Boromir
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2016.) |
|
Boromir (2978 - 3019 T.I.), un personaxe de fantasía do universo da Terra Media de J. R. R. Tolkien, é un dos nove camiñantes que formaron a Irmandade do Anel no seu libro de fantasía, O Señor dos Aneis. El aparece nos primeiros dous volumes, A Irmandade do Anel e As Dúas Torres, e é mencionado no derradeiro volume, O Regreso do Rei.
Era o fillo máis vello de Denethor II, o último dos mordomos de Gondor. Como descendente dos Numenorianos, el era alto, de cabelo longo, e tiña ollos grises. Tamén tiña unha incrible forza física.
Adaptacións
[editar | editar a fonte]Tanto na película de animación dirixida por Ralph Bakshi en 1978 como no serial radiofónico emitido pola BBC en 1981, a voz de Boromir foi interpretada por Michael Graham Cox. Na película de Bakshi, Boromir foi debuxado cun aspecto de bárbaro ou viquingo, incluso con dous afiados cornos no casco, que nada ten que ver co texto de Tolkien.
Triloxía cinematográfica de O Señor dos Aneis
[editar | editar a fonte]Na triloxía de Peter Jackson, o actor Sean Bean interpreta o personaxe de Boromir. En contra da distribución dada por Tolkien para os feitos da novela, a morte de Boromir sucede ao final de A Irmandade do Anel, en vez de ao principio de As dúas torres, pois os guionistas decidiron usar esta escena como desenlace da primeira película. Esta decisión implicou que o papel de Sean Bean se limitara case en exclusiva a O Señor dos Aneis: A Irmandade do Anel, aparecendo nas outras dúas unicamente en diversos flashbacks, que conseguen, non obstante, que o actor apareza nos créditos das tres películas:
- Na versión exhibida en cines de O Señor dos Aneis: As Dúas Torres aparece brevemente ao principio, cando se repite a escena da caída de Gandalf e o balrog en Moria a modo de flashback de enlace.
- Na edición estendida da anterior, Boromir aparece en dúas escenas máis: un recordo de Faramir, no que se ve como chega o seu cadáver a Gondor flotando sobre unha balsa polo Anduín, co Corno de Vorondil roto en dúas partes sobre o peito; e outro dunha conversación sobre o «Dano de Isildur» entre os dous irmáns e o seu pai tras a vitoria de Osgiliath e antes de que Boromir parta para unirse ao Concilio de Elrond.
- Na versión reproducida nas salas de O Señor dos Aneis: O Regreso do Rei, Sean Bean aparece nunha breve lembranza de Pipin sobre o seu heroico sacrificio.
- Na edición estendida desta última, aparece ademais na visualización dun desvarío de Denethor II, que confunde a Faramir co seu fillo máis vello, morto.
Outra diferenza argumental relacionada con Boromir é a representación da súa morte: mentres que na novela se narra como é abatido por frechas lanzadas por anónimos uruks liderados por Uglúk, na película os guionistas decidiron dar un papel máis relevante a Lurtz, un personaxe uruk inventado por eles, sendo este o que dá morte a Boromir co seu arco.
En canto ao aspecto físico do personaxe e a súa caracterización, Sean Bean ten o cabelo claro, mentres que Tolkien describe a Boromir co cabelo moreno. Ademais, na novela, Boromir utiliza unha espada longa e unha daga, e non usa cota de malla, ou polo menos non se específica; mentres que Sean Bean si a viste no filme, e emprega unha espada ancha.
A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |