Húrin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Húrin Thalion è un personaxe ficticio pertencente ao legendarium de J.R.R. Tolkien, que aparece nas súas obras The Children of Húrin, O Silmarillion e The War of the Jewels. Foi un heroe e un dos maiores guerreiros entre os homes da Primeira Idade. Húrin, cuxo nome significa firme, resolto en Sindarin, era o fillo máis vello de Galdor, o Alto e Hareth, e tiña un irmán máis novo, Huor.

Biografía[editar | editar a fonte]

Húrin viviu co seu pobo no Bosque de Brethil até o ano 458 da Primeira Idade, cando se uniu, xunto co seu irmán, ao grupo de guerra contra os orcos. Os irmáns separaronse da súa compañía, pasando polo Val de Sirion. Como eran perseguidos polos orcos, o Vala Ulmo causou a aparición dunha néboa, axudando aos irmáns a escapar a Dimbar. Alí, dúas aguias transportáronos até Gondolin. En Gondolin, o Rei Turgon recibiunos, recordando a profecía de Ulmo: que a Casa de Hador (á cal pertencían Húrin e Huor) iría axudar a Gondolin cando esta máis o precisase. Turgon desexaba que os irmáns permanecesen en Gondolin, mais a vontade de Húrin e Huor era a de retornar xunta o seu pobo. Os irmáns entón xuraron manter Gondolin en segredo, e as aguias transportáronos novamente, desta vez para Dor-lómin.

No ano 462, Morgoth atacou Hithlum, e Galdor, pai de Húrin, pereceu defendendo Ered Wethrin. Húrin perseguiu os orcos polas chairas de Anfauglith. Despois disto, Húrin pasou a reinar sobre o feudo de Dor-lómin, en Hithlum.

Dous anos despois casou con Morwen, da casa de Bëor, e máis tarde aquel mesmo ano tiveron un fillo Túrin, que foi seguido por unha filla Urwen, máis coñecida como Lalaith pola semellanza que presentaba cunha nena élfica, que morreu con só tres anos por causa dunha praga enviada de Angband por Morgoth.

En 472, na batalla Nirnaeth Arnoediad, Húrin loitou a carón do seu irmán Huor, liderando aos Fillos de Hador. Ao longo da batalla, encontrouse novamente con Turgon, o que resultou un encontro agradábel. A pesar de saíren derrotados, Húrin e Huor continuaron a loitar cos orcos, permitindo escapar a Turgon. Huor foi asasinado, mais Húrin loitou co seu machado até ser acurralado nunha montaña de orcos e trolls mortos. Húrin foi capturado por Morgoth, quen maldiciu aos seus parentes por negárense a revelar a localización da cidade de Gondolin.

Húrin foi aprisionado nos picos de Thangorodrim, inmobilizado maxicamente nun asento para que puidese ver todos os males que aflixirían ao seu fillo Túrin e á súa segunda filla, Nienor, que naceu mentres era prisioneiro de Morgoth. Húrin só podía ver aquilo que Morgoth lle revelaba, restando valor ás súas boas accións e ensombrecendo os consellos de Thingol e os Haladin. A súa amargura viuse acrecentada aínda máis polo xeito no que os seus fillos, baixo o influxo dos meigallos do dragón Glaurung, casaron e máis tarde se suicidaron.

Após vinte anos de cativerio e trala morte dos seus fillos, Morgoth deixou en liberdade a Húrin. Chegou á súa vella terra natal en Hithlum, mais os Homes do Leste que vivían alí ao primeiro non o recoñeceron, e logo temérono, pensando que era un servo do señor maligno Morgoth. A casa de Hador fora destruída, e aqueles que pasaran a ser escravos ou foraxidos ollábano con sospeitas e medo.

Sete foraxidos baixo o mando de Asgon uníronse a Húrin, e xuntos marcharon para o Val do río Sirion. Húrin abandonou os seus seguidores e procurou a entrada a Gondolin, mais a Cidade Oculta estaba pechada, e nun principio Turgon non quixo deixalo entrar. Húrin berrou contra Turgon, revelando así a localización de Gondolin aos espías de Morgoth, e logo marchou. Cando xa se fora, Turgon mudou de idea e enviou algunhas aguias a buscalo, mais chegaron tarde e non o atoparon.

Húrin proseguiu cara á fraga de Brethil, onde morreran os seus fillos, e reuniuse coa súa muller na tumba deles en Cabed-en-Aras, xusto antes de que ela morrese tamén. Enfurecido e desesperado, foi na procura da Xente Haleth, á que culpaba da morte da súa muller e dos seus fillos, e instigou unha revolta que acabou cos derradeiros Haladin. Hardang, o xefe de Brethil, temeroso de Húrin, encarcerouno e tentou asesinalo, mais Manthor defendeu a causa de Húrin e osdous conseguiron pór á Xente de Brethil na contra de Hardang e asasinalo. Porén, o propio Manthor morreu.

Húrin volveuse reunir cos foraxidos, e o grupo viaxou a Nargothrond, onde Húrin matou o Anano Mîm, que reclamara para si o tesouro de Glaurung, facendo que unha maldición recaese sobre o ouro. Húrin e os seus foraxidos levaron o tesouro (incluíndo o colar Nauglamír) ao reino de Doriath, insultando a Thingol ao darllo como pagamento por "ter coidado ben" dos parentes de Húrin.[1] Deste xeito, Húrin fixo que Doriath tamén fose maldicido, o que acabou provocando a súa caída.

As doces palabras de Melian conseguiron penetrar na anubrada mente de Húrin, que por fin se decatou de que todas as súas accións non fixeran máis que axudar a Morgoth. Sengundo contaban os rumores, Húrin, abatido, suicidouse guindándose ao mar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo a historia orixinal, os foraxidos non aceptaron isto, e librouse unha dura batalla en Menegroth, na que morreron todos eles e na que o ouro foi maldicido aínda máis. Tolkien nunca volveu tratar estas partes do legendarium, mais suponse que a batalla foi desbotada. Véxase The War of the Jewels, pp. 354-6.