Fëanor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fëanor ameazando a Fingolfin, segundo Tom Loback

Fëanor é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien que aparece na súa obra O Silmarillion. Era un elfo nado durante os Anos das Árbores, célebre polas súas proezas creativas. Entre elas sobresaen os Silmarils, as xoias arredor das que xira gran parte da mitoloxía de Tolkien. O seu nome é unha mestura entre a forma Sindarin Faenor e a Quenya Fëanáro, e significa "Espírito de Lume"

Personaxe[editar | editar a fonte]

Fëanor era o fillo máis vello de Finwë, o Alto Rei dos Noldor, e da súa primeira esposa Míriel Þerindë, que morreu logo de dar a luz. Finwë volveu casar e tivo dous fillos máis, Fingolfin e Finarfin, e dúas fillas, Findis e Irimë. Fëanor casou con Nerdanel, filla de Mahtan, que lle deu sete fillos: Maedhros, Maglor, Celegorm, Caranthir, Curufin, Amrod e Amras.

Fëanor foi discípulo de Mahtan, quen á súa vez o era do Vala Aulë. Era un artesán e creador de xoias, inventor da escritura Tengwar e artífice dos palantíri, as pedras videntes (fazaña que segundo Gandalf superaba as capacidades de Sauron e Saruman).

Cando atinxiu o cumio do seu poder, Fëanor, "no meirande dos seus logros, capturou a luz das dúas árbores para crear os tres Silmarils, tamén coñecidos como Grandes Xoias, malia non seren meras pedras escintilantes, senón seres vivos, imperecedoiros e sagrados" Non se explica en detalle como Fëanor foi quen de crear estes obxectos. Nin sequera os Valar, Aulë incluído, podían igualalos, e de feito o propio Fëanor era incapaz de copialos, pois durante a súa creación insuflara neles parte da súa esencia. No universo de Tolkien, o valor dos Silmarils era case que infinito, mesmo para os Valar, pois eran únicos e insubstituíbeis.

Fëanor valoraba os Silmarils por riba de todas as demais cousas, e no seu interior medrou a sospeita de que os Valar e os outros Eldar os cobizaban. Neste período Melkor foi liberado do seu cativerio de tres idades, recibiu o perdón dos Valar e ficou en Valinor. Comezou a corromper os Noldor, en especial a Fëanor, e malia que este non confiaba nel, viuse envolto na trama de Melkor de todos os xeitos.

Melkor utilizou o anoxo de Fëanor na súa contra: fíxolle crer que seu medio irmán Fingolfin planeaba suplantalo como herdeiro de Finwë. Fëanor ameazou de morte a Fingolfin (foi neste período cando os Noldor, empurrados polos enganos de Melkor, comezaron a forxar armas) e como castigo, os Valar enviaron a Fëanor ao exilio en Formenos. Levou consigo unha cantidade considerábel de tesouros, entre eles os Silmarils, fechados nunha caixa metálica. En apoio do seu primoxénito, Finwë tamén se retirou a Formenos.

A seguir os Valar descubriron que Melkor estaba detrás das accións de Fëanor, e enviaron a Tulkas para capturalo, mais Melkor xa fuxira. Posto que, en ausencia de Finwë e Fëanor, Fingolfin convertérase en rei, semellaba que as mentiras de Melkor estaban fundadas. Melkor volveu tentar convencer a Fëanor, mais este decatouse de que o verdadeiro obxectivo do Vala maligno era facerse cos Silmarils. Alporizado, Melkor marchou, e os Valar convidaron a Fëanor e Fingolfin a Valinor para facer as paces. Fingolfin tendeulle a man ao seu medio irmán, recoñecendo o lugar de Fëanor como o primoxénito, e este aceptouna de má gana.

Entrementres, Melkor foi a Avathar no sur de Aman na procura da maléfica criatura arácnida Ungoliant. Esta axudou a Melkor a destruír as Dúas Árbores, e despois ambos foron a Formenos, asasinaron a Finwë e roubaron os tres Silmarils. Logo escaparon a través do Helcaraxë, ou Xeo Compacto, cara ao norte de Beleriand.

A destrución das árbores tivo lugar durante a reconciliación de Fëanor e Fingolfin. Ao decatárense os Valar de que a luz das árbores pervivía só nos Silmarils, pediron a Fëanor que llelos cedese para sandar ás árbores. Fëanor respondeu

"Quizais sexa certo que podo abrir as miñas xoias, mais non volverei crear nunca outras semellantes; e se debo crebalas, crebarei o meu corazón"

Tulkas tentou obrigar a Fëanor (coa palabra) para que se desprendese dos Silmarils. A isto replicou que non lles daría os Silmarils pola súa propia vontade, e que se o forzaban a facelo non serían mellores ca Melkor.

Maedhros, o fillo máis vello de Fëanor, chegou e informou do asasinato de Finwë (converténdose así no primeiro elfo en ser asasinado en Valinor) e do espolio perpetrados por Melkor. Sen a luz viva dos Silmarils, Yavanna non podía sandar as dúas árbores. Aínda que a perda das xoias ocorrera antes de que lle foran pedidas a Fëanor, moitos dos Eldar recrimináronlle a súa negativa.

Agora os Valar e os Eldar comprendían plenamente o alcance da traizón de Melkor. Fëanor, ao saber dos crimes de Melkor, deulle o nome de "Morgoth", ou "Inimigo Escuro do Mundo", polo cal o coñecerían por sempre os Elfos. Agora en calidade de Rei dos Noldor, Fëanor pronunciou o discurso máis apaixonado nunca dado en Arda, aínda que inadvertidamente contaminado pola maldade de Morgoth. Nel arremeteu contra o Grande Inimigo, mais por mor da influencia deste, tamén culpou aos Valar das accións de Morgoth. Convenceu á maioría do seu pobo de que como os Valar os abandonaran, debían seguilo na súa viaxe á Terra Media para loitar contra Morgoth. Fëanor pronunciou entón xunto cos seus sete fillos un terríbel xuramento: loitar contra todo aquel que retivese os Silmarils, xa for Elfo, Home, Maia ou Vala, e invocou a Ilúvatar como testemuña. Isto pasou a coñecerse como o Xuramento de Fëanor e máis adiante foi motivo de grandes traxedias na Terra Media, en especial para os seus sete fillos.

Na súa procura dun xeito de chegar á Terra Media, dirixiuse ás beiras de Aman, onde vivían os Elfos mariñeiros Teleri, e pediulles axuda. Cando os Teleri se negaron a cederlle ou emprestarlle os seus barcos, Fëanor ordenou aos Noldor que os tomasen pola forza. Os Teleri resistíronse e estalou unha batalla na que morreron moitos deles, coñecida de alí en diante como a Matanza de Alqualondë, a primeira matanza entre Elfos.

Arrepentíndose da atrocidade, Finarfin, o terceiro fillo de Finwë, marchou de volta co seu exército. Os Valar aceptárono e Finarfin gobernou como Alto Rei dos Noldor en Valinor.

Como non había barcos abondo para transportar a todos os Noldor por mar, Fëanor e os seus fillos encabezaron o primeiro grupo. Ao chegaren a Losgar, na terra de Lammoth, no extremo oeste de Beleriand, decidiron queimar os barcos e deixar atrás aos seguidores de Fingolfin. Estes viron as lapas e comprenderon que se querían chegar á Terra Media, non tiñan máis opción que atravesar o xeo do Helcaraxë. Negándose a volver para Valinor, emprenderon a viaxe baixo a guía de Fingolfin, e sufriron grandes perdas polo camiño, que contribuíron en gran medida á animosidade que sentían por Fëanor e os seus fillos.

Ao saber da chegada dos Noldor, Morgoth convocou os seus exércitos da súa fortaleza de Angband e atacou o campamento de Fëanor en Mithrim. Este enfrontamento coñeceuse máis tarde como a Batalla baixo as Estrelas ou Dagor-nuin-Giliath, xa que o sol e a lúa aínda non foran creados. Os Noldor conseguiron imporse na batalla e destruír o exército de Morgoth. Fëanor, aínda alporizado, forzou o avance cara a Angband xunto cos seus fillos. Mesmo chegou a albiscar Angband, mais caeu nunha emboscada de Balrogs cun número reducido de elfos ao seu carón. Loitou con afouteza, atacando mesmo logo de recibir varias feridas de Gothmog, capitán dos Balrogs. Os seus fillos atacaron os Balrogs cunha grande hoste de elfos, e conseguiron pólos en fuga. Porén, mentres o retiraban do campo de batalla, Fëanor sabía que as súas feridas eran mortais. Maldiciu a Morgoth tres veces, mais na súa agonía era consciente de que sen axuda os elfos non serían quen de derrubar a fortaleza de Thangorodrim. Con todo, ordenou aos seus fillos que mantivesen o xuramento e vingasen a seu pai (isto condicionaría en grande medida os acontecementos que tiveron lugar na Terra Media durante a Primeira Idade). No momento da súa morte o seu ardente espírito reduciu a cinzas o seu corpo.

Segundo unha profecía de Mandos, após o regreso e derrota definitivos de Melkor na Dagor Dagorath (Batalla de Batallas), o mundo mudará e os Silmarils serán recuperados polos Valar. Fëanor será liberado das Estancias de Mandos e concederá a Yavanna as Grandes Xoias, coas que revivirá as Dúas Árbores. Entón achaiaranse as Montañas Pelóri e a luz das árbores encherá o mundo dunha eterna dita.

Na cultura popular[editar | editar a fonte]

No álbum Nightfall in Middle-Earth de Blind Guardian de 1998 a canción 'The Curse of Feanor' contén o seu xuramento de perseguir a Morgoth.

O grupo ruso de power-metal Epidemia ten unha canción titulada Fëanor, que relata a súa campaña contra Morgoth e a súa morte.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]