Mordor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O «Ollo Vermello» de Sauron

Mordor (en sindarin "país negro") é un país ficticio da Terra Media, o universo de ficción de J. R. R. Tolkien. Foi a rexión onde se refuxiou o Señor Escuro Sauron ata a conclusión da Guerra do Anel, no ano 3019 TI. É a terra do mal por excelencia na obra de Tolkien.

Nesta rexión principalmente volcánica, situada ó leste de Gondor, Sauron forxou o Anel Único nas fraguas do Monte do Destino, contra o ano 1600 SI, co obxectivo de dominar por completo ós pobos da Terra Media. Miles de anos despois, Mordor converteuse no escenario das últimas aventuras dos membros da Irmandade do Anel no seu afán por destruír o Anel Único, durante a Guerra do Anel.

Xeografía[editar | editar a fonte]

En élfico significa "Terra Negra". Segundo o escritor, estaba situada aproximadamente na latitude da cunca volcánica mediterránea, coa montaña do Orodruin en analoxía co Stromboli. Mordor atópase ó leste de Gondor, na ribeira oriental do baixo Anduin, ó norte do próximo Harad e Khand, e ó sueste do Mar de Rhûn.

A súa xeografía componse principalmente de tres tipos de terreo volcánico: A Meseta de Gorgoroth, as Chairas de Lithlad (Chaira de cinza) na zona de Nurn, e as enormes murallas montañosas formadas por dúas grandes cordilleiras que se unen nun ángulo ó noroeste, e que dan a Mordor a forma de, máis ou menos, un cadrado aberto polo lado oriental. A muralla pétrea setentrional son as Ered Lithui (ou Montañas de Cinza) e a occidental componse dos internos Morgai e os externos Ephel Dúath (ou Montañas da Sombra), unha dobre cordilleira ca cara externa e interna separadas unha doutra por fallas, segundo Fonstad.

O punto de unión das Ered Lithui cas Ephel Dúath áchase no vértice noroccidental. Ese lugar coñécese como Cirith Gorgor (o Paso dos Espectros) e é alí onde se encontra o Morannon, a Porta Negra de Mordor. Tanto as Ered Lithui por un lado como as Ephel Dúath polo outro, posúen bifurcacións montañosas que se adentran en Gorgoroth. Unha delas procede das Ered Lithui, que se achega a Orodruin, e logo hai dúas máis, máis ó leste, procedendo unha delas das Ered Lithui e a outra do Morgai-Ephel Dúath; estas dúas últimas, case uníndose no centro de Mordor, limitan polo leste e o sur a meseta de Gorgoroth, separándoa de Nurn, o Mordor sudoriental.

Escenario de Mordor nos filmes de Peter Jackson

Nun voo aéreo, entrando polo Morannon, poderíase percorrer Cirith Gorgor ata o val de Udûn, presumiblemente unha antiga caldeira volcánica (producida polo afundimento dalgún antigo volcán, un coloso máis alto có Everest), segundo K. W. Fonstad; seguir logo a través do paso da Gorxa de Ferro, e chegar á inmensa meseta de Gorgoroth.

Diante, a poucos quilómetros, poderíase ver o volcán Orodruin, o Monte do Destino. O camiño que sae da Gorxa de Ferro bifúrcase en dous: un rodea o Orodruin polo norte ata chegar ó outro lado, onde se encontra Barad-dûr, a Torre Escura, no extremo sur da desviación montañosa das Ered Lithui.

O outro camiño bifúrcase en varios máis que proseguen paralelos á cordilleira dos Morgai ata o sur. Un deles elévase primeiro polas montañas, e logo da fortaleza orca de Durthang, segue a liña dos Morgai en dirección á Torre de Cirith Ungol.

Se se xira en dirección ó centro de Gorgoroth, desde as alturas e mirando contra o Orodruin e máis alá, pódese ver tamén ó lonxe a inmensa ponte de ferro que sae de Barad-dûr, chegando o Camiño de Sauron ás ladeiras do volcán cruzando a meseta, e débil pola distancia percíbese quizais a entrada oriental das Sammath Naur. Ó dirixirse ó sueste sáese de Gorgoroth polo amplo paso que deixan as dúas desviacións montañosas, entrando en Nurn.

Ó lonxe está o Mar de Núrnen, a grande extensión de auga salgada, alimentada por varios ríos de escuras augas que nacen nas cordilleiras de Mordor (todos excepto o río Poros, que en lugar de alimentar o Mar, transporta as súas augas ata o Anduin, fóra de Mordor). Xunto ó mar está Lithlad, a Chaira de Cinza. Preto hai inmensos campos de cultivos traballados por escravos ás ordes de Sauron, os proveedores de alimentos da Torre Escura.

Máis alá do Mar de Núrnen, contra o leste, está o límite oriental de Mordor. Ó outro lado están Khand e Rhûn.

Historia[editar | editar a fonte]

Mordor foi fundado por Sauron arredor do ano 1000 SI, cando empezou a temer ós Numenóreanos, que crecían en poder e comezaban a establecer colonias permanentes na Terra Media. Nesa mesma época, empezou a construción de Barad-dûr. Desde entón foi unha fortaleza do mal.

No ano 1600 da Segunda Idade Sauron finalizou a construción da súa Torre e tamén forxou o Anel Único no Orodruin.

Desde Mordor, Sauron dirixiu a posterior Guerra cos Elfos e devastou Eriador ata que, en 1700, Sauron é derrotado e expulsado cara o leste, se ben volvería anos máis tarde.

En 3262 SI, Mordor volve ficar sen señor cando Sauron entrégase a Ar-Phârazon e é conducido a Númenor.

Sauron retornou a Mordor no 3320, logo da Caída de Númenor, e no 3429 atacou ó recentemente fundado Gondor.

O exército da Última Alianza invadiu Mordor en 3434 e sitiou Barad-dûr. Sete anos máis tarde Sauron é derrotado de novo, ó privalo do Anel Único, e tódolos seus servidores foron expulsados.

Mordor quedou baleira. Durante a Terceira Idade, Gondor quixo evitar que ningunha arte maligna volvera a penetrar en Mordor, e así construíu fortalezas como Durthang, as Torres dos Dentes (situadas ante o Morannon) e a Torre de Cirith Ungol, situada no paso do mesmo nome. Porén, a Gran Peste de 1636 provocou que as fortalezas foran abandonadas, e Mordor quedou sen garda.

Os Nazgûl penetraron en Mordor en 1980 e volveron a habitalo, comezando os lentos preparativos da terra para o retorno de Sauron, que por entón moraba disfrazado en Dol Guldur.

No 2002 os Nazgûl sitiaron Minas Ithil, e dous anos máis tarde convertírona en Minas Morgul, e Cirith Ungol foi tamén posuída polo mal. A partir de entón, Mordor volveu unha vez máis a quedar baleira, pois os Nazgûl instaláronse en Minas Morgul, se ben pouco a pouco fixeron acto de presenza pobos de uruks que se asentaron e creceron ás ordes do Rei Bruxo, atacando en repetidas ocasións Ithilien arredor do 2900.

No 2942 Sauron regresou a Mordor e en 2951 declarou abertamente a súa presenza e empezou a reconstrución de Barad-dûr.

No ano 2954 a actividade volcánica rexurdiu no Orodruin, facendo fuxir ós últimos habitantes de Ithilien.

Pouco despois, Gollum chegou a Mordor e foi apreixado. Trala súa liberación descubriu o paso de Cirith Ungol (a entrada secreta a Mordor) e o Antro de Ela-Araña.

No ano 3000 o poder de Mordor alongouse coa conexión entre a Palantír de Minas Ithil e a de Orthanc.

Durante a Guerra do Anel moitos exércitos, tanto de orcos como de humanos do sur e do leste, agrupáronse en Mordor, e posteriormente atacaron Gondor.

Finalmente, coa destrución do Anel Único e a erupción violenta do Orodruin, Mordor estremeceuse con terremotos que o devastaron, e moitas das obras de Sauron foron destruídas.

Durante a Cuarta Idade, Nurn foi cedido ós escravos de Sauron que o traballaban xa desde facía tempo, mentres que o noroeste de Mordor foi durante moitos anos unha terra estéril e morta.