Gollum
Sméagol | |
---|---|
Personaxe de O hobbit e O Señor dos Aneis | |
![]() Debuxo de Gollum. | |
Creador(es) | J. R. R. Tolkien |
Información | |
Alcume | Gollum |
Raza | Hobbit deformado |
Sexo | Masculino |
Idade | (2430 TI-25 de marzo de 3019) |
Gollum é un personaxe da Terra Media no universo de historias de J. R. R. Tolkien. O seu nome orixinal era Sméagol, pero é coñecido como Gollum polo ruído regurxitante que fai coa gorxa.
O seu nacemento estímase cara ó ano 2430 da TI. A súa morte tivo lugar o 25 de marzal de 3019 TI, ó caer, xunto co Anel Único, nas Fendas do Monte do Destino. O seu período de vida foi estendido máis alá dos seus límites naturais por efecto de ter posto bastante tempo o Anel Único, unha idade sobrenatural para unha criatura que outrora fora un Hobbit, aínda que se foi deformando e corrompendo en mente e corpo polo poder do anel. Un dos seus desexos máis profundos foi o de posuír o anel (que o tiña escravizado), e estívoo buscando durante moitos anos despois de perdelo.
Véxase tamén: Cronoloxía de Arda.
Historia
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/19/Gollum_s_journey_commences_by_Frederic_Bennett.jpg/250px-Gollum_s_journey_commences_by_Frederic_Bennett.jpg)
Nun principio foi un Hobbit da rama dos Rexos. Sméagol pasou os primeiros anos da súa vida vivindo coa súa extensa familia baixo o réxime matriarcal da súa avoa. No ano 2463 TI, Sméagol converteuse no cuarto amo do Anel Único, despois de Sauron, Isildur e Déagol. O día do seu aniversario foi co seu curmán Déagol de pesca ós Campos Ledos, ó norte de Lothlórien (casualmente converteuse en amo do Anel o día en que cumpría a maioría de idade, como anos despois fará Frodo). Foi aí onde Déagol atopou un anel de ouro, despois de que un gran peixe tirase del cara á auga. Sméagol reclamouno como regalo de aniversario e isto estrañou a Deágol, quen se negou a darllo. Entón, Sméagol matou o seu curmán Deágol na beira do río para obter o anel. Sméagol foi rapidamente corrompido polo anel, e desapareceu da vila, escondéndose nunha caverna nas Montañas Bretemosas que se convertería na súa morada. A influencia maligna do anel deformou o seu corpo e mente de hobbit e prolongou a súa vida máis alá dos límites naturais. Comezou a chamar ó Anel Único como o seu "precioso" ou o seu "regalo de aniversario", como xustificación do asasinato de Deágol. Viviu nas Montañas Bretemosas durante máis de 400 anos, alimentándose de peixes crus (que recollía desde unha pequena balsa), e de Trasnos e (orcos) mozos, polo que anos máis tarde consideraría repulsiva a comida dos Hobbit e Elfos.
Durante os séculos baixo o influxo do anel, desenvolveu un trastorno de personalidade múltiple: Sméagol, a súa personalidade "bondadosa", aínda recordaba vagamente cousas como amizade ou amor, mentres que Gollum, a súa personalidade "maligna", era escrava do anel e mataría calquera que intentase collerllo.
Samsagaz Gamllí chamaba á personalidade boa como "Adulador" e á mala como "Traidor". As dúas personalidades pelexaban decotío cando dialogaba consigo mesmo (como o mesmo Tolkien declarou, "ó non ter con quen máis conversar") e tiñan unha relación de amor/odio, reflectindo o amor e o odio que Gollum tiña polo anel e por si mesmo.
