1000 12/16

O Señor dos Aneis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Señor dos Aneis
El Señor de los Anillos lectura.jpg
O Anel Único, arredor de cuxa destrución xira a trama da novela, enriba dunha páxina do libro.
Título orixinalThe Lord of the Rings
Autor/aJ. R. R. Tolkien
Ilustrador/aAntonio Doñate Mañeru (gl)
OrixeReino Unido
LinguaInglés
ColecciónFóra de Xogo (nº 56, 57 e 58)
Xénero(s)Novela
EditorialFlag of the United Kingdom.svg Allen & Unwin
Galicia Edicións Xerais
Data de pub.Flag of the United Kingdom.svg 1954-55
Galicia 2001
FormatoRústico cosido a fío.
Páxinas520 (Tomo I en gl)
440 (Tomo II en gl)
400 (Tomo III en gl)
ISBNISBN 84-8302-683-X (Tomo I en gl)
ISBN 84-8302-826-3 (Tomo II en gl)
ISBN 84-8302-916-2 (Tomo III en gl)
Precedido porO Hobbit
Seguido porThe Adventures of Tom Bombadil
TraduciónMoisés Barcia Rodríguez

O Señor dos Aneis[1] (en inglés: The Lord of the Rings) é unha triloxía épica de fantasía escrita por J. R. R. Tolkien. A historia comezou como unha secuela da novela de fantasía de Tolkien de 1937 O Hobbit, mais finalmente converteuse nunha obra moito maior. Escrita por etapas entre 1937 e 1949, O Señor dos Aneis é un dos libros máis vendidos de tódolos tempos, con máis de 150 millóns de copias vendidas.[2]

O título da novela refírese ó principal antagonista da historia, o señor escuro Sauron, que na idade antiga creou o Anel Único para dominar os outros Aneis de Poder como a arma definitiva na súa campaña por conquistar e gobernar toda a Terra Media. A historia comeza na Comarca, unha terra de hobbits non moi diferente da campiña inglesa, e avanza por toda a Terra Media seguindo o curso da Guerra do Anel a través dos ollos dos principais personaxes, os hobbits Frodo Bulseiro, Samsagaz "Sam" Gamllí, Meriadoc "Merry" Brandigamo e Peregrin "Pippin" Tuc, os homes Aragorn e Boromir, un capitán de Gondor, Gimli, un guerreiro anano, Legolas, un príncipe elfo e Gandalf, un mago.

Orixinalmente, a obra foi concibida por Tolkien para ser un volume dunha colección de dous, sendo o outro O Silmarillion, mais esta idea foi rexeitada pola editorial.[3] Por razóns económicas, O Señor dos Aneis foi publicado en tres volumes dende o 29 de xullo de 1954 até o 20 de outubro de 1955.[3][4] Os tres volumes foron titulados A Irmandade do Anel, As Dúas Torres e O Regreso do Rei. Estruturalmente, a novela está dividida de xeito interno en seis libros, dous por volume, con varios apéndices de material de fondo incluídos no final. Algunhas edicións combinan a obra completa nun único volume. O Señor dos Aneis foi republicado en numerosas ocasións e foi traducido a 38 linguas.

A triloxía foi traducida ó galego por Moisés Barcia Rodríguez e publicada pola editorial Edicións Xerais no ano 2001.[1][5] Foi traducida de novo ó galego por Barcia e publicada nun único volume por Sushi Books, selo editorial de Rinoceronte Editora, no ano 2018.[6]

Trama[editar | editar a fonte]

O libro conta a aventura do hobbit Frodo Baggins (Frodo Bulseiro na tradución galega) na súa viaxe rumbo ó Monte do Destino, co fin de destruír o anel de poder forxado por Sauron, o grande Inimigo Escuro, motivo da trama da triloxía. Sauron, o Señor Escuro de Mordor, é o principal vilán da historia, creador do Anel Único que utilizou para controlar o poder dos demais Aneis.

O Señor dos Aneis constitúe a continuación dun libro anterior de Tolkien, O Hobbit, que trata da historia de como o Anel do Poder pasa ás mans do tío de Frodo Bulseiro, Bilbo Bulseiro. Nun nivel máis profundo constitúe a continuación doutro libro chamado O Silmarillion, que fala da creación da Terra Media, de todas as criaturas que nela habitan, do primeiro Señor Escuro, mestre de Sauron e das loitas polos Silmarils.

O Señor dos Aneis narra a historia dun grupo de seres (elfos, hobbits, ananos, humanos), que forman a Irmandade do Anel, no seu intento por destruír o Anel Único, forxado por Sauron, o amo do mal. É a historia do heroe do pobo chan, daquela persoa que aínda sabendo que o seu destino pode ser fatal, loita por cumprilo, pois del depende a continuidade do seu mundo.

Aínda que algúns o consideran o comezo da fantasía épica, existen múltiples precedentes, como o Conan de Robert E. Howard, ou as historias do Rei Artur. Non obstante, ningún dos seus predecesores tivo a habilidade de crear toda unha mitoloxía no extremo que o fixo J.R.R. Tolkien, xa que o escritor literalmente inventou un mundo completo coa súa xeografía, a súa historia, as súas linguas, lendas e cancións, creando un universo literario de profundidade e riqueza que dota á novela dun ar de verosimilitude, dando lugar a un verdadeiro exercicio de mitopoese (das palabras gregas que significan "creación de mitos")

Publicación[editar | editar a fonte]

A novela como tal fora encargada por George Unwin, que desexaba aproveitar o éxito que tivera O Hobbit. Porén, O Señor dos Aneis defraudou nun principio os editores, que agardaban unha novela "máis para nenos", ao estilo do propio Hobbit e encontráronse cunha composición de máis de mil páxinas nun estilo moito máis adulto, que non era o que encargaran, e dubidaban do seu éxito, e ademais a súa publicación sería moito máis cara. Crese que foi idea dos editores dividir a novela en tres libros para abaratar os custos da súa publicación e avaliar a acollida polo público. A comezos dos anos 50 había unha gran carestía de papel como consecuencia do período de posguerra. O mesmo Tolkien nunca estivo moi de acordo con esta decisión, e, en particular, sempre criticou o título do terceiro libro (O Regreso do Rei), que, segundo el, anticipaba o desenlace da novela.

Un dos Nazgûl de a cabalo nun outeiro.

A novela divídese entón en tres partes, que acostuman publicarse por separado, e un libro de apéndices:

  • A Irmandade do Anel: Presenta o conflito básico da historia, explicando quen son os hobbits, personaxes esenciais no enredo, e reúne os protagonistas. O nome foi evidente, pois Tolkien mesmo o anticipa na novela tras o Consello de Elrond no que se xuntan todos os protagonistas principais.
  • As Dúas Torres: Narra o conflito con Saruman. O nome non está claro. Nunca se soubo con certeza se as dúas torres eran Minas Tirith e Minas Morgul, Minas Tirith e Barad-dûr, Minas Tirith e Orthanc, Orthanc e Barad-dûr ou unha mestura de todas elas.
  • O Regreso do Rei: Nun principio chamado por Tolkien A Guerra do Anel, aínda que cambiado polos editores que non o encontraban comercial, contén, segundo palabras do propio Tolkien, a descrición da última defensa contra a Sombra.
  • Apéndices: Recompilación dunha serie de historias curtas, xenealoxías, calendarios e, como Tolkien era un grande lingüista, é natural que haxa notas sobre os idiomas ficticios que el creou, sendo os principais o quenya e o sindarin.

O autor foi minucioso canto ás descricións dos lugares e personaxes e, debido á inmensa cantidade de lugares, elaborou mapas que son útiles para entender o camiño de cada un na Irmandade do Anel. Xustamente por pasar en varios lugares, os libros deben ser lidos con bastante atención.

Desde a súa primeira publicación, foi un enorme éxito editorial, que cativou e continúa cativando un gran público, converténdose nunha das novelas máis importantes do século XX, non soamente polo seu éxito, senón tamén desde un punto de vista literario, ao practicamente crear un estilo novo dentro da literatura.

Lugar dentro da obra de Tolkien[editar | editar a fonte]

Representación dun cabaleiro de Rohan.

O libro é de grande relevancia para os interesados na filoloxía, debido a que Tolkien mestura varios idiomas nel, algúns inventados (como as linguas élficas Quenya e Sindarin), e outras variacións do inglés ou do anglosaxón, que coñecía perfectamente por ser profesor destas materias na Universidade de Oxford. Desta forma, á lingua dos habitantes de Rohan deulle un parecido coa dos anglosaxóns (por admiración de Tolkien a este pobo e porque, dalgunha maneira, os rohirrim parecíanse a estes) e en Gondor falan nun inglés moi protocolario, os elfos, con frecuencia, en élfico etc.

Comparando as dúas obras de Tolkien máis próximas a "O Señor dos Aneis", se ben é certo que "O Silmarillion" é cronoloxicamente anterior ao Hobbit, non é exactamente a súa predecesora, xa que mentres aquela se dedica na súa inmensa maioría aos Días Antigos e ás loitas dos Elfos contra Morgoth polos Silmarils e o dominio de Beleriand, e na que nin sequera se mencionan os Hobbits, O Hobbit relata acontecementos moito máis próximos no tempo do Señor dos Aneis, podéndose considerar como o seu prólogo.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Da novela realizáronse unha película de debuxos animados dirixida por Ralph Bakshi, que tivo un discreto éxito, e unha superprodución, presentada en tres partes como a novela, dirixida polo neozelandés Peter Jackson. Esta segunda adaptación tivo un grande éxito de público e reviviu o fenómeno Tolkien, sendo (as tres partes xuntas) a película de cine máis longa xamais rodada e a que conseguiu maior número de premios Oscar da Academia de Cine dos EUA, 17 Oscar entre as tres películas, sendo a máis galardoada a terceira parte, que obtivo 11 (os mesmos que un mito do cine, a película Ben-Hur), entre eles o de mellor película, mellor director e mellor guión adaptado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 O señor dos aneis I. A irmandade do anel. Traducido por Moisés Barcia Rodríguez (1ª ed.). Vigo: Edicións Xerais. 2001. ISBN 84-8302-683-X – vía BiTraGa. 
  2. Wagner, Vit (16 de abril de 2007). Toronto Star, ed. "Tolkien proves he's still the king". Arquivado dende o orixinal o 9 de marzo de 2011. Consultado o 8 de marzo de 2011. 
  3. 3,0 3,1 Reynolds, Pat. "The Lord of the Rings: The Tale of a Text" (PDF). The Tolkien Society. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 3 de marzo de 2016. Consultado o 24 de outubro de 2015. 
  4. "The Life and Works for JRR Tolkien". BBC. 7 de febreiro de 2002. Arquivado dende o orixinal o 1 de novembro de 2010. Consultado o 4 de decembro de 2010. 
  5. "Moisés Barcia fálanos da traducción ó galego de "O señor dos aneis'", entrevista en Cultura Galega, 19 de decembro de 2001.
  6. Rinoceronte.gal (ed.). "O Señor dos Aneis en Sushi Books". Consultado o 13 de xuño de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]