro a unha ollada escrutadora, pondo a proba a súa resolución, aínda que Boromir considerou esta proba como unha tentación. Á súa vez, ela foi posta a proba máis tarde cando Frodo Bulseiro ofreceu deixar o Anel ao seu cargo. Sabendo que a súa influencia corruptora a convertería en "grandiosa e terríbel", e lembrando as ambicións que a trouxeran á Terra Media, rexeitou o Anel e aceptou o seu destino de esvaecerse para deixar paso ao dominio dos Homes e volver por fin a Valinor. Cando a Irmandade partiu, concedeu a cada membro un agasallo e unha capa Élfica, e abasteceu o grupo con botes e provisións.

O mesmo día en que a Irmandade partiu de Lórien, chegou Gandalf, transportado pola aguia Gwaihir. Alí, Galadriel sandou as súas feridas e deulle unha nova vestimenta branca, que indicaba o seu novo status de líder dos Istari. Durante as derradeiras batallas da Guerra do Anel, Lórien foi sitiada tres veces polos exércitos de Dol Guldur. Dise que Lórien resistiu os ataques grazas á coraxe dos seus habitantes, mais sobre todo, "o poder que residía alí era grande de máis para que ninguén o superase, agás se o mesmo Sauron tivese vido".[2]

Após a morte de Sauron, Celeborn dirixiu as hostes de Lórien alén do Anduin e capturou Dol Guldur. Daquela Galadriel adiantouse e "derrubou os seus muros e deixou ao descuberto os seus foxos". Desde entón e durante toda a Terceira Idade do Mundo, Galadriel foi considerada a máis grandiosa dos Eldar.

Atravesou o Gran Mar a bordo do derradeiro barco xunto con Elrond, Gandalf, Círdan, e os Portadores do Anel Bilbo e Frodo Bulseiro, pondo así fin á Terceira Idade. Deixou atrás ao seu marido Celeborn, que partiría tamén máis adiante (a versión orixinal de Tolkien difire neste punto da versión cinematográfica de Peter Jackson, na que Celeborn semella seguila no mesmo barco). Foi o feito de ter rexeitado o Anel Único o que levantou a Prohibición (xunto cos servizos prestados na guerra contra Sauron) e por iso se lle permitiu finalmente volver. De todos os exiliados Noldor, ela foi a única de importancia en volver a Valinor. Por entón tiña máis de 7.000 anos, idade só superada por Círdan o Construtor de Barcos.

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

No filme animado O Señor dos Aneis de Ralph Bakshi de 1978 a voz de Galadriel foi posta por Annette Crosbie, e por Marian Diamond no serial producido pola BBC Radio en 1981.

Cate Blanchett, intérprete de Galadriel na triloxía cinematográfica d`O Señor dos Aneos realizada polo cineasta Peter Jackson

Na triloxía cinematográfica de Peter Jackson, o papel de Galadriel recaeu en Cate Blanchett. Nesta adaptación, Galadriel narra o prólogo, explicando a creación dos Aneis de Poder e a Guerra da Última Alianza. Nun principio considerouse que Frodo ou Gandalf narrasen o Prólogo, mais despois abandonouse a idea: Frodo naceu milleiros de anos despois de que acontecesen os feitos, e Gandalf non se atopaba na Terra Media naquel momento; os magos chegaron aproximadamente mil anos após a fin do período do Prólogo. Deste xeito, Galadriel narra o Prólogo, xa que coñece de primeira man a historia e tomou parte activa nos seus acontecementos.

Máis adiante nos filmes, a miúdo Galadriel semella consultar telepaticamente con Elrond (probabelmente polo feito de os dous posuíren un dos Tres Aneis). Nos libros danse indicios de que ambos poden comunicarse coa mente, mais isto adoita ocorrer cando se achan o un na presenza do outro, e os exemplos dos filmes, especialmente a conversa con Elrond n'As Dúas Torres, non teñen un equivalente directo nos libros. No filme envíalle mensaxes a Frodo; cando a Irmandade penetra nas fragas de Lórien, Frodo ouve unha voz que di: "Frodo, o vires onda nós é coma os pasos da Perdición! Traes aquí un grande mal, portador do anel." Máis tarde, mentres se lle ouve falar coa Irmandade, di telepaticamente a Frodo, "Benvido, Frodo da Comarca... aquel que viu o Ollo!" Tamén Boromir afirma ter ouvido a súa voz falarlle de seu pai e da caída de Gondor, engadindo que, "Mesmo agora resta esperanza."

Sobre o escenario, Galadriel foi interpretada por Rebecca Jackson Mendoza na produción musical para teatro d'O Señor dos Aneis de 3 horas de duración representada en Toronto, estreada en 2006. Máis tarde o musical trasladouse ao Theatre Royal da londiniense Drury Lane e, após un laborioso traballo de reescrita, tivo a súa preestrea o 9 de maio de 2007, e a súa estrea o 19 de xuño dese mesmo ano. Laura Michelle Kelly volveu ao escenario como Galadriel, baixo a dirección de Matthew Warchus.

No videoxogo The Lord of the Rings: The Battle for Middle-earth II, pode elixirse a Galadriel como heroe, a un prezo de 10.000 recursos (o máis caro dos Heroes, xunto con Sauron, e ten o aspecto con que se ve a si mesma sostendo o Anel nos filmes), após ter obtido o Anel, cando se selecciona a opción personalizada de "Ring heroes". Porén, só está dispoñíbel para bandos bos (Ananos, Elfos e Homes).

Representación de Lindon, lugar onde viviu Galadriel durante un tempo segundo unha versión da súa historia escrita por J. R. R. Tolkien en 1969 ou posteriormente.

Dicían os Dúnedain que a súa altura era de dous rangar, ou "alturas de home" - uns 193 cm.[3] Porén, o trazo máis notábel de Galadriel é o seu belo cabelo longo, dourado-prateado. Os Elfos de Tirion dicían que capturara o resplandor das propias Dúas Árbores Laurelin e Telperion. "Mesmo entre os Eldar era considerada fermosa, e o seu cabelo tense por marabilla sen igual. É dourado como o de seu pai e o da súa devanceira Indis, aínda que máis abundante e resplandecente, pois o seu ouro está tocado por algunha memoria da prata estelar de súa nai; e os Eldar din que a luz das Dúas Árbores, Laurelin e Telperion, quedara atrapada nas súas mechas."[4] Foi obxecto de grande admiración por parte de Fëanor, e poida que o inspirase na creación dos Silmarils. " Moitos pensaban que este dito deu a Fëanor a idea de encerrar e unir a luz das Árbores, o cal máis adiante se materializaría polas súas mans na forma dos Silmarils. Pois Fëanor contemplaba o cabelo de Galadriel con abraio e deleite."[5] Porén, ela nunca correspondeu á admiración de Fëanor coa xenerosidade que amosa con Gimli o Anano n'A Irmandade do Anel. Fëanor pregáralle tres veces por unha mecha, e tres veces rexeitou ela darlle nin sequera un cabelo. Dise que estes dous parentes, considerados os máis grandiosos dos Eldar de Valinor, mantiveron por sempre a súa mutua inimizade.[5]

De xeito similar, o seu carácter era unha mestura de trazos das distintas familias dos Eldar dos que ela descendía. Amosaba o orgullo e a ambición dos Noldor, mais nela víanse temperados pola amabilidade e a profundidade dos Vanyar. Compartía estas últimas virtudes con seu pai Finarfin e seu irmán Finrod. "Era orgullosa, forte e tenaz, como eran todos os descendentes de Finwë agás Finarfin; e ao igual que seu irmán Finrod, de toda a súa parentela o máis próximo ao seu corazón, soñaba con terras e dominios distantes que puidese gobernar ao seu antollo sen supervisión. Con todo, nun nivel máis profundo moraba nela o espírito nobre e xeneroso dos Vanyar, e unha reverencia polos Valar que non podía esquecer. Desde os seus anos máis temperáns, contou co marabilloso don de poder esculcar a mente dos demais, mais xulgábaos con piedade e comprensión, e non agochaba a súa boa vontade a ninguén agás Fëanor. Nel percibía unha escuridade que odiaba e temía, aínda que non percibiu que a sombra do mesmo mal entrara nas mentes de todos os Noldor, e na súa propia."[5] A súa compaixón por Gimli o Anano en Lothlórien, cando reprendeu ao seu marido Celeborn por estar tentado de lamentar a súa decisión de deixar entrar ao Anano nesa terra, gañou o corazón de Gimli para sempre.[6]

Nomes e títulos

[editar | editar a fonte]

Galadriel era coñecida orixinariamente como Artanis e Nerwen, en referencia á súa altura e forza; Galadriel é a versión Sindarinizada da forma Alatáriel do Quenya Telerin, nome que lle deu Celeborn, aludindo ao seu cabelo dourado-prateado.

O nome Galadhriel era usado fóra de Lórien por aqueles que non coñecían os días antigos e o pasado de Galadriel, confundindo a forma galad coa palabra Sindarin galadh e o nome dos Galadhrim, o pobo de Lórien.[7]

Como gobernante de Lothlóiren, era coñecida por numerosos títulos; entre eles "Dama de Lórien", "Dama do Bosque" e "Raíña Galadriel". Tamén recibía os nomes de "Dama da Luz" e "Dama branca", facendo alusión á súa clara pel e capas brancas que lle daban un aspecto resplandecente.

  1. TOLKIEN, J. R. R. (2000). "Los Anales de Aman". El anillo de Morgoth. ed. Christopher Tolkien, trad. Estela Gutiérrez Torres. Barcelona: Minotauro. ISBN 84-450-7290-0. 
  2. Apéndice A d'O Regreso do Rei.
  3. Unfinished Tales of Númenor and Middle-earth, "The Disaster of the Gladden Fields: Apéndice - Númenórean Linear Measures"
  4. Unfinished Tales of Númenor and Middle-earth, "The History of Galadriel and Celeborn"
  5. 5,0 5,1 5,2 Ibid.
  6. A Irmandade do Anel, Libro II Capítulo 7 "O espello de Galadriel"
  7. Unfinished Tales: "The History of Galadriel and Celeborn - Apéndice E: The Names of Celeborn and Galadriel," p. 267.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]