En xullo de 2941 TI, durante a busca de Erebor, o Hobbit Bilbo Bulseiro tropezou e caeu ó lago subterráneo onde vivía Gollum, atopando o anel que pouco antes Gollum perdera nunha rede de cavernas que se conectaban co lago, se ben pode dicirse que de feito o anel abandonou a Gollum, pois sábese que este tiña vontade propia. Tal como Gandalf diría máis adiante, o anel ocúpase de si mesmo, intenta regresar de novo a Sauron. Despois dun famoso xogo de adiviñas, no que Gollum era inconsciente da perda do anel, Gollum rexeitou a súa promesa de mostrarlle a Bilbo unha saída e planeaba matalo. Fuxindo dun enfurecido Gollum, Bilbo descubriu o poder de invisibilidade, permitíndolle escapar de Gollum e dos Trasnos. Gollum entón berroulle "Ladrón! Bulseiro! Odiámolo por sempre!" (na primeira edición do Hobbit, Gollum non aparece tan desgraciado ou tan ligado ó anel. Tolkien revisou esta caracterización para adecuala ó concepto do anel que desenvolveu durante a escrita d'O Señor dos Aneis. Tolkien entón explicou a versión dada na primeira edición como unha mentira que Bilbo ideou para dicírllela ós ananos e a Gandalf.
Gollum deixou as montañas e perseguiu a Bilbo uns anos despois, pero o rastro case desaparecera. Abriuse camiño cara Mordor, onde foi forzado a revelar o que sabía do anel. Despois foi liberado, pero capturado por Aragorn, que o puxo a disposición dos Elfos do Bosque que vivían no reino de Thranduil no Bosque Escuro. Posteriormente escapou cara a Moria.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/c/c3/Gollum_wax_museum_mexico_city.jpg/250px-Gollum_wax_museum_mexico_city.jpg)
N' O Señor dos Aneis Gollum atopou e seguiu a Irmandade do Anel cara a Moria, e foi descuberto e escoitado por Frodo en varias ocasións. O 15 de xaneiro de 3049 TI, a Irmandade dividiuse cando Gandalf desapareceu mentres loitaba cun Balrog. Gollum continuou rastrexando ós membros restantes. Descoñécese como cruzou a ponte de Khazad-dûm, pero chegou a Lórien sen que a Irmandade o notase. Non penetrou nas terras da dama, pois o poder desta impediullo, e odiaba demasiado ós elfos como para entrar no reino; ademais, os elfos capturaríano rapidamente. Gollum seguiu as súas barcas polo río Anduin (aboiando nun tronco) ata as fervenzas de Rauros e perseguiu a Frodo e Sam a través de Emyn Muil cando se detiveron no seu camiño a Mordor. Gollum seguiunos, pero despois dunha confrontación (na que trabou a Sam e este case o esganou) foi detido por Frodo usando a Aguillón (a súa espada) e ordenoulle que liberase a Sam. Frodo atouno cunha corda élfica arredor do nocello, pero o simple tacto desta corda producíalle unha dor moi intensa. Frodo compadeceuse de Gollum e fixo que lle xurase axudalos. Convindo con este trato, Gollum realizou un xuramento polo "precioso", e Frodo liberouno. Esta nova Irmandade, guiada por Gollum, chegou ata a Porta Negra, a entrada a Mordor.
A bondade de Frodo fixo aflorar a personalidade de "Sméagol", e fixo que polo menos se esforzase en manter a súa promesa. Estes dous personaxes (Frodo e Sméagol) tiñan un lazo especial ó seren ambos portadores do anel; Frodo vía o seu posible futuro en Gollum, e quería salvalo para que deste modo puidese salvarse a si mesmo.
Ó chegaren ó limiar da Porta Negra, atopárona altamente vixiada, e Sméagol convenceunos de non seguir por ese camiño, argumentando que serían capturados e Sauron volvería a posuír o anel. Sméagol ofreceulles guialos polo sur, onde coñecía outro camiño cara a Mordor.
Nese camiño, Frodo e Sam foron capturados por Faramir, e Sméagol seguiunos ás agachadas. Cando Frodo permitiu que Faramir capturase a Sméagol, este sentiuse traizoado, permitindo que a personalidade de "Gollum" gañase o control. Faramir descubriu que o lugar onde Gollum os guiaba era Cirith Ungol, e advertiu a Frodo e Sam do perigo dese lugar.
Frodo, Sam e Gollum deixaron a Faramir e comezaron a cruzar o paso cara Cirith Ungol nos límites das montañas de Ephel Dúath. Gollum entón visitou a Elaraña (a gran tarántula), un descendente de Ungoliant, xa que planeaba traizoar ós Hobbits e levarllos para así obter o anel. Cando regresou cos Hobbits estes estaban durmidos, e ó contemplar a Frodo durmido case sentiu arrepentimento. Porén, Sam espertou e reprendeu asperamente a Gollum. Así, Gollum seguiu co seu plan de levar a Frodo e Sam ó tobo de Elaraña.
Tal e como Frodo lle advertira, o xuramento de Gollum levaríao a desfacer calquera traizón, xa que Frodo e Sam lograron escapar das cavernas de Elaraña e contra tódalas probabilidades chegaron ó Volcán de Orodruin no Monte do Destino. Gollum seguiunos durante todo este camiño, esperando unha oportunidade de tomalos por sorpresa e roubar o anel. Cando Frodo e Sam case chegaban á súa meta atacounos, pero non conseguiu facerse co anel. Momentos máis tarde, Frodo estaba parado no bordo da físgoa da montaña, dubidando se destruír o anel. Ao cabo reclamouno para si e púxoo no seu dedo. Entón Gollum atacouno de novo. Ambos os dous loitaron, aínda que Frodo era invisible, e finalmente Gollum arrincoulle dunha dentada o dedo a Frodo.
Chegado este punto, a bondade de Frodo con Gollum foi recompensada, pois Gollum vacilou no bordo do gran pozo, perdeu o equilibrio e caeu mentres tomaba o dedo de Frodo xunto co anel e daba un último berro de "Precioso!". Se Gollum non tivese vivido ata este momento, Sauron tería unha grande oportunidade de recuperar o anel, xa que sabería onde se atopaba Frodo cando este puña o anel.
Aparicións nos filmes e na radio
[editar | editar a fonte]Peter Woodthorpe foi a voz de Gollum no filme animado d' O Señor dos Aneis (1978) de Ralph Bakshi e na serie de radio da BBC en 1981.
Na versión animada d' O Hobbit (1977), a voz de Gollum foi interpretada polo comediante Brother Theodore.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/3b/Andy_Serkis_2003.jpg/220px-Andy_Serkis_2003.jpg)
Na triloxía de filmes de Peter Jackson, Gollum foi unha criatura xerada por computadora (CGI), coa voz de Andy Serkis, quen tamén proporcionou parte das voces dos Nazgûl e dos Orcos. Apareceu brevemente n'A Irmandade do Anel (2001), e convértese nun personaxe central n'As Dúas Torres (2002) e n'O Regreso do Rei (2003). Este impresionante personaxe dixital foi construído en torno á voz, movementos e expresións de Serkis, algunhas veces utilizando un traxe de captura de movemento que gravaba os seus movementos para aplicalos ó personaxe animado, para despois pasar polo proceso máis laborioso de "pintado" dixital, onde Gollum substituiría a imaxe de Serkis. Nunha das tomas d' As Dúas Torres, pódese ver a saliva de Serkis cuspida a través da boca de Gollum.
N' O Regreso do Rei, o mesmo Serkis aparece nunha escena de flashback caracterizando a Sméagol antes de converterse en Gollum. Esta escena foi orixinalmente gravada para aparecer n' As dúas Torres, pero gardouse para o seguinte filme porque se pensou que a audiencia entendería ó Sméagol orixinal unha vez que estivesen máis familiarizados con Gollum. A decisión de incluír esta escena significou que terían que redeseñar a cara de Gollum na segunda e terceira película para que fose máis similar á cara de Serkis (por esta razón as breves aparicións de Gollum n' A Irmandade do Anel locen lixeiramente diferentes).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |